InicioCulturaXacio Baño: "poñer a mirada no rural pode ser unha maneira de...

Xacio Baño: “poñer a mirada no rural pode ser unha maneira de loitar contra a uniformidade”

O director de Xove opta por 'Trote' a 15 premios Mestre Mateo, que se entregarán o sábado

Publicada o

- Advertisement -

‘Trote’, a primeira longametraxe do director Xacio Baño (Xove, 1983) acumula quince nominacións aos Premios Mestre Mateo, que concede a Academia Galega do Audiovisual.

O filme, que se estreou nos cines no pasado mes decembro, opta aos galardóns de mellor longametraxe, mellor dirección, mellor guión, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de producción, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario, ademais das cinco candidaturas interpretativas para os actores de reparto Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo, e os protagonistas, María Vázquez e Federico Pérez.

A espera da celebración da gala, o sábado no Palacio da Ópera da Coruña, falamos co realizador xovense.

Algunha intución nas horas previas?

Non, de momento nen sequera pensei moito niso. Irei a comprar algo de roupa mañá por se teño que saír a recibir algún premio (ri). Pero pode que incluso teña que quedar na butaca. Se algo me alegraría sería ver que se recoñece o traballo da xente do equipo.

“irei a comprar roupa mañá por se teño que saír a recibir un premio. gustaríame que se recoñecese ao equipo”

A LOUSA DOS ROLES

En ‘Trote’, a historia de ficción -a dunha muller que vive baixo a lousa do rol que lle asignan na súa familia- ten como pano de fondo a rapa das bestas, que filmaches do real. Que recursos empregas para empastar eses dous planos?

Non é doado. Hai algo puñetero no cine. É unha arte moi cara. A xente tende a copiar. A asegurar. A ir onde outros foron antes. Eu concebín a película doutra maneira, tratando de lograr unha linguaxe propia.

Esa foi a gran viaxe que me proporcionou, ver como me desenvolvía nesas dúas zonas do taboleiro. O filme empeza nun lugar máis intelectual, máis estático, máis planificado, e remata nun lugar máis animal e máis instintivo.

Fotograma de ‘Trote’. FRIDA FILMS

Que foi primeiro, a rodaxe da rapa ou a ficción?

O primeiro foi a rapa. Quería capturar para o cine unha rapa. Nunca participara en ningunha, é un ritual que estaba lonxe do meu mundo, pero si me interesou filmar esa mestura entre persoas e animais, ese impulso que leva a homes e mulleres a loitar e expoñerse á súa forza. Iso daba pé a moitas historias posibles. Unha delas o guión de ‘Trote’, que invita a pensar se debemos ser máis animais ou máis humanos.

“a película invita a pensar se debemos ser máis animais ou máis humanos”

A que conclusión cres que chega o espectador? Procurabas unha?

O que procuramos foi unha película moi sensorial, na que tes que estar preparado para perderte. Supoño que cada quen chegará a un lugar pero creo que podemos coincidir en rematar entendendo que hai unha parte animal en nos coa que temos que saber convivir para non facernos dano. Temos a necesidade de correr, de gañar terreo, como teñen os animais. Esa necesidade de expandirse está na película.

‘Trote’ é a túa primeira longametraxe. Viñas de facer curtas: ‘Anacos’ (2012), ‘Eco’ (2015) ou ‘Ser e voltar’ (2014), gravada cos teus avós de Xove. O paso responde a un propósito definido ou xurdiu de forma máis espontánea?

Síntome moi cómodo facendo curtas,  danche liberdade, permítenche experimentar sen mancarte. Non tiña a ambición de facer unha longa. Imaxinei que chegaría pero teño unha mente moi labrega, de ir pouco a pouco.

A produtora Frida Films púxose en contacto conmigo e de aí naceu o proxecto. Pedinlles facer unha peli para aprender, non para asegurar ou levar o espectador a lugares nos que xa estivo.

Por outro lado, creo que era a única maneira de facer unha película que tivese certo recorrido en festivais e co que poder sacar a cabeza.

Fotograma de ‘Trote’. FRIDA FILMS

A RODAXE

Aínda que non haxa ataduras desde o punto de vista creativo, unha longametraxe implica traballar con moita máis xente.

Si, eu digo que saín moi golpeado da rodaxe porque non imaxinaba a lentitude dos procesos, o traballo que se fai nos sets, a laboriosidade da produción. O primeiro erro foi meu, por non entender de todo o que implicaba facer unha longametraxe.

“sabiamos que facer ‘trote’ en galego significaba asumir que custaría máis que tve entrase na produción”

Rodamos en catro semanas. Cando se pide unha película deste tipo tes que asumir que hai estas contrapartidas. Da mesma maneira, sabiamos que facela en galego significaba asumir que custaría máis que TVE entrase na produción.

Como valoras que chegase ás salas dos cines comerciais?

Se che son sincero, non cría que fose unha película moi comercial. Sen embargo, estreouse en 16 salas. Estou especialmente contento de que tivese esa difusión en Galicia.

“a montaña e o interior están retratados desde o punto de vista dos que viven nel, non coa imaxe idílica dos que van en verán”

Creo que, aquí, á xente interesoulle ver o rural interior, de montaña, retratado desta maneira, desde este punto de vista dos que viven nel, e non a imaxe idílica que poden proxectar quen ven de vez en cando, nos veráns, á casa dos avós.

O CAMPO E O CINEMA

Parece que interese polo rural é compartido con outros creadores e creadoras galegas novas. Vimos ‘Aquilo que arde’ de Oliver Laxe. ‘Trinta lumes’ de Diana Toucedo. 

Creo que o rural fala dun lugar máis auténtico que o lugar ao que imos como sociedade. De grandes titulares, de brocha gorda, de uniformidade, de discurso único. Nese sentido, poñer a mirada no rural pode entenderse comou unha maneira de loitar contra esa deriva máis globalizadora.

Doutro lado a xente é moi máxica. O silencio do rural é moi agradecido para a cámara. Pero ese interese xa estaba por exemplo en ‘Mamasunción’, de Chano Piñeiro.

“O MES QUE VÉN EMPEZAREI A GRAVAR UNHA CURTA EN XOVE, SOBRE UN FAMILIAR QUE MORREU NA GUERRA CIVIL”

NOVA CURTA

Tes algún proxecto entre mans?

Si, o mes que ven empezarei a rodar unha curta en Xove, sobre un familiar que morreu na Guerra Civil, en Toledo, aos 17 anos.

Tiña pola casa algunhas das cartas que enviou e tamén queda parte do relato oral. A historia permite falar sobre como traballan o esquecemento e a memoria. Este momento no que estou agora, de crear, de darlle voltas, para pechar a historia é o momento no que máis disfruto.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...