InicioCulturaCoti: "en Viveiro tentaremos que se viva unha experiencia colectiva de música,...

Coti: “en Viveiro tentaremos que se viva unha experiencia colectiva de música, poesía e desfrute”

O cantautor arxentino, autor de 'Nada fue un error' ou 'Color Esperanza', actúa este xoves na Praza Maior como prato forte das festas patronais

Publicada o

- Advertisement -

Cunha educación exquisita, Coti Sorokin (Rosario, 1973) pide pospoñer minimamente -unha media hora- a entrevista prevista para as catro da tarde. Afincado en Madrid, o cantautor arxentino, con nove discos na maleta, está a piques de rematar unha peza no estudo. Á hora pactada reiniciamos a conversa para falar do concerto que ofrecerá este xoves nas festas patronais de Viveiro (Praza Maior, 23.00 horas) e da súa carreira musical.

P. Así que está a gravar disco novo.

R. Si, estamos a gravar cancións novas. Teño cinco, para ir preparando pouco a pouco o vindeiro lanzamento, pero aínda estamos en plena xira. Empezamos a principios de ano un tour moi potente e que imos rematar en decembro en Uruguai. Imos percorrer Latinoamérica: México, Estados Unidos, Ecuador, Paraguai, Chile, Colombia e Arxentina, e tamén España, por suposto.

Estou moi animado pero sempre co pensamento de mostrar o material cando estea seguro de que está listo para ser exposto. É posible que pare un par de meses a final de ano para acurralar a idea do disco.

A que soan esas cancións novas?

Teñen o meu xeito de dicir, pero estou plantexando un son experimental. Estou gravando con Los Brillantes, rapaces novos pero virtuosos, que achegan moito ao proxecto. Planifico algunha colaboración moi linda que penso que artisticamente vai sorprender.

DISCO NO TEATRO COLÓN

Los Brillantes é o grupo co que gravou un disco no teatro Colón de Arxentina e que tamén o acompañará en Viveiro. Presénteme á banda.

Un seleccionado de músicos de moita xuventude pero experiencia, que son funcionais a unha maneira de soar. Todo o traballo que fixemos no teatro Colón, que actuamos cunha orquestra, foi noso, coa nosa impronta; os arranxos e dirección de corda, así como a dirección artística, foi feita polo noso grupo de traballo. Así que fomos capaces de levar adiante un recital nun sitio así e todo o que vamos facendo ten unha personalidade.

(Los Brillantes son Matías Damato no baixo e coros, Nico Ottavianelli nos teclados e guitarra acústica, Nicolás Nieto na guitarra e coros, Dizzi Espeche na guitarra eléctrica, Gabriel Pedernera na batería, Luna Sujatovic nos teclados, coros e pecusión e Pablo Clavijo no saxo).


O teatro Colón é unha referencia de boa música na Arxentina. Imaxino que sería un reto e tamén un reforzo para a súa confianza sacar adiante ese proxecto.

É unha marca de moito prestixio xa non só en Arxentina, senón a nivel mundial, dentro da música clásica. É un dos cinco teatros máis importantes do mundo e tocar alí foi unha marabilla. Moi poucas veces a música popular subiu a ese escenario, polo que o fixemos con moito respecto. Foi un proxecto moi longo, faraónico diría, e tamén contracorrente, pois a realidade económica do meu país é a que é, e fumos capaces de xerar un montón de postos de traballo, ata 150, cos recursos do noso propio selo, sen unha multinacional detrás. Iso dálle máis valor aínda e faime sentir orgulloso.

O repertorio da xira é similar ao do disco?

Si, mestúranse cancións de todos os discos, é un resumo da miña carreira. O repertorio é amplo e para a xira dame bastante liberdade para elexir e tamén para darme o gusto de improvisar.

O DIRECTO

Como chamaría ao público a acudir ao concerto de Viveiro?

Eu espero que a xente que vaia o faga disposta a pasar un bo rato, a conectarse con nós que estaremos enriba do escenario, pero tamén a conectarse entre eles, a vivir unha experiencia colectiva de música, de poesía e de desfrute.

Espero brindar música en vivo de verdade, con moito ensaio e moito traballo detrás pero librando o noso sentimento nese momento, imos tentar dalo todo. Galicia sempre me trata moi ben, con moito cariño, e imos tentar ofrecerlle esa maxia, que non sempre ocorre pero que nesta xira se está a dar varias veces. Ogallá que nos vaiamos coa sensación de ter conectado.

Moitas veces nos concertos gratuítos non toda a xente te coñece, moita vai a ver que pasa, outra coñece unha ou dúas cancións, e é máis complicado. Pero estamos preparados e temos ganas de afrontar ese desafío.

O ÉXITO

Lembro, ao fío disto, unha actuación súa en Foz, no 2005. Saín decepcionado non pola súa música, senón porque unha persoa ao noso carón non paraba de pedir, ao final de cada canción, ‘Nada fue un error’. Era imposible desfrutar do concerto. É difícil para un cantautor de largo percorrido sobrevivir a un éxito así? Resulta tedioso ter unha obra ampla e ter que satisfacer ao público?

Pregunta moi interesante. Pero que che podo dicir, non vou ser o primeiro que pasa por esta situación, pasoulle a grandísimos artistas cos que non me quero nin podo comparar; Rolling Stones, Bob Dylan, Stevie Wonder, Paul McCartney… Así que bendito problema. Hai que aprender a convivir co bo e co malo que traen os grandes éxitos.

Non se pode renegar das cancións populares. O que queremos é iso; que as nosas pezas trascendan fronteras, xeracións, estilos. Que dalgunha maneira sexan unha fiestra para descubrir a obra que hai detrás. Outra xente non quere descubrir os demais discos, pero hai un tema en concreto que significa algo importante para eles, tamén respecto iso.

É certo que hai extremos que non desexarías, xente que non ten paciencia para escoitar o resto do concerto e que espera por unha soa peza, e molesta aos demais; tamén están os fans acérrimos que queren escoitar todas as, digamos, caras B. Pero a maioría da xente é moi respectuosa tanto cos artistas como cos veciños e eu adoro tocar nas festas das vilas, hai un ambiente colectivo moi lindo.

Fala do impacto das cancións do público. Vostede é coautor dun himno non oficial na Arxentina como ‘Color Esperanza‘, popularizada por Diego Torres. Nesa outra cara da moeda, como se sinte cando unha peza súa conecta coa xente dese xeito, evoca lembranzas, motiva, alivia…?

Agora, a través das redes, temos máis constancia diso, do que a nosa música significa para a xente. Eu síntome moi feliz porque hai moita xente que elixe escoitarme mensualmente en Spotify, son dos dez artistas máis escoitados na Arxentina, e non hai elección máis democrática ca esa. Son 1.677.000 persoas, o que é unha barbaridade. Iso é unha lección moi clara de que aínda que non haxa grandes compañías tentando impoñer a miña música, pois a xente estame a elixir igual.

A COMPOSICIÓN

Fala das novas plataformas musicais e esta entrevista versa, sobre todo, sobre un concerto. Cre que os recitais son o último reduto dunha forma antiga de escoitar música?

Creo que si, que é un feito musical diferente. Máis xugoso, máis participativo, é un feito colectivo no que o público participa do espectáculo. Con todo, non estou en contra dos novos formatos; creo que é unha marabilla que convivan o vinilo, o CD, Spotify, Youtube, o DVD… Paréceme fermoso que iso ocorra e son consumidor de todos eles. O importante, máis alá do medio, é que a xente necesita a música para vivir desde hai tantísimos anos, a poesía para expresarse, para verse nun espello, para compartir ledicias e frustracións.

Mencionou varias veces a poesía. Canto pesa nas súas cancións a letra, a melodía?

Unha canción non se pode dividir, é xustamente esa terceira cousa que non é nin música nin poesía, que é as dúas ao mesmo tempo. ‘Yesterday‘ sen letra pasaría desapercibida. A maxia da palabra cantada xera unha emoción que ningunha por separado o consegue.

Que o emociona ultimamente?

Os clásicos, por suposto. Ninguén inventa nada, non hai creación espontánea, todos os grandes combinan cousas que xa existían e que teñen que ver coa cultura popular. Non hai Adán e Eva, pero si que os clásicos, como os Beatles, sentaron como unha unidade de medida, como se fose o metro. Sígoos escoitando e aprendendo. Pero tamén me interesa moito a lírica do rap, e hai cousas do trap que tamén me gustan… Pero ao final todo sinto que todo son diferentes miradas do mesmo; se te fixas, o trap ten moito que ver co reggae e o rap e incluso en ocasións co jazz… Eu son de artistas, non de xéneros.

Non quería deixar de preguntarlle por ‘Honestidad brutal’, de Andrés Calamaro, que é un disco de cabeceira da miña adolescencia, e no que vostede estivo implicado. Como o lembra?

Para min foi un máster no estudo de gravación. Unha experiencia que non esperaba vivir, senón que nos demos conta de que estabamos facendo un disco dun día para outro. Vinte anos despois, ese álbum aínda ten vixencia. Foi unha voráxine; non sabíamos ben o que estabamos facendo, pero gustábanos e para nós era importante.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...