Sabela: “Bravos é un refuxio onde, pase o que pase, sempre reconecto comigo”

Despois do seu exitoso paso por Operación Triunfo, a cantautora con raíces en Ourol quita disco, 'Despedida', o 29 de novembro

Sabela, no videoclip de 'Despedida'. AXM

Na folla promocional de Universal Music que anuncia ‘Despedida‘, primeiro single dun título homónimo que sairá á venta o vindeiro 29 de novembro, o nome de Bravos aparece en dúas ocasións. Testemuña a importancia da terra para Sabela Ramil, a autora dunha obra con temas propios -en castelán e, por suposto, en galego– que nunha primeira escoita demostra o que se adiviñaba ao vela concursar en Operación Triunfo (OT) 2019; que non lle falta talento nin personalidade.

O SINGLE

O título do disco, ‘Despedida’, chama a atención. Aínda que levas toda a túa vida na música, en formacións como Muxarega ou Bahut, para moita xente é o teu debut, un punto de partida. De que te despides co álbum?

A despedida principal é de todas as cancións que hai no disco, porque son temas que van deixar de ser só meus, porque van comezar a voar e ser desas persoas que queiran escoitalos ou acollelos. Pero tamén é pechar un capítulo para abrir un novo que nunca vivín.

A moitos chamounos a atención a túa maneira de concursar en OT, cunha impronta. Apostaches pola lingua galega, por temas non comerciais, demostrando personalidade. Iso enganchou ata a detractores do programa. Había curiosidade por saber por onde irían os tiros, e sorprendes de novo. O single é rompedor, en galego, cunha sonoridade que se achega ao que chaman o ‘dream pop’, a min recordoume a un grupo canadiense, Beach House.

Ao final escoito moitas músicas diferentes e a sonoridade xurdiu dun proceso de búsqueda, dun proceso de procura do meu son, de cousas coas que me identificase, sons que me deixen explorar e voar para expresar a miña música.

“co título despídome dos meus temas, que deixan de ser meus para ser de quen queira escoitalos, pero tamén pecho un capítulo e abro outro novo”

GRAVACIÓN

O produtor foi o músico portugués Diogo Piçarra, tamén novo, de 29 anos. Como foi a gravación do disco?

A verdade é que cadramos moi ben, tanto a nivel persoal como musical. Os dous sabiamos que non había nada pechado, que se trataba dun primeiro disco no que tiñamos que buscar un son que me definise neste momento no que me atopo. O entendemento foi doado, non tanto atopar algo que realmente nos emocionase, pero ao principio tiña claro que a primeira premisa do disco era que eu quedase contenta e así foi.

O disco foi gravado integramente en Lisboa, nun par de semanas nas que nos concentramos por enteiro no estudo. O videoclip de ‘Despedida’ gravouse en Galicia, en Bravos.

COLABORACIÓN CON DAVID CATÁ

Graváchelo na Mariña e cun artista da Mariña, o viveirense David Catá, director de fotografía e guión, que tamén participa no que será o teu segundo single, ‘El paso’.

Si. Xunteime con David para crear todo o concepto visual e de arte con el porque sentía que así ía ter unha maior coherencia, eu quería que todo este traballo tivese un relato coherente, que se definise como unha obra global. Sentía que tiña que ser así, que el tiña que estar aí.

“david catá axudoume a crear todo o concepto visual e de arte, quería que todo tivese un relato e coherencia”

David ten unha capacidade creativa inmensa, unha sensibilidade moi grande, e ademais é unha persoa coa que é moi doado traballar. El fixo medrar un pouco todas as outras cousas que compoñen o disco.

A TERRA

Antes falabas de Bravos, onde se rodou o clip de ‘Despedida’. Que papel xogou Bravos no disco e que significa para ti?

Bravos é un lugar moi especial para min, un refuxio. Cando xente que non coñece o lugar vén a Ourol, chámalle a atención o silencio que hai aí. Realmente é un sitio no que eu logro sempre reconectarme, páseme o que me pase, sempre consigo escoitarme e volver á miña infancia, á miña esencia, o que me dá moita enerxía para continuar e ir aos lugares que sexa.

Sabela Ramil. DAVID CATÁ

Na mesma folla faise referencia a ter un pé na terra, na raíz, e por outro lado a vivir como artista. Cos cambios que viviches no prazo dun ano, trala túa entrada en Operación Triunfo (OT), é posible reconciliar todo iso?

Eu creo que depende moito da persoa. Eu son bastante caseira, de fogar e de raíces, pero non no sentido de quedarme aí, senón de volver a elas para seguir medrando. Supoño que pode parecer unha posible contradición, pero para min Bravos é un lugar seguro.

“non quero afastarme da miña terra e quero vivir como artista. pode parecer contraditorio, pero para min non o é”

LETRAS

Falando das letras, ‘El paso’ semella reflectir a túa relación coa música, desde os primeiros intentos de “sometela”, de dominar esa arte, ata como che cambiou a vida con todo este lío no que te metiches ao longo deste último ano, as gañancias e as renuncias.

Si, penso que ten unha lectura xeral pero é certo que ten esa particular, fai referencia á música e ao proceso creativo. Fala un pouco de que na vida buscas, tes medos e incertezas, pero que ao final a túa necesidade é realmente dar o paso e arriscar, porque se non podes quedar en terra de naide.

Canto peso ten para ti a letra nunha canción?

Tento coidar todas as fases do proceso, pero ás letras, desde o que nace ata o que finalmente acaba sendo, dedícolles moito tempo.

“algunhas cancións do disco falan dos medos e as incertezas, pero de que hai que arriscar para non quedar en terra de naide”

Hai un fío conductor do disco, nas temáticas, que parece ser eses puntos de inflexión nos que algo cambia e hai que volver comezar. É deses momentos de onde nacen as cancións?

Así é. Eu penso que a vida son constantes cambios, adaptarte a novas situacións. Iso faiche replantearte as cousas, e xurde unha necesidade de contar. Pero tamén hai outros temas que falan de sentimentos que teño ante determinadas situacións.

En todas as cancións hai incerteza e en todas hai luz ao final do túnel. Vulnerabilidade e coraxe. Cantas, “sempre perduro eu”. 

É verdade, eu son unha persoa que ve o mundo así. Non sei onde, nin en que momento, pero que se vai chegar a algún lugar. Ao final, despois do ruído, de todo o que pase, a que vou vivir comigo mesma son eu.

O PODER DA MÚSICA

“Escribo esta canción para reconstruír as miñas entrañas”, cantas tamén no disco. Ten ese poder a música?

Para min si, desde logo. Eu dedicábame a iso coa musicoterapia, coa terapia ocupacional. Para min o proceso creativo ofrece esa posibilidade, de crear algo co que pensabas que non podías facer nada, que era só unha ferida. Ao final podes aprender diso e aceptas todo o que che pasa e reconstrúes o teu interior.

“facer cancións ofrece a posibilidade de crear algo co que pensabas que non podías facer nada, que era só unha ferida”

Eu son unha persoa bastante introspectiva, que reflexiona bastante, e supoño que estou sempre aí, nesa búsqueda constante, ás veces resulta complicado pero creo que ao final daste conta de que sempre chegas a un lugar novo.

A maioría dos temas son posteriores a OT?

Hai temas posteriores a OT, pero tamén outros que son anteriores, e había moitas máis cancións, pero descartámolas ao crer que non encaixaban ben neste disco ou que non era o momento para gravalas.

A XIRA

Que che gusta máis do teu oficio; escribir cancións, darlles forma no estudo ou cantalas para a xente?

O proceso creativo gústame moito e sinto que me fai medrar, é algo moi enriquecedor, pero tamén me gusta moito o directo, porque esas cancións terán outra vida que non teñen noutra gravación.

“haberá xira, estamos traballando nela, entre outras cousas ver que formato e banda escolleremos”

E da xira, porque damos por feito que a haberá, pódese adiantar algo?

De momento non podemos contar nada, pero estamos traballando niso e vaina haber, por suposto. Andamos dándolle voltas a moitas cousas, entre elas que formato, que banda, queremos para tocar esas cancións nos concertos. A verdade é que teño moitas ganas de empezar.

SINATURA DE DISCOS

Sabela asinará discos de ‘Despedida’ o 29 de novembro na Coruña (FNAC, de 18.00 a 20.00 horas) e en Vigo o 30 (Carrefour de Gran Via II, de 12.00 a 13.30 horas).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here