Noventa músicos actuarán baixo a batuta do director David Fiuza no obradoiro da banda de Viveiro

Un concerto será o broche final ao taller organizado pola agrupación, do 25 ao 28 de xuño

David Fiuza. AXM

A Banda Municipal O Landro de Viveiro reunirá noventa músicos de toda a provincia nun obradoiro que realizará do 25 ao 28 de xuño. Durante catro xornadas, os asistentes á actividade participarán en sesións colectivas nas que poderán perfeccionar a técnica e ampliar o seu repertorio.

Baixo a dirección de David Fiuza, os participantes traballarán de forma conxunta na preparación dun concerto final que se celebrará o venres 28 no Teatro Pastor Díaz (20.45 h.). Así, realizarán ensaios xerais e seccionais, tanto en horario de mañá como de tarde, “simulando a vida profesional dunha agrupación”.

O director da banda viveirense, Carlos Timiraos, destaca a oportunidade que supón para os músicos “traballar cunha persoa do talento e da grandeza” de Fiuza, director titular da Banda Artística de Merza, decana das bandas populares galegas, e da Gran Canaria Wind Orchestra.

Tamén puxo en valor a posibilidade “de tocar nunha agrupación sinfónica tan grande, algo que”, subliñou, “non pode facerse en moitos lugares de Galicia”. A maioría das bandas reunen uns corenta ou cincuenta músicos sobre o escenario.

CONCERTOS

A programación do obradoiro, que conta coa colaboración do Concello de Viveiro, inclúe outros dous concertos abertos ao público. O mércores, o quinteto de metais Hércules Brass, que ten entre os seus integrantes ao músico da banda viveirense Rodrigo Rodríguez, actuará nasala multiusos (20.45 horas).

O xoves, o musicólogo e intérprete Abraham Cupeiro, recoñecido pola súa labor na recuperación de instrumentos esquecidos, actuará na Igrexa das Concepcionistas (20.45 horas).

CANTEIRA DE MÚSICOS

“Son dúas actuacións de gran calidade coas que queremos facer unha semana redonda”, apunta o director viveirense, que subliña tamén a transformación das bandas populares. “Durante décadas facían unicamente actuacións en directo pero o seu papel foi mudando ata converterse nunha gran canteira de músicos”.

A agrupación do Landro conta cun centenar de músicos entre a Banda Municipal e mais a Banda Xuvenil, na que descansa o traballo didáctico e de formación. A banda viveirense foi segunda na última edición do Certame de Bandas Municipais de Galicia.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here