La Glacial de Riotorto: cando a provincia era unha potencia da gaseosa

As Xornadas de Historia Local de Arricandeira comezan este sábado cun repaso á historia desta bebida, sobre a que un investigador propón crear un museo

Jose Luis de Carrao a carón do Buick que empregaba para o reparto polas parroquias. RIOTORTO NO TEMPO

A industria da gaseosa centrará o primeiro relatorio das Xornadas da Historia de Riotorto (Casa da Cultura Avelino Díaz, 19.00 horas), que se desenvolven durante a fin de semana.

O investigador e coleccionista Miguel Ángel Martínez Coello repasará a historia desta bebida inspirada nas augas carbónicas naturais que comezou a producirse de forma industrial en Galicia a partir dos anos 30.

No século pasado, contabilizáronse unhas 500 fábricas de gaseosas e refrescos, 100 delas na provincia de Lugo. “En moitos pequenos concellos, era a única actividade industrial”, precisa o estudoso.

Cada empresa tiña a súa zona de distribución e a súa propia fórmula á hora de facer a mestura. Onde se vendía unha marca non entraban outras. “Os sabores eran distintos. Nuns sitios procuraban un resultado máis doce e noutros máis ácido, en función do gusto dos consumidores”, precisa Martínez Coello.

no século pasado contabilizáronse 100 fábricas de refrescos na provincia de lugo

A competencia das grandes marcas de refrescos mudou por completo o escenario, pechando a maioría das fábricas e convertendo as primeiras botellas -de cristal, con deseños en relevo, tapón de presión e serigrafías– en obxectos de coleccionista.

LA GLACIAL

En Riotorto, esa páxina da historia leva o nome da fábrica de gaseosas La Glacial. Durante corenta anos, a marca estivo presente nas mesas onde había algo que celebrar e nas xornadas de traballo no campo.

“Bebíase moito viño con gaseosa. No verán coas segas, as mallas, as reunións familiares, non dabamos feito”, lembra Jose Luis de Carrao, que comezou co negocio en 1960.

“Era unha empresa familiar, cunha producion modesta, que vendiamos a nivel local”. O reparto nas Rodrigas facíase cunha carretilla de dúas rodas e nos arredores cun Buick de 1928 que, co paso dos anos, substituíu por un Ebro vermello. “Daquela había unha ou dúas tabernas en cada parroquia”, remarca.

o reparto facíase nun buick de 1928. “había dúas tabernas en cada parroquia”, di o fundador

A gaseosa requería dous ingredientes fundamentais. A auga, que traían dun manancial propio -a Fonte das Vacas-, e un xarope – responsable do sabor doce- que mercaban a un proveedor de Murcia.

A produción de La Glacial foise diversificando ata envasar tamén refrescos de laranxa e limón, elaborados con extractos de cítricos dos que se aprovisionaban tamén no Levante, e mesmo colaCol Gyn-.

Botellas de refrescos de La Glacial. MARTÍNEZ COELLO

a empresa riotortense mantívose activa catro décadas, ata o 2002, e resistiu o envite de la casera ou revoltosa

A fábrica resistiu o envite de grandes marcas como La Casera ou Revoltosa. “Esa competencia pouca pena nos deu porque tiñamos os nosos clientes de sempre”, asegura o empresario riotortense.

De feito, mantivo a actividade ata 2002. “Deixámola cando me xubilei, anticipadamente, porque xa iba cansado. Foron corenta e pico anos, todos os días coa mesma cousa”.

PATRIMONIO PARA UN MUSEO

A maquinaria, a botellería -co último pedido, que non chegou a utilizar, intacto- e os camións que empregou para o reparto seguen na fábrica. “Como tiña espacio para telo deixeino quedar, incluso as primeiras máquinas, que comprei a un proveedor de Valladolid”, indica.

O investigador Miguel Ángel Martínez Coello chama a atención sobre o valor deste patrimonio. “É unha das poucas fábricas que coñezo que conserva todos os elementos. Con esa base,  poderíase facer un bo museo. Sería o primeiro de Galicia”, comenta o experto, que conta cunha colección propia de 60.000 sifóns e botellas -unhas 20.000 de locais e marcas do país-.

martínez coello conta con 60.000 sifóns e botellas para unha posible pinacoteca

“O museo podería acoller coleccións privadas e servir tamén como centro de estudo da historia desta industria. Habería moito traballo para facer se a iniciativa tivese un orzamento e un apoio institucional”, propón.

Jose Luis Carrao e Miguel Ángel Martínez Coello. MARTÍNEZ COELLO

CHARLA SOBRE O ESCULTOR XOSÉ RIVAS

As Xornadas da Historia de Riotorto, organizadas por Arrincadeira, continúan o domingo cunha charla sobre o escultor Xosé Rivas Rodríguez (1885-1950), natural de Ferreiravella.

O historiador Antón Niñe Fernández repasará a biografia e obra do autor, un dos nomes máis destacados da imaxinería do século XX en Galicia e creador da iconografía da Virxe mariñeira.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here