InicioCulturaCaxade: "o de Viveiro será o penúltimo concerto da xira e estamos...

Caxade: “o de Viveiro será o penúltimo concerto da xira e estamos nun momento bárbaro”

O cantautor de Ames, cunha música a medio camiño entre as bandas de principios do século XX e o indie contemporáneo, pecha un tour tralo que quitará o seu terceiro disco

Publicada o

- Advertisement -

Alonso Caxade (Ames, 1981) chega este mércores ás festas patronais de Viveiro (Praza Maior, 22.30 horas) a piques de mudar, rematando unha xira -a do seu segundo disco, ‘E Isto é Amor‘ (2016)- que espera que marque un antes e un despois na súa obra. Demostra gañas de cambio, pero -sobre todo- de pechar cun broche de ouro un ‘tour’ de tres anos nos que mostrou por Galicia a súa música persoal e novidosa, a medio camiño entre a sonoridade das bandas galegas de principios do século XX e o indie contemporáneo.

P. Caxade chega a Viveiro no último treito da xira. Como foi?

R. O proxecto vai con moi boas sensacións, pola boa acollida do disco e porque tamén hai ganas xa de parar un pouquiño para facer balance antes de preparar o novo disco. A partir do 8 de setembro non faremos máis concertos, en principio, ata o verán que vén, a non ser que haxa algún recital de presentación do novo álbum na primavera. Viveiro vai ser o penúltimo concerto da xira de ‘E Isto é Amor’.

“temos tanta complicidade que queremos pechar unha etapa da mellor maneira, sen que nos colla a rutina”

Así que tanto a banda como as cancións chegarán engraxadas.

Estamos nun momento bárbaro non só a nivel de banda, senón tamén de técnico de son, de todo o aparataxe que conleva, nun momento físico moi bo… Está todo tan ben, temos tanta complicidade, que queremos pechar unha etapa da mellor maneira posible, sen que nos colla a rutina, e saír cear ou tomar algo, charlar e resetear para facer algo novo.

O DIRECTO

Quen o acompañará no escenario de Viveiro?

Non houbo modificacións na banda (Manu Paino na trompeta e carillón, Manu Espiño no bombardino e o propio Alonso Caxade na voz e acordeón), pero en Viveiro non estará Xosé Tuñas na batería senón Álvaro Trillo, da Magnifique Band dos Homes sen Medo ou Ataque Escampe.

Que busca nun concerto como espectador e que tenta ofrecer?

O espero como espectador é que a música me conecte co principio, non ten que ver só a parte de composición ou a interpretación, aí ten que ver todo, o técnico de son… Que haxa atrevemento en arriscar a tocar música de diferentes estilos, con diferentes arranxos, que se conecte co público a través dunha linguaxe, verbal ou non. Como músico tentas ofrecer esa maxia, que non sempre se dá, pero é a intención.

NOVO DISCO

Fala dun disco novo, o terceiro. Ten música xa para el?

Si, hai cinco pezas. Teño cancións feitas para gravar, case para publicar, pero penso que non é o momento de empatar unha xira cun disco, quero parar e acadar un paquete máis sólido para ir soltando temas no ano que vén.

“teño cancións feitas para o novo álbum. falan de seres extraños ou da paternidade”

Teño a idea de gravar en Nadal, pero non hai data por agora. O bo é que teño un dos mellores estudos do país, o de Tomás Ageitos, o noso técnico nos directos, a un quilómetro escaso da miña casa. Daquela non hai que planificar tanto, basta un whatsapp e que Tomás teña un par de horas libres (risas).

As súas letras teñen algo de surrealistas e son combativas. De que falan as novas pezas?

Hai novos seres, extraños (risas), aparecen tamén temas conectados co día a día, preocupacións desde o punto de vista da paternidade. Ves a vida de diferente maneira. Agora xa non só protesto por min, senón, con máis razón, tamén polos demais (risas).

Escoitarase algo desa música nova en Viveiro?

Non, de momento non. Si que pensei, na primavera, ir rodando o terceiro disco en directo. Pero creo que é mellor así. Un peche e cambiar de tempada.

FUTURO

Por que cre que é bo momento para parar e cara onde vai Caxade?

Caxade, para quen coñece a miña música, xa é recoñecible. Iso é positivo, pero tamén me provoca unha certa incomodidade, porque a xente espera unha determinada cousa.

“boto de menos a espontaneidade do principio e buscarei que o novo álbum sexa máis fresco e menos condimentado”

A tendencia? Quizais boto de menos o arranque de todo nos primeiros directos, esa espontaneidade do principio, sen tanto complexo. Quero volver a esa esencia máis informal e fresca, sen tantos condimentos e adobos; que non resulte algo tan profesionalizado, sen que deixe a sensación de dar un paso atrás. Unha música que estea un pouco fóra das preocupacións do canon. Cando entras na roda deste oficio ás veces fas cousas sen saber por que ou por que se espera que o fagas. Paréceme que houbese, a todos os niveis, unha producción excesiva.

BALANCE

Vostede comezou na música instrumental e deu o paso adiante de converterse en letrista e vocalista, cantautor. Como se ve, despois dese salto?

Confiado, menos inseguro. É certo que veño da música instrumental, e veño do rol de músico, non de cantante. Veño de estar nun segundo plano para pasar á fronte, e aínda por riba cantar e tentar transmitir algo. Si que me daba medo, preguntábame: será algo interesante para os demais ou só algo que se me pasa a min pola cabeza? Ese medo fíxose máis pequeno.

“tocar en festas populares é quitar unha espiña, que se programe máis música popular galega nestas celebracións”

Non só foi interesante para os demais, acabou por ser verdadeira música popular. Agora toca en festas patronais, como a de Viveiro…

Nunca sabes como vai funcionar, se cumprirás as expectativas do público, pero é certo que tocar nas festas é un pracer e tamén quitar unha pequena espiña, que se programe máis música popular galega, sexa do estilo que sexa, neste tipo de celebracións. O que fas ás veces gusta e ás veces non, o caso é ir quitando espiñas e cumprindo soños, e o resto ir vivindo o día a día.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...