Adrián Canoura: “gústame retratar mundos que desaparecen”

O cineasta burelés recibiu dous premios no festival Filmadrid por 'Caerán lóstregos do ceo'

Canoura, na entrega de premios de Filmadrid. CECILIA VINCENTELLI

Adrián Canoura (Burela, 1991) vén de recibir dous premios -o de mellor película de vangarda e o de Camira, asociación de críticos e académicos- dos sete que se reparten no festival Filmadrid. Colleitou os galardóns con ‘Caerán lóstregos do ceo‘, a súa terceira curta, tras ‘O porco e o seu espírito‘ e ‘Salitre nas veas‘. 

Que destacou o xurado da túa peza?

Gustoulles moito como se levou a cabo un tema tan especial como poden ser os mitos, o sobrenatural. Como se plasmou nunha película, en imaxe e tamén en son, que está moi traballado, a verdade.

Que trata a túa curta?

Trata sobre a cultura espiritual en Galicia. Moita xente pregúntame pola Santa Compaña, pero non se trata só diso, é máis ben un fío ou unha historia de onde tirar. A base deste traballo foi investigar crenzas, tradición oral, das historias dos vivos e dos mortos. Lin moitos textos que fixo Vicente Risco, e sobre os rituais paganos que mudaron en rituais cristiáns. Na curta non hai diálogo, si inclúo catro poemas de Rosalía de Castro, de ‘Follas Novas‘.

“a base da cinta premiada foi investigar crenzas, tradición oral, as historias dos vivos e dos mortos”

O son ía ser ao principio un acompañamento musical e co paso do tempo cambiou. Fun descubrindo texturas e quedou nun son de ambiente que te absorbe, faiche sentir que estás no medio do monte. Creo que lle deu á película un impulso importante.

Como foi o proceso de realización?

O proxecto comezou lendo poemas de Rosalía. A partir de aí funme encamiñando, aínda que me levou un tempo concretar que quería retratar. Quizais foi o máis difícil, porque entras nun terreo de historias intanxibles, inabarcables.

Fotograma de ‘Caerán lóstregos no ceo’. A. C.

A miña maneira de traballar é moi punk. Non teño apoios institucionais e polo tanto é un proceso moi artesanal, moi precario pero tamén moi satisfactorio, porque o que hai na curta é o que eu quero, cos meus acertos e os meus erros.

Onde gravaches?

Houbo varias localizacións. San Andrés de Teixido, a serra da Capelada, tamén zonas da Mariña como Alfoz, Xove ou Viveiro. Tamén gravei no sur da provincia de Lugo, no Folión das Fachas de Vilelos.

“traballei sobre a matanza do porco, o mar ou as crenzas populares. por agora interésame falar do que me rodea”

Imaxino que o lóstrego é unha figura cultural singular e tamén atraínte para un creador.

O lóstrego é unha figura moi visual, sempre me chamou moito a atención. Hai familiares meus aos que aínda lle dan como arrepíos. Tamén ao longo da historia asociouse co Demo… E está o feito de que primeiro vese a luz e despois o son, que é algo moi potente.

No teu traballo hai un gusto pola antropoloxía. As túas curtas trataron a matanza do porco, o mar e mailas crenzas populares.

Si. Son cousas que teñen que ver comigo. A matanza por meus avós, en Portocelo. O mar porque meus tíos teñen unha lancha do día no Vicedo, e meu pai un barco do pincho aquí en Burela. E é certo que o das crenzas é algo máis xenérico, pero non deixa de ser o mundo do que veño tamén. Tamén participei con Breixo Llano nun documental sobre a guerra do bonito. Por agora non me interesou falar doutras cousas que non sexan o que me rodea.

“perdemos o misterio, xa non hai mística. agora non se mete medo cos contos”

Eses tres temas teñen outra cousa en común, son rasgos culturais que se perden. Case non se mata xa o porco nas casas, cada vez miramos menos ao mar…

E perdeuse tamén a mística, a tradición oral. Igual é que agora contamos con máis información, pero perdeuse o misterio. Meus avós contaban este tipo de historias, meus pais xa non. Agora non se mete medo nos contos. Eso dáme pena e interésame moito, deixar un retrato de cousas que se van perdendo, cousas ligadas a min, ao ambiente social e económico no que me criei. Os meus descendentes case seguro non verán a matanza, o que pase co mar verase, as historias míticas pérdense.

Utilizas as palabras de Rosalía. É habitual que uses textos, poesía?

Neste caso Rosalía reflectiu moi ben o mundo místico que eu quería contar. E que menos que reivindicar a artistas que seguen vixentes, que foron importantes e vano seguir sendo. Non poden quedar en meras lendas ou pezas de museo, adícarlle un Día das Letras e acabouse. E ademais o cinema ofrece moitas posibilidades para integrar arte de distintas disciplinas.

En ‘Salitre nas veas’, neste caso, non me inspirei nunha escritora de prestixio senón nun veciño do Vicedo, que atopei no peirao e recitoume algúns poemas, que me pareceron moi fermosos. Collín o micrófono e graveino.

Outra das túas facetas é a realización de videoclips.

Gústame moito. Teño feito varios, por exemplo, para Baiuca, que é un grupo que me deixa liberdade total para traballar. A mágoa é que hoxe todo o mundo quere ter un videoclip, pero ninguén quere pagar por el. Custa facer entender que todo require un esforzo. Ti non vas á panadería, colles unha barra e dislle ao panadeiro que xa lle devolverás o favor.

“neste SECTOR custa facer entender que todo require un esforzo e hai que pagar polos traballos”

Poden axudarche estes premios a sacar a cabeza como cineasta?

A ver que ocorre. Xa levo anos facendo curtas, unha delas estrenouse en Nouveau Cinema, en Canadá, nun festival no que se proxectou ‘Blade Runner 2049‘, e pasou desapercibida. Gañar un premio pode facer que te miren doutra forma, pode axudar a mover as túas creacións, entrar nalgún evento máis no que non contabas estar. E logo, de cara a facer solicitudes ás institucións sobre novos proxectos, pois xa hai unha mochila.

E que tes en mente?

Seguir movendo as miñas curtas por festivais. Gustaríame facer unha longametraxe e que tratase sobre o mar, pero non hai nada concreto por agora.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here