InicioCulturaCaldo y os Rabizos reúne a música tradicional do Eo-Navia no seu...

Caldo y os Rabizos reúne a música tradicional do Eo-Navia no seu primeiro disco

O traballo inclúe quince cortes cunha trintena de pezas baseadas no repertorio do folclore do este da provincia de Lugo e Occidente de Asturias

Publicada o

- Advertisement -

A “bandina” asturiana Caldo y os Rabizos vén de publicar o seu primeiro disco, titulado ‘La música tradicional de Eo-Navia’. O traballo inclúe quince cortes cunha trintena de pezas baseadas no repertorio do folclore do este da provincia de Lugo e Occidente de Asturias.

O grupo, formado por cinco membros –Pepín de Muxalén (saxofón), Andrés Rodríguez Monteavaro (gaita), Marga Lorences (acordeón), Ruma Barbero (bombo) e Miguel Rodríguez Monteavaro (redobrante)-, iniciou a súa traxectoria no 2015, a raíz do concepto de Noite en Danza, que pretende recuperar o protagonismo da música tradicional como punto de encontro e de celebración.

“É un pouco como os seráns ou foliadas galegas. Xente que queda para bailar e a partir de aí, o que saia”, explica Miguel Monteavaro. Así, o grupo está enfocado ao baile.

MICROMECENADO

A bandina acudiu ao micromecenado para financiar a gravación. Acadou nun tempo récord 6.478 euros dos 3.500 que se marcaron como obxectivo. Os mecenas están a recibir estes días, ademais do álbum, recompensas en función da contía coa que colaboraron. “É unha forma de financiamento xenial. Estamos en contra da política de subvencións, de ter que deber nada a ningún goberno”, sinala.

REPERTORIO

O repertorio de ‘La música tradicional de Eo-Navia’ bebe de tres fontes fundamentais. A primeira é o arquivo de tradición oral de Xosé Antón Fernández ‘Ambás’ e Ramsés Iglesias, “dous investigadores que levan moitos anos andando todos os pobos de Asturias e Galicia”, indica o músico.

O segundo dos piares do álbum son partituras que se atoparon en Miudes, no Franco, “centos de pezas dos Alonso, unha familia de músicos que compuñan melodías baseadas no estilo tradicional, desde o século XIX ata hai pouco”, expón Monteavaro.

Finalmente, tamén nutriu o traballo a propia recollida que fan desde hai anos os irmáns Monteavaro.

ARQUIVO PROPIO

Ambos traballan na elaboración dun arquivo da tradición oral para o que teñen recollidos “centos de horas de gravación en vídeo e audio. Temos unha cantidade de temas tremenda, para este disco e outros tres máis”, chancea.

O percusionista compila xunto ao seu irmán, Andrés, expresións culturais da zona fronteiriza entre as ribeiras dos ríos Eo e Navia. “É un sitio no que se xuntan un montón de formas diferentes de ver a cultura, de tocar, de bailar, de cantar. É unha zona rural que sempre se tivo de menos con outras zonas porque nunca houbo un poder económico forte, pero culturalmente e etnograficamente é moi potente”, describe.

POÑER A TRADICIÓN DE MODA

Con todo e malia o seu esforzo por reunir o acervo cultural, a bandina non reproduce a tradición senón que recolle ese patrimonio para traelo ao século XXI. “Hai cen anos esa música tiña un obxectivo, hoxe ten outro e en cen anos terá outro”, explica Monteavaro.

“O noso obxectivo é poñer de moda o baile tradicional. Nos 90, só bailaban ao xeito da tradición os grupos folclóricos. O que dicimos nós é: por que non imos bailar para divertirnos, para pasalo ben, para ‘pillar cacho’, para estar con este mozo ou con esta moza, ou cos dous?”, bromea o percusionista.

PREDECESORES

“O que facemos non é nada novidoso nin novo. Seguimos a liña da música tradicional que vén de atrás, os cuartetos e quintetos; Brisas del Navia, Os Ribanavia, Os Penácaros, Os Pampirolos, os gaiteiros Nela de Bres e Modesto, Juan Carlos de Taramundi”, indica Monteavaro.

E por que Caldo y Os Rabizos? “Ten certa explicación: O caldo de rabizos ou de nabizas, como se chame en cada zona, é un plato que en Asturias só se come na parte máis occidental, non toda Asturias o come. Máis ou menos, grosso modo, o Eo Navia Navia é o territorio onde se fai, esa parte da cultura galaico-portuguesa“, expón.

FRONTEIRAS POLÍTICAS, NON CULTURAIS

Monteavaro cre que hai unha unidade cultural. “A partir do século XIX víronse os límites políticos como algo ríxido, estanco, que non se pode mover. Pero culturalmente pasas de Taramundi á Pontenova, e dis, saltei a fronteira?”, pregunta.

“A fronteira é política, non cultural”, conclúe Monteavaro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...