“Para Cunqueiro, o mar era o de Foz, o primeiro que viu; A Mariña está moi presente nesta antoloxía”

O xornalista Miguel Somovilla escolmou 200 artigos en castelán, 68 inéditos en libro, que resumen 51 anos de actividade xornalística do escritor mindoniense

Cunqueiro nas San Lucas cos seus fillos César e Álvaro. CEDIDA

Se, como dicía Álvaro Cunqueiro, “toda antoloxía é unha aventura”, o xornalista asturiano Miguel Somovilla vén de completar unha travesía para publicar ‘Al pasar de los años‘ (Fundación Castro, 2020), escolma de artigos en castelán do escritor mindoniense. O volume contén 200 pezas xornalísticas do autor de ‘Merlín e familia‘, das que 68 son inéditas en libro e nas que A Mariña Lucense “está moi presente”, segundo remarca o antólogo.

Somovilla, traballador de xornais como La Nueva España, La Voz de Galicia ou El País, xefe de prensa da Real Academia Española (RAE) entre 2010 e 2017, traballou durante os dous últimos anos para seleccionar os 200 artigos -“quería un número redondo”, admite- dunha primeira escolla de 400. “O que fixen, máis que unha aventura”, indica, en referencia á cita de Cunqueiro, “foi unha ousadía, pois elexín o que é o 1% das 20.000 pezas xornalísticas que se estima que escribiu”. Desde a columna máis antiga á máis recente, o libro abrangue un período que vai do 1930 ao 1981.

O xornalista puntualiza que todos os artigos foron escritos en castelán, pois Cunqueiro “vivía do xornalismo e publicaba moito en medios fóra de Galicia“. Con todo, matiza que “el falaba e pensaba” en galego, e quen estea interesado en pezas asinadas no idioma natal do escritor mindoniense “ten tres volumes moi ben editados por Iago Castro e Xosé Enrique Costas“.

O CURANDEIRISMO OU A GASTRONOMÍA, OBSESIÓNS

Os artigos seleccionados están estruturados en dez bloques ou capítulos temáticos: a poesía, Galicia, a ruta xacobea, o mar, retratos e paisaxes, a gastronomía, o esoterismo, o curandeirismo, os anxos, o calendario -as estacións, o paso do tempo-. Tamén hai un epílogo, cunha introdución do antólogo, e textos sobre Cunqueiro de Juan Cueto, Francisco Umbral e Francisco Carantoña.

Somovilla explica que, como xornalista, “non quixen buscar os artigos máis redondos ou mellores, senón reflectir o Cunqueiro que empeza a publicar na revista mindoniense ‘Vallibria‘ de Trapero Pardo, nos anos 30, e que remata de publicar no 1981 no Ya, Sábado Gráfico e Radio Nacional (radiodifusión). Quixen reflectir varias temáticas e épocas”, expón.

Ao longo das case 800 páxinas percíbese a evolución de Cunqueiro, e axiña, remarca Somovilla, “un estilo persoal e inconfundible, doado de identificar”. Tamén as súas paixóns, “unha serie de teimas que afloran constantemente na súa obra; o mundo dos soños, do desexo humano, os tesouros ocultos, o mar, a gastronomía…”, enumera.

DO LOCAL AO UNIVERSAL

No tocante á presenza da cidade natal do escritor, Mondoñedo, o antólogo indica que “falando de Galicia sempre adoito dicir que o universo de Cunqueiro parte dunha cidade, e a través da súa historia el crea todo o demais. Agora, penso que sería un erro crer que é só iso; el fai do local algo universal. Sen perder nunca de perspectiva o val mindoniense e a Terra de Miranda, el navega polo mundo; e polo mundo descoñecido, pois tiña unha especial querencia polas terras submerxidas, polos países imaxinarios, así inventa a Taberna de Galiana, no Atlántico. Quizais iso fai que a súa obra perdure; é de minorías, pero fieis e que se renovan co tempo”, sostén.

Miguel Somovilla. AXM

Entre os artigos, lugares e historias da Mariña Lucense emerxen con frecuencia. “El sempre dicía que un dos seus modelos literarios era Fray Antonio de Guevara, que foi bispo de Mondoñedo. O mar de Foz, o Cantábrico focego, foi o primeiro mar que el viu e sempre foi a referencia marítima por excelencia; pasou igual co Masma, que foi sempre o seu río. Tamén hai textos sobre o bispo San Gonzalo, Sargadelos, por suposto a súa cidade natal, a Terra de Miranda e Riotorto que se converterán en ‘Merlín e familia’ na selva de Esmelle, a costeira do bonito…”, precisa.

“XORNALISTA AO SEU PESAR”

Cunqueiro, recoñecido como un mestre da narrativa de ficción, era ambivalente con respecto ao xornalismo. “El tiña unha relación singular co oficio”, afirma Somovilla. “Haberá quen diga que nunca foi a unha rolda de prensa, pero dirixiu un xornal como o Faro de Vigo durante cinco anos e viviu dos artigos practicamente durante toda a súa vida. Eu adoito dicir que era xornalista ao seu pesar“, razoa.

“Tiña moitas contradicións; hai declaracións del a favor e en contra deste oficio. Valoraba a aprendizaxe da brevidade, da improvisación, pero lamentaba que lle restaba tempo para a literatura, cando o debate sobre se as informacións, reportaxes ou columnas poden ser textos literarios está resolto case desde principios do século pasado. El facíao con enorme brillantez”, engade o antólogo.

Viviría cómodo na era da inmediatez informativa? “El lamentaba a abundancia de novas, cría que o ser humano non estaba preparado para dixerir tal. Era aberto e curioso, pero hoxe espantaríase”, ri Somovilla, que concreta algunhas anécdotas a modo de exemplo. “Cítoo: ‘se me pedisen ás tantas da noite un artigo da máxima actualidade, escribiríao sobre a peregrinaxe a Compostela’. El tiña un sentido da actualidade que era histórico e trascendente. Estivo en París no maio do 68 e non escribiu unha liña; publicou varias entregas sobre unha exposición da arte gótica en Europa, que foi o que el ía ver”, salienta.

“EL TIÑA UN SENTIDO HISTÓRICO E TRASCENDENTE”

“Tiña a tendencia a recrearse no pasado, a vivir no anacronismo. Cando fixo as reportaxes sobre o Camiño de Santiago nos anos 60, cando a ruta xacobea non aínda tiña o impulso que collería despois, xa nos 90, nótase a súa decepción. El viaxa a Pedrafita do Cebreiro e os nenos dinlle que non saben o que significa a palabra peregrino, que nunca viron ningún. Tamén se estraña de que falten albergues”, relata Somovilla, que explica que “Cunqueiro esperaba unha visión romántica, daquela ruta da Idade Media que trouxera tantos saberes”.

Dado que Cunqueiro tendía ao anacronismo e a antoloxía abrangue case cinco décadas da historia do Estado español, da dictadura franquista e dos anos previos e posteriores, paga a pena preguntar se ‘Al pasar de los años’ supón tamén unha macrocrónica dese período. “Non o é realmente. El escribía a contracorrente; cando estaba ben vista a literatura comprometida, el dicía que a súa era outra forma de escritura, de fantasía, contra o aburrimento, que concebía como unha traizón. Con todo, reclamaba o seu compromiso contra a miseria e a prol da liberdade”, alega Somovilla.

Cuberta da escolma. AXM

O antólogo resalta que ao longo das páxinas da escolma Cunqueiro “posiciónase claramente sobre algunhas problemáticas da súa época que seguen vixentes, como a contaminación das celulosas, contra o abandono do campo, sobre as dúbidas que lle produce a presa de Belesar, cando se estaba a construír o novo Portomarín. Eu penso que el tiña un compromiso con Galicia, renovou a literatura galega; a nugalla de Merlín é a súa propia cando volveu a Mondoñedo, ao duro Mondoñedo do 1947″, argumenta.

PRESENTACIÓN EN MONDOÑEDO O 7 DE MARZO

Somovilla presentará ‘Al pasar de los años’ o 7 de marzo en Mondoñedo, nun lugar por agora por concretar, e probablemente tamén en Foz. Nesas dúas citas, os heredeiros dos mariñaos que nos anos 30 lían o semanario ‘Vallibria’ coñecerán de preto unha antoloxía que pretende recrear “o mundo que el plasmou nos xornais, que para min forma parte da literatura con maiúsculas“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here