InicioCulturaDez curiosidades sobre Kiss, que tomarán o Resu tralo triunfo de Scorpions

Dez curiosidades sobre Kiss, que tomarán o Resu tralo triunfo de Scorpions

O lendario grupo norteamericano, coñecido pola maquillaxe e os efectos nos seus concertos, é o reclamo da última xornada do festival

Publicada o

- Advertisement -

Na noite do sábado, desde as 23.00 horas no Main Stage, Viveiro recibirá ao lendario grupo estadounidense Kiss, con 55 anos de carreira. Seleccionamos dez curiosidades para retratar á ‘banda máis quente do mundo‘, que porá o broche de ouro á décimo terceira edición do Resurrection Fest. O concerto de Prophets Of Rage será outro dos atractivos da xornada de peche, tamén no escenario principal, ás 20.25 horas

I. Grupos de glam estadounidenses maquillábanse antes ca Kiss, como New York Dolls ou Alice Cooper, pero o cuarteto foi máis alá no aspecto visual do rock ao crear personaxes cos que saír ao escenario: O Demo, o Mozo Estrela, O Gato, O Home do Espazo.

II. A enorme lingua (13,5 centímetros) que o baixista e vocalista Gene Simmons saca en cada concerto desatou lendas. Unha delas dicía que o músico se cortaba o músculo cada noite para cuspir sangue. Outra, que fixera un inxerto de carne vacún para alongala.

III. Os seguidores da banda son coñecidos como ‘O Exército de Kiss’. A andaina do colectivo comezou nos anos 70, cando unha radio do Estado de Indiana negouse a pinchar a música do grupo. Daquela, unha morea de xente -así autodenominada, ‘The Kiss Army‘- organizouse, corenta anos antes das quedadas do Whatsapp, para marchar en protesta cara o estudio.

IV. Paul Stanley naceu cunha enfermidade chamada microtia, unha malformación da orella que o deixou xordo do lado dereito.

V. A avoa e a bisavoa de Simmons de orixe húngaro, morreron nun campo de concentración. A nai do baixista foi a única muller que sobreviviu da familia.

VI. No 1996, Kiss anunciou a volta da formación orixinal (Paul Stanley, Gene Simmons, Ace Frehley, Peter Criss) nunha rolda de prensa nun portaavións USS Intrepid.

VII. As visitas de Kiss á Casa Branca poderían servir para escribir unha historia da segunda metade do século XX. Cinco presidentes dos Estados Unidos recibiron á banda: Gerald Ford, Jimmy Carter, Ronald Reagan, Bill Clinton e George Bush.

VIII. O guitarrista de Rage Against the Machine Tom Morello, que esta noite actuará no Resu con Prophets Of Rage (20.25, Main Stage), foi o encargado de introducir a Kiss no Salón da Fama do Rock. “Kiss e os seus fans foron perseguidos sistematicamente pola crítica. Pero é que nunca foi unha banda dos críticos; foi unha banda da xente”, asegurou.

IX. Kurt Cobain, de Nirvana, era un fiel seguidor de Kiss. A proba, aquí. 

X. Outro fan inesperado foi Joey Ramone, que asistiu -aínda coñecido daquela como Jeff Hyman– ao concerto de debut de Kiss, o 30 de xaneiro do 1973 en Nova York. O veredicto: “a banda máis ruidosa que escoitei nunca”. Un ano despois fundou The Ramones.

XORNADA DO VENRES

Concerto de Megadeth. TOM VILLEN/RESURRECTION FEST

Megadeth e Scorpions ofreceron os concertos máis agardados da noite do venres. O grupo xermano deleitou ao público con baladas como ‘Still Loving You‘ ou ‘Wind Of Change‘, pero tamén exhibiu a súa forza con ‘Rock You Like a Hurricane‘ ou cunha versión de ‘Overkill‘ de Motörhead, coa que homenaxeou ao falecido Lemmy Kilmister.

 

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...