InicioCulturaAs imaxes de Ruth Matilda Anderson e o humor de Serxio Pazos...

As imaxes de Ruth Matilda Anderson e o humor de Serxio Pazos animarán outubro en Viveiro e Burela

A exposición da fotógrafa estadounidense sobre a Galicia dos anos 20 poderá verse durante todo o mes na biblioteca viveirense

Publicada o

- Advertisement -

As fotografías da estadounidense Ruth Matilda Anderson locirán en Viveiro do 3 ao 27 de outubro, despois da sinatura dun convenio de colaboración cultural entre Abanca, Afundación e o Concello de Viveiro.

A exposición ‘Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia‘ poderase contemplar de balde na sala de exposicións da biblioteca, de luns a venres en horario de 8.30 a 15.00 horas e de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados de 10.00 a 14.00 horas.

Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926.

Sinatura do acordo. AXM

OUTONO E NOVEMBRO DE TEATRO

A exposición de Anderson será un dos grandes estímulos da programación cultural do Concello, anunciada para os vindeiros meses. O programa comezará este domingo, cunha obra de teatro a cargo de Obra Viva, ‘Casa Macho‘ (Teatro Pastor Díaz, 20.00 horas).

O sábado 12, O Batán de Foz interpretará, no mesmo escenario ás 20.30 horas, ‘Bicos de vinagre‘. O día 19, Nova escena de Lugo recreará ‘As fillas de Eva‘, co mesmo horario e no mesmo lugar.

O 25, 26 e 27 de outubro celebrarase a segunda edición da mostra de teatro feito por persoas con diversidade funcional Superarte.

Xa en novembro, o sábado 2, Artesacía interpretará ‘Chola a it Girl‘ (Pastor Díaz, 20.30 horas). O día 9 chegará ao Pastor Díaz a comedia ‘Saabor‘, a cargo de Félix Rodríguez e Fran Rei. A obra foi recoñecida co Premio do Público no Festiclown 2018. O 16, o popular actor Luís Iglesia e Marcos Orsi recrearán ‘Sénior‘, un espectáculo cómico sobre a crise dos 50. Ao día seguinte, Contraproduccións recreará ‘Os fillos do sol‘, de Candido Pazó. Pecharán o mes o concerto de Santa Cecilia da banda municipal, o 23, e ‘Mai Mai‘, de Baobab Teatro, o 30.

NADAL CON MAXIA

En decembro, Talía Teatro abrirá lume con ‘Vida de cans‘, o día 7. O 14 será a quenda de Lucecús, con ‘Os libros contratacan‘. A banda municipal de música ofrecerá un concerto de Nadal o 21, e o venres 27 Teatro Cubo recreará ‘Nube nube sol‘.

O sábado 28 haberá unha gala de maxia (20.30 horas, Pastor Díaz), na que participarán o Mago Rafa, Teto e Lautaro.

‘AFIANDO CON HUMOR’ TAMÉN NO SÉCULO XXI

En Burela, a concellería de cultura programa para o mes de outubro diversas actividades entre as que destaca o monólogo de Serxio Pazos, o 26 ás 20.30 horas. O cómico ourensán ofrecerá o espectáculo ‘Afiando con humor‘, no que parte da figura do afiador para darlle un repaso á actualidade. As entradas custarán cinco euros.

Serxio Pazos. AXM

A programación dará comezo o 5 de outubro co Teatro Marionetas Trécola que presentará a obra ‘Xogo revolto‘. Será ás 18.00 horas con entrada gratuíta. O domingo 6 ás 18.30 horas proxectarase unha película infantil dentro do ciclo Burela de Cine. A entrada será tamén de balde.

O 11 de outubro, ás 21.00 horas, a compañía El Vacío Fértil representará ‘El mal de la piedra‘, dirixido a público adulto. O prezo da entrada é de 5 euros. O día 12 ás 18.00 horas Pablo Díaz presentará Contando números, cantando cores, con entrada libre.

O 19 de outubro ás 18.00 horas haberá un espectáculo de música de Xoán Curiel, titulado ‘Pobre poesía‘, con entrada gratuíta. O 20, ás 18.30 horas, terá lugar outra proxección do ciclo Burela de Cine cunha película infantil. A entrada será gratuíta.

Finalmente, o 27 ás 18.00 horas, o Coro do Hospital de Lugo ofrecerá o concerto ‘O cantar da nosa lingua‘, con entrada de balde.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...