InicioCulturaA organización das San Lucas ofrece a súa versión sobre a cancelación...

A organización das San Lucas ofrece a súa versión sobre a cancelación do concerto de Xabier Díaz

A asociación nega "discriminacións sexistas" á mánager do artista e afirma que o seu grupo dispuña "de 75 minutos" para probar son

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación As San Lucas emitiu un comunicado en relación coa cancelación do concerto de Xabier Díaz, o pasado 19 de outubro, no marco do Festival Intercéltico.

O pasado día 20, o músico explicou nun comunicado as súas razóns para cancelar o concerto. Segundo expuxo nun texto que podes consultar ao completo nesta ligazón, o seu grupo agardou “durante unha hora” para probar son mentres outra banda continuaba probando e veríase obrigado a actuar sen apenas tempo para realizar o seu test, o que entendeu como unha “falta de respecto e profesionalidade” cara a música popular galega, que “non é menos ca ningunha outra”.

Tras esperar “durante varios días unha rectificación”, a asociación organizadora dos festexos acusa a Díaz de “falta de veracidade” e cualifica de “problema persoal” o acontecido durante o sábado.

Dende a Asociación As San Lucas, formada por mulleres e homes que traballan de maneira altruísta e comprometida por As San Lucas, as feiras e festas máis antigas de Galiza, buscamos que todo aquel que vén a elas se sinta ben acollido, as viva e as desfrute, sexa como visitante, comerciante ou artista.

“PROBLEMA PERSOAL”

Por iso, tralo acontecido na última edición das Feiras e Festas das San Lucas, concretamente trala suspensión do concerto do Sr. Xabier Díaz durante o Festival Intercéltico, queremos aclarar o sucedido e lamentar a falta de veracidade no comunicado remitido polo artista. Enviamos este comunicado, despois de agardar varios días, confiando en que Díaz reflexionase e rectificase as súas declaracións axustándoas ao acontecido e non levase o que é un problema persoal del ata algo tan bonito e histórico como son as San Lucas.

De todos é coñecida a traxectoria da Asociación na defensa da lingua e a cultura galega. Nas últimas edicións das feiras e festas participaron, entre outros, artistas tan destacados como Carlos Núñez, Cristina Pato, Xosé M. Budiño, Susana Seivane, A Banda da Loba, Toxos e Frores, Cántigas da Terra, Arco da Vella e un longo etcétera. Rendemos homenaxes a Pascual Veiga, as Irmandades da Fala ou a Noriega Varela.

DESFASE HORARIO “DE 45 MINUTOS”

Co ánimo de mellorar cada ano, programamos para a pasada edición das San Lucas un Festival Intercéltico que se viu deslucido pola retirada motu propio pouco antes do inicio de Xabier Díaz.

O festival arrancaba coa actuación dunha agrupación de gaiteiras e gaiteiros da Mariña (das agrupacións Mistura e Souto Xímaro) ofrecida desde o alto das torres da Catedral. Este inicio sen igual estaba previsto para as oito en punto da tarde, pero atrasouse un cuarto de hora por mor das inclemencias meteorolóxicas e pola dificultade de acceso ás torres.

De seguido actuaría Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, para poder dar cumprimento ao condicionado do seu contrato, no que se recollía que a súa intervención debía comezar antes das 22:30 horas, sendo o único artista que puxo horario para a súa actuación. Seguindo a escaleta do festival, o seguinte grupo en ofrecer o seu concerto sería Lúnasa, seguidos de Gwendal e pecharía Bras Rodrigo.

As moi malas condicións meteorolóxicas por todos coñecidas, algún problema técnico de última hora, xa que foi necesario mover a mesa de son un metro para mellorar a proxección do videomapping, máis as probas de son con cada mochila vibratoria para que os asistentes con xordeira puidesen desfrutar dos concertos e que é necesario realizar con cada grupo participante, fixeron que fose acumulándose algo de atraso. Cando lles tocaba iniciar as probas de son a Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que eran os últimos en facelo por ser os primeiros en actuar (procedemento habitual en tódolos espectáculos deste tipo), o desfase no horario era de non máis de 45 minutos sobre o previsto.

MODIFICACIÓNS QUE “RESPECTABAN O CONTRATO”

Debido a todos estes feitos relatados, púxose en coñecemento de tódalas agrupacións participantes no Festival Intercéltico das San Lucas que o inicio do mesmo posporíase para as 20:30 horas, media hora máis tarde do anunciado e que Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre empezarían a súa actuación ás 20:45 ou 20:50 horas ou se fose necesario máis tarde, non habería impedimento por parte da organización do evento. A disposición por parte de tódolos grupos foi excelente, agás por parte de Xabier Díaz, a pesar de que, aínda cos cambios, respectábanse as condicións que figuran no contrato.

A Asociación As San Lucas, despois de tódolos feitos acontecidos e as declaracións vertidas por Xabier Díaz, considera que debe poñer en coñecemento público o sucedido.

1.- Cando Xabier Díaz decidiu irse, ás 19:17 horas, o número de liñas solicitado no contrato polo artista xa estaban instaladas no escenario para que comezara as probas, co seu técnico posicionado na mesa de son e rematada a proba do grupo anterior.

“TODOS OS GRUPOS” ACEPTARON OS ATRASOS

2.- O tempo de probas de son do que dispoñía Xabier Díaz axustábase ao que figura no contrato (75 minutos) e podería rematar, como moi tarde, quince minutos antes do inicio do festival. Téñase en conta que todos aceptaron o atraso do comezo do festival.

3.- Xabier Díaz declarou discriminacións sexistas que polo que respecta ao desenvolvemento deste evento É ROTUNDAMENTE FALSO. Ademais de Isabel road manager de Xabier Díaz e as Adufeiras, tamén estaban Belén, representante de Bras Rodrigo e as mulleres da súa banda; Miriam Aller, encargada das mochilas vibratorias CEO de Entresignos e Olaia, técnico de monitores. Ningunha manifestou sentirse discriminada, nin infravalorada. Ao contrario, todas agradeceron a profesionalidade dos diferentes sectores implicados no evento e o bo ambiente de traballo, onde todos arrimábamos o ombro e todos e todas eramos un mesmo equipo.

“GRAN DESGUSTO”

4.- Na edición que vimos de celebrar das San Lucas programouse un festival de nacións celtas onde habería un representante de Galiza e outras tres nacións. Por Galiza decidiuse que o grupo invitado fose Xabier Díaz e Adufeiras; por Asturias Bras Rodrigo e a súa banda; por Irlanda, Lunasa e por Bretaña, Gwendal. Todos eles demostraron ser uns grandes artistas que o deron todo ao público congregado na praza da Catedral de Mondoñedo a pesar da choiva persistente chegando incluso a ampliar voluntariamente a duración das súas intervencións para encher o oco que deixou Xabier Díaz. Por decisión unilateral e persoal de Xabier Díaz, Galiza quedou sen representación, algo que causou gran desgusto á organización.

A data da súa actuación era o 19 de outubro do 2019 antes das 22:30 horas, como estaba acordado, onde o seu público o esperaba ao lado dos seguidores dos outros grupos que aproveitaban para coñecer o seu traballo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...