Unha exposición, música e “sorpresas” animarán a celebración do centenario do Teatro Pastor Díaz

O Concello organiza o sábado un acto conmemorativo polos cen anos do inmoble, que incluirá unha mostra "que é un percorrido pola historia de Viveiro"

Actuación de Bágoas da Terra no Pastor Díaz. FACEBOOK/TEATRO PASTOR DÍAZ

Viveiro celebrará este sábado de forma oficial o centenario do Teatro Pastor Díaz, cun acto conmemorativo e a inauguración dunha exposición sobre a historia do edificio, organizados polo Concello.

O acto central no Pastor Díaz comezará ás 20.30 horas da man do historiador Suso Martínez, que dará paso á concelleira de Cultura, Lara Fernández. Posteriormente, o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, repasará os principais fitos históricos do teatro.

Haberá tamén moita música, da man de gaiteiro David Bellas, de Bágoas da Terra e da Coral Alborada. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, pechará o acto, que terá varias sorpresas para convertilo nun evento especial.

A mostra estará ubicada no hall, onde tamén se instalará unha placa conmemorativa feita por Alfonso Otero Regal, e nos próximos meses haberá outras actividades para completar o centenario oficial, para o que se fixo tamén un cartel, “elaborado a partir dos elementos máis representativos de teatro e que fai recordar o escudo de Viveiro”, lembra a concelleira de Cultura.

“Será un acto moi especial e os que veñan pasarán un moi bo rato, o emblema da nosa vida cultural cumpre 100 anos e temos que celebralo como se merece, cunha homenaxe e unha exposición que percorre a vida do edificio, que é tamén gran parte da vida de Viveiro do último século”, asegura a alcaldesa de Viveiro.

REHABILITADO NO 2001 E CHAVE NA VIDA CULTURAL DA VILA

Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal,o teatro pasou por varios propietarios ata que foi adquirido polo Concello en decembro do 1988. Estivo pechado oito anos ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Foi reinaugurado no ano 2001.

Proxectado por Mario Páez Suárez, na parte alta do escenario ten gravados os rostros de Rosalía de Castro e de Pastor Díaz, obras de Sandra Escohotado Gil e Fernando Cano Vidal. Trala súa rehabilitación, o teatro reincorporouse á vida social de Viveiro, de xeito que é onde se realizan a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here