InicioCultura"O Pastor Díaz é a nosa xoia; a materia pendente é programar...

“O Pastor Díaz é a nosa xoia; a materia pendente é programar máis grupos musicais”

A concelleira de cultura de Viveiro, Lara Fernández, fala sobre o centenario do inmoble, que o Concello celebrará o vindeiro sábado

Publicada o

- Advertisement -

Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal, proxectado por Mario Páez Suárez, o Teatro Pastor Díaz cumpre cen anos e o municipio de Viveiro festexará a efeméride o vindeiro sábado cun completo programa de actividades.

Cinema, teatro ou sala de baile ao longo das décadas, o inmoble foi adquirido polo Concello no 1998 e pechado durante oito anos ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Trala súa reinauguración, no 2001, converteuse de novo no epicentro da vida social e cultural viveirense.

A encargada de darlle contido ao longo do ano, e tamén a responsable da celebración do centenario, é a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

PASADO

P. Que supón este centenario para Viveiro?

R. É un lugar emblemático, que temos moi arraigado. Moitas persoas de Viveiro teñen a súa historia de vida unida ao Pastor Díaz. Pola miña parte, eu vin alí a miña primeira obra de teatro, a miña primeira película. O meu avó foi maquinista do cine, do Nemesio. E de aí naceron as miñas inquedanzas artísticas, e tamén me casei no teatro.

Para Viveiro é a nosa xoia, sentímonos orgullosos do teatro. Todas as persoas que veñen actuar, tanto profesionais como amateurs, din que o Pastor Díaz ten unha das arquitecturas máis bonitas, por dentro é fermosísimo, como un teatro dunha gran capital pero en pequeniño.

“CADA VIVEIRENSE TEN A SÚA HISTORIA DE VIDA CO TEATRO. EU VIN ALÍ A MIÑA PRIMEIRA PELÍCULA, MEU AVÓ FOI MAQUINISTA, CASEIME NEL”

Desde o principio tivo un peso importante na vida social e cultural do municipio.

Desde os seus inicios foi brillante. Naquela época, ter catro salas en Viveiro funcionando, con catro proxectores, sempre activas… Incluso o Nemesio se convertía en sala de baile cunha maquinaria que tiña, quitábanse as butacas e elevábase a platea.

Hoxe en día temos máis alternativas, coa tecnoloxía podemos desfrutar de forma audiovisual de películas ou obras de teatro, e non dependemos tanto das actividades “presenciais” como a sociedade daquela época. Quizais hoxe este tipo de espectáculos non son tan populares, pero hai que resaltar que o público de Viveiro é moi fiel, especialmente os nenos, e diso temos que estar orgullosos.

EXPOSICIÓN

Celebrarán o centenario con varias actividades, entre elas unha exposición sobre a historia do inmoble. Que se poderá ver?

Foi complexo a nivel loxístico conseguir documentación, porque hai pouquiña xente que teña material moi antigo gardado. Si queremos agradecer a todas aquelas persoas que cederon obxectos propios de tanto valor, de forma altruísta.

Queremos facer unha retrospectiva pequeniña e non unha exposición excesivamente ambiciosa, porque o espazo que temos é limitado. Pretendemos, eso si, durante o resto do ano, compilar documentos, especialmente gráficos, para facer un traballo máis elaborado ou posiblemente un libro que quede para toda a vida. O inicio será esta mostra, que contén cousas especiais: hai bovinas antigas de cando foi o cine, as lámpadas dos apliques antigos que estaban nas primeiras construcións, entradas e carteis das películas que se proxectaban… Elementos que poden facer lembrar aos veciños cando ían ao teatro, ao cinema.

“NA MOSTRA PODERANSE VER CARTEIS E ENTRADAS DE CINEMA, BOVINAS, AS LÁMPADAS DAS PRIMEIRAS CONSTRUCIÓNS…”

O cronista oficial, Carlos Nuevo Cal, realizou os textos dos paneis informativos, nos que recolle a historia do edificio.

ACTO

Ademais descubrirán unha placa para recoñecer a Barreiro.

Hai varias placas no teatro pero ningunha que o lembrara a el, que foi a primeira persoa que pensou nun espazo así para Viveiro. Fíxoa Otero Regal para recordar este pioneiro e vai cunha frase moi bonita.

E desde as 20.30 horas, celebrarán un acto conmemorativo. 

Haberá música, da man de gaiteiro David Bellas, de Bágoas da Terra e da Coral Alborada, intervirán o cronista e o historiador Suso Martínez e tamén integrantes do goberno local. Tamén haberá sorpresas.

PRESENTE

A nivel cultural, despois da súa rehabilitación, o teatro é de novo o epicentro cultural do municipio.

A nivel cultural é a arteira principal de Viveiro. Veñen as mellores compañías a nivel autonómico, algunhas a nivel nacional. Cédese gratuitamente a asociacións, centros educativos, escolas de baile… Así conseguimos que o sitio estea constantemente vivo, regalándonos 100% cultura. Fanse actividades en Semana Santa, Entroido… Despois, utilízase para mítines políticos ou debates, reunións de asociacións grandes, realmente poucas cousas quedan. Sempre hai unha cita no Pastor Díaz.

As agrupacións locais sempre queren estrear alí as súas obras, porque tecnicamente está previsto de todo o necesario, luces, son… Temos un técnico fixo, Rosi Pe, as persoas que se encargan de coidalo, fan o seu traballo con moito cariño e amor polo teatro e están dispoñibles constantemente. Poñemos ao dispór dos colectivos unha infraestrutura profesional e cesións son gratuítas, porque entendemos que a cultura ten que ser asequible para todos. Facemos moitas actividades cos centros educativos para que todas as crianzas poidan acceder a eventos culturais.

“AS ASOCIACIÓNS PODEN DESFRUTAR DUNHA INFRAESTRUTURA PROFESIONAL. ELAS MANTIVERON VIVO O TEATRO, COMO SEMENTEIRA OU A BANDA”

Por outra banda, en relación con isto, hai que recoñecer que todas as asociacións de Viveiro, a banda, ou Pensamento e Sementeira, por poñer dous exemplos, fixeron moitísimo polo teatro e mantivérono vivo.

E dentro desa variedade, hai algunha materia pendente?

Quizais a nosa conta pendente é utilizalo máis como sala de concertos de grupos musicais, porque si se fan da Banda Municipal, agrupacións folclóricas ou outras formacións. Imos ter en breve A Banda da Loba (presentará o seu máis recente traballo o 28 de febreiro). Ten unha acústica marabillosa e é unha materia a abordar no que queda de lexislatura.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...