InicioEn Profundidade(CRÓNICA) O Resu: Viveiro quere o rock duro, o rock duro quere...

(CRÓNICA) O Resu: Viveiro quere o rock duro, o rock duro quere a Viveiro

A localidade valora a temperanza dos seareiros e celebra o revulsivo económico que supón o festival, mentres que os fans resaltan o "carácter familiar" que a vila dá ao evento

Publicada o

- Advertisement -

“Haiche xente por todos os sitios”. Mentres o xornalista conversa cun veciño fronte á praia urbana de Celeiro, nun mediodía soleado, outro celeirense pronuncia a frase a modo de saúdo. Non expresa fastío nin resignación, senón a ledicia da novidade. Non debera selo, pois o Resurrection Fest -cuxa décimo cuarta edición remata este sábado- é desde hai anos unha cita multitudinaria. Pero para esta cidade de menos de 16.000 habitantes -a que forma este barrio pesqueiro xunto aos núcleos de Viveiro e Covas, un pegado ao outro- albergar un dos festivais de rock máis grandes de Europa segue a ser motivo de asombro.

A historia é coñecida, pero non por iso menos chamativa. Un grupo de amigos decide que Sick of It All, a súa banda preferida, actuará en Viveiro. Reúnense co alcalde, o finado Melchor Roel, que -sexa por solidaridade cos rapaces, polo seu gusto polo rock ou porque intuíu unha galiña dos ovos de ouro- compromete apoio. Catorce anos máis tarde, o coñecido cariñosamente como ‘Resuespera un récord de asistencia, con 100.000 espectadores de 44 países diferentes.

“DOS MELLORES DE EUROPA”

Cando o madrileño Jose, que loce unha camisola dese mesmo grupo, escoita o relato do nacemento do Resurrection Fest, ri e encóllese de ombreiros. Explica que “ir a festivais” é a súa maneira de “facer turismo“, e que coñece uns cantos. Por iso pode asegurar, “con coñecemento de causa”, que o Resurrection Fest é “un dos mellores” do continente.

Concerto de Slipknot. RESURRECTION FEST

Despois de asistir a cinco edicións, desenvolve o argumento. Primeiro, subliña que “o cartel conta con grupos de primeira liña”. Non lle falta razón: Slipknot, Slayer ou Parkway Drive son bandas de talla mundial. Antes pasaron polo antigo campo de fútbol de Lavandeiras Iron Maiden, Scorpions, Kiss, Korn, The Offspring, RammsteinMotörhead ou Megadeth.

Ademais, “moitas veces as bandas que menos coñeces son as que máis che gustan. Os prezos son axustados e a organización, moi boa“, engade, para agregar que Viveiro é un sitio “bonito e fresco”.

Recinto repleto para ver a Trivium. RESURRECTION FEST

Só se lle ocorre unha circunstancia negativa, afirma: os excesivos controis policiais. “Pregúntanche se levas armas, parece que viñesen terroristas. Non hai dereito”, lamenta.

OS PREXUÍZOS, EN RETIRADA

Os prexuízos sobre a marabunta de camisolas negras que chega a Viveiro cada primeira quincena de xullo aínda persisten, pero cada vez menos. Polas rúas crúzanse mozas de muslos tatuados con nenos que xogan á pelota, rapaces de lóbulos dilatados con xubiladas que volven da compra. A veciñanza valora a temperanza dunha xente que vén a desfrutar da música, con amigos ou coa familia.

PAIXÓN INTERXERACIONAL

Daniel Santiago, un mozo de Cangas do Morrazo, pasea cunha rapaza, ambos de vintepoucos. Camiñan mentres conversan cunha parella que os dobra en idade. “Vimos os tíos e os sobriños“, sinala.

A paixón pola música é interxeracional. “Entramos ás catro da tarde no recinto e saímos ás tres da mañá”, indica o maior dos homes do grupo, que rompe o negro dominante cunha zamarra branca de David Bowie.

IMPACTO NA ECONOMÍA

“Está moi ben que haxa estas cousas”, afirma o celeirense Francisco López. “Esta xente é moi pacífica, hai un ambiente xenial. Nunca houbo ningún problema”, subliña.

López salienta o revulsivo económico que supón o Resu para non só o municipio de Viveiro, senón para a comarca. “A xente para no Vicedo, Burela, Cervo ou Xove… Toda A Mariña Lucense, e os alquileres chegan a Ortigueira“, enumera. Daquela saúda un veciño: “hai xente por todos os sitios”.

Asistentes ao festival, descansando no cámping de Area. VANESA GÓMEZ LOURIDO

Para a economía de Viveiro e da Mariña Lucense, o Resurrection Fest supón unha inxección económica estacional de primeiro nivel. Segundo a organización, o festival deixou nos catro días da edición de 2018 8,5 millóns de euros en Galicia, dos cales 6,6 quedaron na bisbarra.

DE DOUS A 20 TRABALLADORES

No bar Rancho Chico, no porto de Celeiro, o propietario recibe unha tras doutra peticións das socorridas racións de pementos de Padrón, chipiróns ou raxo. Nesta pequena taberna traballan habitualmente dúas persoas. “Estes días somos 20“, resume o dono do establecemento, que calcula que, ademais das comidas, despacharán “arredor de 1.000 cafés ao día“.

O titular do local fala do Resurrection máis multitudinario ata o de agora, unha opinión que argumenta en base á afluencia o pasado mércores, o primeiro día do festival. “Habitualmente é tranquilo, pero este ano pillounos por sorpresa. Houbo moitísima xente”, sostén.

OS HOSTALEIROS: É “DARNOS A COÑECER”

Suso Louzao, dono do restaurante Louzao e do hotel Augadoce, ubicados en Area, corrobora a importancia do evento para os negocios da zona. “As habitacións están ao completo e temos as reservas practicamente feitas dun ano para outro“, expón.

Coa terraza do restaurante repleta de seareiros, mentres deixa sitio a camareiros que van e veñen a un ritmo frenético, Louzao explica coa concreción que lle impón a présa que o Resu significa “aumentar a capacidade durante uns días e unha gran facturación sobre todo en almorzos, pois a xente marcha pola tarde para os concertos”.

Máis ca iso, tamén representa un escaparate. “É darnos a coñecer, tanto á hostalería como á vila”, conclúe.

TRANQUILIDADE FÓRA, AXITACIÓN DENTRO

Jordi Caballero, un mozo de 28 anos natural de Manresa, confirma esta teoría. É a primeira vez que acode ao Resu. Como indica a súa camisola, veu principalmente ao concerto de Slipknot, cabeza de cartel do venres, pero namorou do lugar. “Viveiro estame gustando moito e seguramente volva máis adiante, para coñecelo mellor, aínda que non haxa festival”, afirma.

Concerto dos portugueses Devil In Me na primeira xornada do festival. RESURRECTION FEST

Cando se lle pregunta por unha palabra que defina o destino, sinala a “tranquilidade“. É a elixida por moitos seareiros, que valoran a calma dunha contorna que contrasta coa axitación dos ritmos potentes e escuros que desfrutan dentro do recinto.

Caballero asegura que “cada festival ten a súa esencia, segundo o estilo de música, pero a comunidade metaleira é bastante uniforme. Somos xente á que lle gustan as cousas familiares”, indica.

UN FESTIVAL “ACOLLEDOR”

Que distingue ao Resu? “Que é todo moi familiar”, responde Arturo Fernández, natural de Madrid. Vén a Viveiro con amigos da capital do Estado e de Bilbao. A primeira vez que pisou o recinto foi no 2009, con 23 anos, hai unha década.

Preguntado polo motivo que o leva a repetir, contesta que ver a bandas como os franceses Gojira. Pero logo lembra outra razón. “Non hai disparidade entre a xente, non hai movidas, sentes como que nos bares e nas rúas te acollen ben, como se quixesen que estiveses aquí. E iso é un punto fundamental”, conclúe, e quizais resuma nesa frase o idilio de 14 anos entre Viveiro e o rock duro.

ESTE SÁBADO, FIN DE FESTA

Lamb Of God (20.45 horas), Within Temptation (23.00) e King Diamond (01.30), todos no escenario principal, son os principais atractivos dunha xornada do sábado na que tamén tocarán Berri Txarrak (22.00 horas) e Cult Of Luna (00.30, ambos no Chaos Stage).

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...