Un vicedense amosa nunha curta os “abusos e soños” que viven os migrantes á espera do pase a Europa

Andrés Vázquez é coautor de 'Tras las vallas', documental no que dúas persoas explican o limbo que viven en Marrocos e as razóns para escapar dos seus países de orixe

Vázquez, á esquerda con pucha vermella, durante a estancia en Marrocos. AXM

“En Marrocos atopamos unha realidade que para nada se presenta aquí como a vimos alá. Estamos acostumados a cifras e a estatísticas sobre as persoas que saltan os valados, pero ao viaxar e gravar puxémoslles cara. Entendimos que son seres humanos, coas súas necesidades e aspiracións”. Así resume o estudante de Xornalismo do Vicedo Andrés Vázquez a gravación da curtametraxe documental ‘Tras la valla‘, que perfila a vida dos migrantes á procura do seu paso a Europa, e que estes días preestréase en Santiago de Compostela.

FORMACIÓN

A peza audiovisual é o froito do paso do mariñao -e dos coautores do traballo, Verónica Couto e Francisco Rodríguez– polo Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional organizado polas ONGDs galegas Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP).

“EN TERRA DE NINGUÉN”

Os tres estudantes foron seleccionados para viaxar a Marrocos durante dez días. Acompañáronos no proceso Uxía P. Fieiras e Antonio Grunfeld, do equipo de Agareso. Alá coñeceron as testemuñas que protagonizan o documental, a guineana Bari Fatimatah e o marfileño Kone Mohamed. As entrevistas reveláronlles aos autores da peza audiovisual a difícil situación das persoas migrantes que chegan a Marrocos en busca dunha vida mellor.

UNHA PRISIÓN AO AIRE LIBRE

“Ela marchou polo feito de que á súa filla íanlle practicar a mutilación xenital feminina, fuxía desde horror. El é de Costa de Marfil e tamén por necesidade escapa do seu país. Atópanse en Nador, a uns cinco quilómetros de Melilla“, precisa Vázquez, que describe con precisión o illamento, a sensación de cárcere ao aire libre, que sofren estas dúas persoas na súa parada intermedia camiño de Europa. “Viven unha situación de racismo. Nin son tratados como cidadáns de primeira categoría nese país, nin poden cruzar aos Estados europeos, nin poden volver á casa”, lamenta.

RACISMO

“No documental contamos os abusos que padecen e tamén os seus soños e aspiracións, de búsqueda de mellorar a vida, truncada polas propias circunstancias vitais deles. Están nunha situación moi complicada, porque non teñen cartos e de ter que cruzar a Europa nunha lancha terían que pagar ás mafias e poñerse nas mans delas”, resume Vázquez. A tarefa das ONG tenta aliviar dalgún xeito ese desamparo. “Son moi poucas as organizacións que traballan no terreo para que estas persoas teñan garantidos os dereitos básicos”, aseguran Couto e Vázquez, guionistas dun documental que supón tamén unha crítica ás políticas migratorias, que se endureceron nos últimos anos para intentar frenar a chegada de inmigrantes, sen ningún resultado. Rodríguez ocupouse, pola súa banda, dos aspectos técnicos da gravación.

XORNALISMO DE HISTORIAS

Para Vázquez, que nunhas semanas cumprirá 22 anos e cursa cuarto de Xornalismo, a peza supuxo “unha experiencia moi boa para a nosa formación”, que pretende enfocar a un tipo de actividade xornalística que se centre máis en historias e menos en cifras e datos. “Penso que este tipo de traballos poden ser os que ao final fan clic nas audiencias, nas persoas que nos len e escoitan. A rama social está un pouco maltratada ou opacada”, razoa. Por iso, cre que a curtametraxe documental pode “ser enriquecedora para a nosa sociedade e cambiar un pouco a nosa mentalidade“.

NOVA PEZA EN CAMIÑO

Os dez días en Nador foron frutíferos e o vicedense concreta que da viaxe a Marrocos saíu “outra pequena peza audiovisual na que estamos a traballar, máis relacionada coa situación da muller e o traballo”. Será, máis adiante; polo de agora, a estrea oficial de ‘Tras las vallas’ será o venres 28 de febreiro, ás 20.00 horas, na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here