Ramón Villares gaña o Premio Mondoñedo10 de ensaio con ‘Identidade e afectos patrios’

O xurado valorou a orixinalidade dunha obra "que aborda cuestións que teñen que ver non só co pasado senón que nos dá unha perspectiva de futuro"

Ramón Villares. CULTURA.GAL

O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago (USC), Ramón Villares, gañou o Premio Mondoñedo10 2019 na modalidade de ensaio coa súa obra ‘Identidade e afectos patrios‘, publicada por Editorial Galaxia no 2017.

O xurado do premio, que convocan a asociación Mondoñedo é…, a agrupación As San Lucas e o Concello, valorou a orixinalidade dunha obra “que aborda cuestións que teñen que ver non só co pasado senón que nos dá unha perspectiva de futuro”. O ensaio de Villares “sitúase na tradición oteriana da historia de Galicia” e é “froito do resultado dunha bagaxe ou madurez investigadora“, expresado “cunha alta calidade literaria“.

Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Xosé Manoel Núñez Seixas, vogal designado polo Consello da Cultura Galega; Pegerto Saavedra, vogal designado pola Real Academia Galega; Cesáreo Sánchez Iglesias, vogal designado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG); Silvia Bello, vogal designada pola Asociación Galega de Editoras; Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, vogal designado polo Instituto Galego de Historia; Xaquín Rodríguez Campos, vogal designado por Facultade de Humanidades de Lugo (USC); Xoán Ramón Fernández Pacios, vogal designado polo Concello de Mondoñedo; e Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio formaron parte do xurado do premio.

FINALISTAS

As obras finalistas foron as seguintes: ‘Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro‘ (Ramón Nicolás, Xerais, 2012); ‘Os santos titulares de parroquia en Galiza‘ (Xosé González Reboredo, Sotelo Blanco, 2012); ‘Para que nos serve Galiza?’ (Xaime Subiela, Galaxia, 2012); ‘Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI‘ (Xurxo Ayán e Manuel Gago, 2.0 Editora, 2012); ‘Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe)‘ (Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 2013); ‘Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza‘ (Antón Cortizas, Xerais, 2013); ‘Galiza, um povo sentimental?’ (Helena Miguélez-Carballeira, Através, 2015); ‘Historia de Galicia‘ (Ramón Villares, Galaxia, 2016); ‘Enfermos pobres, médicos tristes: historia crítica da medicina rural en erras esquecidas‘ (Roberto Fernández, Urco Editora, 2017); ‘Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade‘ (María Xesús Lama, Galaxia, 2017); ‘Memorias dun loitador antifranquista: o testemuño do comunista David Álvarez Carballido‘ (Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina, Alvarellos, 2018); e ‘As orixes da fotografía en Galicia‘ (Carlos Iglesias Castelao, Alvarellos, 2018).

ENTREGARASE O VINDEIRO DOMINGO

O acto de entrega do galardón ao autor celebrarase en Mondoñedo o domingo, 20 de outubro de 2019, no Auditorio Pascual Veiga, a partir das 12.00 horas. O premio consiste nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta
ocasión polo artista mindoniense José Pedro Gómez. As autoras e autores das obras finalistas recibirán un diploma acreditativo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here