O karaoke, novidade das sextas Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz

Castro de Ouro defenderá o título nunha competición que comeza o 6 de abril, con deportes

Castro de Ouro, parroquia gañadora da quinta edición. AXM

As Olimpíadas Interparroquiais de Alfoz regresan neste mes de abril. A competición comezará o vindeiro sábado.

O día 6 será a proba deportiva e o 13 será a quenda da cultural. O sábado 20 avaliaranse as dotes artísticas dos equipos participantes e o 27 pecharase a competición cos xogos populares.

Todas as xornadas celebraranse no pavillón municipal de Alfoz a partir das 17.00 horas, agás a inicial, desde as 18.00. A proba deportiva recupera este ano o tiro con arco, os tiros libres de baloncesto e o brilé.

CAMBIOS

Como cada ano existirán novidades respecto a edicións pasadas, que foron debatidas cos capitáns das distintas parroquias nunha reunión que se celebrou no pasado mes de marzo.

Segundo indica Xabier Pardiñas, responsable de cultura e turismo do Concello de Alfoz, entre as novidades deste ano pódese destacar que “na proba artística cada parroquia deberá concursar no xogo de karaoke Sing Star, no que os xogadores cantan cancións para gañar puntos”.

Cartel das Olimpiadas. AXM

Ademais, nas “probas de xogos populares, recupéranse os xogos de tiro á corda, carreira de sacos e carreira á cadeira da raíña, conservando o xogo da recollida de carocas, “proba que será realizada por nenos e nenas de ata doce anos e que xa tivo éxito nestes anos”.

NORMATIVA

As parroquias estarán representadas por equipos mixtos de cinco compoñentes como mínimo e dez como máximo. As probas seguirán a modalidade de eliminatorias, comezando por cuartos de final, seguidas de semifinais e final, polo que se realizará un sorteo antes de cada unha delas.

Poderán participar todos os veciños e veciñas das diversas parroquias de Alfoz que estean ou estiveran empadroados ou sexan naturais do concello, ou ben que teñan parentesco en primeiro ou segundo grao con estes.

INSCRICIÓNS

As inscricións realizaranse, a través dos capitáns de cada parroquia, na biblioteca municipal, indicando nome e apelidos, proba na que participa e grao de relación coa parroquia. Para máis información ponse a disposición dos participantes o email olimpiadas@concellodealfoz.com e o número de teléfono 647.57.00.25.

CASTRO DE OURO, VIXENTE CAMPIÓN

Adelán, Bacoi, Carballido, Lagoa, Mor, Pereiro e As OirasVilaúde e Castro de Ouro puxeron toda a carne no asador na pasada edición para ser a mellor parroquia do municipio. A gloria correspondeu á última fegresía, que defenderá o título.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here