Recuperan unha historia de homes do mar en Tapia

Asociacións tapiegas reeditaron o libro “A bordo del Terín” no que o xornalista Pedro Mario Herrero retrata a tripulación dun pesqueiro histórico

Porto de Tapia. AXM

O Club Marítimo El Orrio e a Asociación de Amigos da Historia de Tapia presentaron este luns a reedición do libro “A bordo del Terín” do cineasta e xornalista Pedro Mario Herrero (Siero, 1929-2005). A obra, publicada en 1972, recompila os artigos que escribiu para o xornal Ya relatando a experiencia vivida xunto aos homes do mar neste pesqueiro, un dos máis estimados e recordados de Tapia de Casariego.

A reedición inclúe fotografías  históricas cedidas pola familia do autor, que estivo representada no acto pola súa filla Elisabeth Herrero, e catro entradas asinadas polos promotores da iniciativa e por un curmán do xornalista afincado en Tapia.

O libro conta o día a día no barco e as adversidades ás que tiña que facer  fronte a tripulación para volver ao porto coas bodegas cheas de pescado. “Aínda que relata unha historia vivida nun barco de Tapia, o contido do libro é extrapolable a outras vilas mariñeiras do cantábrico”, explica Pedro Fernández, presidente da Asociación de Amigos da Historia.

De feito,  Pedro Mario Herrero sube a este barco interesado en retratar a vida “dos homes do mar” –escribe para unha cabeceira madrileña -. As librerías de Tapia teñen xa á venda o libro, do que se imprimiron 1.500 exemplares.

O TERÍN, PIONEIRO NA PESCA DE ALTURA

En Tapia, a obra ten un valor específico xa que o Terín non foi un barco máis. O pesqueiro foi dos pioneiros na pesca de altura en Tapia, canda o María Tobalina e o Virgen de Villaselán. Unha conserveira local construíra a embarcación para abastecerse de pescado pero, coa quebra da empresa, acabou á venda.  Os veciños da vila interviron para que quedase no porto, avalando a compra por parte dunha pequena sociedade de mariñeiros de Tapia.

O proxecto prosperou, e o barco seguiu faenando ata o naufraxio de 1986 sen consecuencias para os mariñeiros, que foron rescatados. Este final no mar acrecentou a estima e a popularidade do Terín, que foi substituído polo “Siempre Terín”,  protagonista doutro cambio histórico nos portos do cantábrico, a desaparición de boa parte da flota de arrastre.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here