‘O que arde’ proxectarase en Ribadeo os días 15 e 17 de outubro

O vindeiro martes, 300 escolares e usuarios do centro de día participarán nun coloquio co director, Óliver Laxe, mentres que o pase para o público en xeral será dous días despois

Escena de 'O que arde'. AXM

A película ‘O que arde‘, de Óliver Laxe, proxectarase a vindeira semana en Ribadeo. O día 15 de outubro haberá un pase para os centros de ensino e ao remate o director participará nun coloquio cos asistentes e o 17 será a proxección para o público xeral, segundo anunciou hoxe a concelleira de cultura, Pilar Otero.

A edil ribadense explicou que “hai un pase previsto para os centros de ensino o vindeiro martes, 15 de outubro, ás 11.30 da mañá, ao que acudirán un total de 300 estudantes do CIFP Porta da Auga, Colexio Sagrado Corazón, Gregorio Sanz e IES Dionisio Gamallo Fierros”. A maiores achegaranse tamén algúns usuarios do centro de día de Ribadeo.

Nesta proxección, na que parte da entrada está subvencionada polo Concello, “contaremos coa presenza do director para realizar un coloquio ao acabar”.

O xoves, 17 de outubro, ás 20.30 horas vai haber un pase xeral para todo o público.

PREMIADA EN CANNES E SAN SEBASTIÁN

A edil ribadense dixo que “no Concello de Ribadeo, a través da concellaría de cultura, xestionamos a proxección nos cines comerciais dun filme que está a ter un grande éxito de crítica e público, de feito temos moita xente preguntando por ela”.

Otero sinalou que “se trata dunha cinta galega que acadou o premio do xurado no Festival Internacional de Cannes 2019 e tamén recentemente foi premiado no Festival de San Sebastián. Supoño que de aí ven todo este movemento e toda esta curiosidade por esta película, que seguro que non nos vai deixar indiferentes”, expuxo.

NORMALIZAR O CINEMA EN GALEGO NAS SALAS

A concelleira de cultura explicou que “aínda que non estaba previsto que ‘O que arde’ estivese nas salas de Ribadeo, tivemos o empeño desde a concellaría de cultura en traela ao igual que ocorreu noutras ocasións con ‘A Esmorga‘ de Ignacio Vilar. O que pretendemos é que o cinema galego teña unha presenza normal na carteleira que poden ver os ribadenses. De feito moitas persoas preguntan si o pase vai ser no Teatro, pero a idea de normalizar o cine no noso idioma pasa por acceder a estas películas nas mesmas salas nas que se proxectan os outros filmes, polo que desde o primeiro momento se optou pola colaboración cos Cines de Ribadeo, é dicir coas salas locais”.

O DOMINGO, FEIRA DA HORTA

O vindeiro domingo, 13 de outubro, terá lugar en Ribadeo a décimo segunda Feira da Horta, nas inmediacións da praza de abastos de 9.00 a 14.00 horas. Con esta cita rematará a tempada estival do Mercado dos Domingos, que se vén celebrando desde principios do verán.

Na feira haberá venta de produtos locais da horta e tamén conservas ou coitelería, embutidos e panadería. Ás 11.30 horas haberá un obradoiro de cosmética natural e a partir das 12.30 o grupo Rocking Robins animará o evento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here