Un atlas linguístico reflicte a transición entre galego e asturiano na zona do Eo-Navia

A obra, coordinada polo profesor e académico Ramón d´Andrés, é o resultado dun estudo no que se entrevistou a máis de 100 informantes de 40 localidades

Ramón d'Andrés. UNIVERSIDAD DE OVIEDO

Un novidoso atlas lingüístico coordinado polo académico e profesor da Filoloxía Asturiana da Universidade de Oviedo, Ramón d’Andrés, describe de forma pormenorizada como se produce a transición gradual entre o galegoportugués e o asturleonés na zona do Eo Navia.

Entre os especialistas hai consenso en que as falas da zona Eo-Navia se caracterizan lingüísticamente como un galegoportugués de transición ao asturleonés. Isto quere decir que a proporción de trazos galegoportugueses alcanza maior peso estatístico que os asturleoneses, aínda que estes aparecen xa de forma bastante apreciable. Niso consiste a peculiaridade da zona”, explica o investigador.

TRAZOS FRONTEIRIZOS

A obra, ‘Estudiu de la Transición Llingüística na Zona Eo-Navia, Asturies (ETLEN). Atles dialectográficu-horiométricu-dialectométricu’, recolle o resultado dunha investigación que comezou no ano 2000 e que reflicte a forma en que se manifestan, en distintos puntos dese territorio, ata 368 fenómenos lingüísticos –algúns deles examinados a través dunha ou varias palabras e expresións-.

“Hai fenómenos bastante coñecidos, que no ETLEN alcanzan una precisión milimétrica; por exemplo, os mapas referidos a tecer – texer ou cóbado – codo – coldo. Outros son pouco coñecidos ata a aparición do noso atlas; por exemplo, todos os referidos ás variantes dos pronomes átonos de terceira persoa. E hai unha gran cantidade de fenómenos dos que non se coñecía a configuración xeográfica, e que descubrimos que constitúen tamén trazos de fronteira. Por exemplo, o galegoportugués permite dúas colocacións do pronome átono en perífrases verbais (has chamarme, hasme chamar), mentras que o asturleonés coloca o pronome átono só ao final (has chamame)”, expón o investigador.

“NA COMARCA EO-NAVIA PREDOMINAN OS TRAZOS GALEGOPORTUGUESES, PERO OS ASTURLEONESES SON APRECIABLES. ISO É O SINGULAR”

MÉTODO NOVIDOSO

Ademais de afondar no coñecemento da zona desde o punto de vista da dialoctometría clásica, o grupo de investigación coordinado por D’Andrés desenvolveu un método propio que mestura procedementos lingüísticos e estatísticos para mostrar a proporción na que os diferentes trazos se dan en cada unha das localidades estudadas e facer “unha fotografía moi precisa da transición entre galegoportugués e asturleonés”.

40 LOCALIDADES E MÁIS DE 100 INFORMANTES

Os datos recolléronse en 40 localidades dentro da zona Eo-Navia e nalgunhas das súas lindantes a través de inquéritos a máis dun centenar de informantes, persoas maiores radicadas no lugar e boas coñecederas da fala local. “A elección de maiores de 65 anos é unha práctica moi afianzada neste tipo de estudos. Ademais, neste caso, as falas populares sufren un proceso progresivo de castelanización, por razóns socioculturais obvias. Por iso, se buscas ao mellores falantes, tes que dirixirte a persoas maiores; os novos están máis castelanizados”, aclara.

Ficha dunha informante. AXM

O estudo, publicado en 2016,  preséntase como a maior investigación realizada ata a data sobre a realidade lingüística da zona Eo-Navia – o precedente máis próximo no tempo sería o ‘Atlas léxico marinero de Asturias’, de Emilio Barriuso (Real Instituto de Estudios Asturianos, 2002) -, e ofrece un procedemento metodolóxico aplicable a outras zonas de fronteira lingüística.

“DESCONFIAMOS DA INTROMISIÓN DE ELEMENTOS POLÍTICOS OU IDEOLÓXICOS NUNHA INVESTIGACIÓN SERIA”

CONTROVERSIAS IDENTITARIAS

O coordinador do estudo  evitou entrar en controversias políticas sobre a realidade lingüística do Occidente asturiano no contexto de difusión desta obra. “Os meus colegas e mais eu defendemos a independencia da ciencia lingüística doutras ramas do saber serias e respetables como a socioloxía da linguaxe ou a política linguística. Por iso desconfiamos da intromisión de elementos ideolóxicos, políticos ou identitarios no desenvolvemento dunha investigación lingüística que se pretenda seria. A política está moi ben e a lingüística tamén. Pero cando un asunto de naturaleza estritamente lingüística se mestura coa polÍtica, o resultado é sempre unha chapuza”, remarca Ramón d´Andrés que coordinou un equipo de 14 investigadores.

ACADEMIA DA LLINGUA

A este respecto, en relación coa traxectoria da Academia da Llingua Asturiana, o estudoso sinala que “como institución lingüística, a Academia veu desenvolvendo un discurso con dúas vertentes: a sociopolítica e a estritamente lingüística“, sinala d’Andrés.

“Non vou falar sobre a primeira no contexto desta conversa sobre o ETLEN, pero si podo valorar a segunda. A Academia mantén como doutrina ortodoxa que as falas do Eo-Navia só poden ser calificadas como falas de transición, negando absolutamente a súa adscrición galegoportuguesa, como se unha e outra cousa (galegoportugués de transición) fosen incompatibles. Detecto ademais que, nese discurso de intención lingüística, interveñen criterios de tipo ideolóxico. Estes sesgos son unha práctica habitual nas academias –a española, a galega-. Como lingüista discrepo desas prácticas”, conclúe. 

1 COMMENT

  1. Discrepa dos aspectos ideolóxicos e o Atlas está en asturiano (como exemplo a ficha). Os aspectos galego-portugueses son maioritarios, moitos máis cós “asturleoneses”, tratar de equiparalos poñendo que son “apreciables”, por favor. Quen fixo o Atlas? Todos discípulos de Ramón d’Andrés, polo tanto non existen outras sensibilidades, polo tanto o que el mesmo critica no ideolóxico, peca no mesmo.
    Por outra parte, estaría ben que Xornal da Mariña puxese tamén as obras das outras tendencias e non só da asturianista e que respectase a toponimia do Eo-Navia nos seus artigos, que non o fai.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here