Axenda da última fin de semana do Entroido na Mariña Lucense

O Carnaval animará Foz, Barreiros, Mondoñedo, Trabada, Galdo, San Román ou Burela

Entroido de Mondoñedo. TURISMO DE MONDOÑEDO

Como cada venres, o Xornal da Mariña repasa a axenda cultural e de ocio da fin de semana, na que varias localidades mariñás festexarán o Entroido.

ENTROIDO

Foz queimará o Entroido este venres. Ás dez da noite sairase do Campo da Cabana ata o peirao, onde haberá un ágape para os asistentes.

En Barreiros, o desfile será tamén este venres, ás 21.00 horas na Praza do Concello ou no polideportivo se o tempo non acompaña. A partir das 22.30 horas haberá cea e despois baile, co grupo musical Lecer.

En Mondoñedo, a comitiva do Carnaval desfilará o sábado, a partir das 17.30 horas desde o Campo dos Paxariños á Praza do Concello. Repartiranse 5.000 euros en premios, e a partir das 20.00 horas haberá música coa orquestra Principal e o Grupo Xuventude.

Trabada tamén se rendirá ao Entroido o día 9. A festa, desde as 19.30 horas, contará con carpa e pulpería, repartirá 3.000 euros en premios e estará amenizada por Grupo Fénix e Dúo Merengue.

O sábado tamén será o día da celebración do Entroido na localidade viveirense de Galdo, a partir das 22.00 no local social Trave 21. Haberá premios para os mellores disfraces e verbena co dúo D Vicio.

A parroquia cervense de San Román de Villaestrofe programou a súa festa de disfraces, organizada por As Espalladoras, para o sábado. O baile comezará ás 22.30 horas no pavillón, nunha noite que amenizará a música de La Oca Band.

Pola súa banda, Burela celebrará o Enterro da Sardiña o día 9, con saída ás 20.00 horas desde Arcadio Pardiñas -na zona do Mesón do Poeta- ata O Penoural, onde se queimará a sardiña, feita polos usuarios da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña. Ao remate repartiranse de balde bolos preñados e viño.

OUTROS EVENTOS

O venres, Pepe Peinó presenta a súa novela ‘A Fuxida‘ no salón de plenos de Mondoñedo. A partir das 20.00 horas.

En Viveiro, Carlos Blanco repasará o sábado -20.30 horas, teatro- as súas historias máis coñecidas no espectáculo ‘Os meus mellores monólogos‘.

Tamén o sábado, a eurodeputada Lídia Senra falará en Ribadeo sobre as pensións.

En Alfoz, o Festi-Val comeza o día 9 coa reposición do filme ‘A carta‘, rodado polo Grupo Teatral Raiolas no ano 2006.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here