InicioCulturaBlas Cantó: "O de Mondoñedo será un concerto distinto, de dar a...

Blas Cantó: “O de Mondoñedo será un concerto distinto, de dar a man ao público”

O cantante murciano, ex de Auryn, ofrecerá un recital acústico este martes nas Quendas

Publicada o

- Advertisement -

Ex integrante da boyband Auryn e estrela televisiva no programa ‘Tu Cara Me Suena’, Blas Cantó presentará este martes en Mondoñedo (22.00 horas, auditorio Pascual Veiga) unha faceta diferente de si mesmo, en formato acústico, dentro do programa das Feiras e Festas das Quendas.

Leva desde setembro cunha xira que recala na Mariña Lucense.

Galicia é un dos lugares que mellor me tratou sempre. Cada vez que actuei aquí sempre houbo fans que agardaban a darme un abrazo, a facer unha foto. Non só nos concertos, senón mesmo cando participaba en programas de televisión. Cando a oficina de management pechou a primeira listaxe de territorios da xira non estaba, e encolleuseme o corazón. Miramos de falar con algunhas localidades para poder tocar porque sempre houbo un público agradecido.

Coñece Mondoñedo?

Pois a verdade é que non, e apetéceme moito.

Un lugar con historia antiga, de xente da cultura e cun casco histórico emblemático. As Quendas, as festas e feiras nas que se engloba o seu concerto, son de tradición gandeira pero inclúen tamén un recital poético polas rúas.

Eso que dis é moi bonito. Estame apetecendo aínda máis.

Presenta o seu primeiro disco, ‘Complicado’ (2018).

Comezamos a xira antes do álbum e cremos que é o motivo perfecto para seguir xirando e mostrando a nosa proposta por lugares onde non estivemos.

E farao nun formato distinto, acústico. Que ten de especial?

Hai uns días actuamos en Tui para 5.000 persoas, e en Mondoñedo (as entradas están esgotadas) farémolo para uns centos. É un espectáculo máis íntimo e cálido, totalmente diferente, non só pola sonoridade senón tamén polo ambiente, de dar a man ao público, bromear, estar relaxados e pasalo ben.

Os concertos acústicos tenden a reducir as formacións, pero no seu caso leva catro músicos.

Si, gústame referirme a nós porque somos unha banda de cinco músicos. (Son Pedro Elipe -teclados-, César Gálvez -guitarra-, David Sánchez Llavona -batería- e David Mangado -baixo-). Levamos adestrando moitas horas na sombra para poder dar estes concertos, e creo que se nota.

Que premisas tiña para este disco?

Pois tiña claro que quería cantar non só en inglés, senón tamén en castelán. Son dous mundos diferentes para min e quería mostralos.

Cando un ten tanto éxito cunha banda como Auryn, dá vértigo comezar unha carreira en solitario?

Non demasiado, porque teño claro que na vida sempre son necesarios os cambios. Aínda que ao principio dan algo de medo, como é normal. Pero creo que sempre estamos empezando de cero. O público medra, eu tamén, e a acollida foi positiva. Teño grandes lembranzas de Auryn, a aprendizaxe que me deu foi incrible, pero estou contento de que acontecese este cambio.

Que repertorio ofrecerá en Mondoñedo?

Pois tocaremos cancións do disco e tamén haberá algunha de Auryn.

Resulta tedioso cantar en todos os escenarios cancións que teñen un éxito como o de ‘Ese no soy yo’, ou pezas de Auryn?

É certo que cando empezan os primeiros acordes igual é máis difícil entrar nesas cancións que noutras, pero cando ves a reacción do público engánchaste.

Tómomo como un agradecemento ao público que vén verme, persoas para as que quizais algunha peza ten un significado especial. A fin de contas, hai que entender que esas cancións forman parte da banda sonora da vida das persoas que veñen ao concerto, e se por un momento podes facelas felices dándolles algo que lles gusta, por que non o vas facer.

Pasa tamén coas cancións de Auryn. Non está mal esquecer de onde vén un. Ademais, cando soan esas pezas hai unha sensación de nostalxia moi bonita.

E agora vén de participar na dobraxe dunha película de animación, do director de ‘Shrek 2’.

Así é. ‘Ugly dolls: extremadamente feos’ é unha historia sobre monstros de trapo que convida a reflexionar sobre a diversidade e a integración.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...