InicioCultura'Mare', curta do viveirense Guille Vázquez, entra na sección oficial do Festival...

‘Mare’, curta do viveirense Guille Vázquez, entra na sección oficial do Festival de Málaga

O mariñao proxectará a súa ópera prima como director de ficción o 13 de marzo, recoñecida xunto a outras 23 pezas seleccionadas de 874 participantes

Publicada o

- Advertisement -

A curtametraxe ‘Mare‘, dirixida polo realizador viveirense Guille Vázquez, vén de ser incluída na sección oficial do Festival de Málaga, unha “sorpresa e alegría moi grata” para o mariñao, que con esta peza debuta como director de ficción.

Nacido en 1992 en Lugo e criado en Viveiro, Vázquez estudou Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela e posteriormente cinema en Praga, Berlín e Madrid, onde vive e traballa. Tras asumir a dirección de fotografía en curtametraxes como ‘Index’ (2018), de Daniel Damanti, ou ‘To The Sea’ (2019), de Julian M. Grünthal, a súa obra de debut vén de recibir “un empurrón inesperado”.

“Cando comezamos a preparar ‘Mare’, na primavera de 2018, traballabamos sen ningunha expectativa, pensando en lanzar directamente a peza a Internet“, remarca o director, que espera que a premiere en Málaga poida abrir “algunhas portas. Probamos primeiro a mover a curta nos festivais máis grandes, e se este non é quizais o máis prestixioso do circuíto, si é un dos máis coñecidos”, expón.

SOBRE A NARCOLEPSIA

O título, ‘Mare’, refírese ao íncubo ou o demo do folclore medieval a quen lle atribuían a responsabilidade dos agonizantes casos de parálise do soño. E a temática nace dunha experiencia a nivel familiar do realizador. “Miña nai padece narcolepsia desde hai décadas, desde que eu a coñezo. Foi ela quen me comentou a explicación mitolóxica” que se lle deu a esta doenza, relata. “Non sempre reflexionas sobre este tipo de cousas e as súas consecuencias, e a partir de facelo levaba tempo querendo construír algo sobre iso”, engade.

A curta parte dunha rapaza que busca a alguén que entrou na súa casa cando se atopaba entre o soño e a vixilia. É unha peza “metafórica e bastante críptica, sen diálogos, que responde a unha intención de facer algo moi visual“, concreta Vázquez.

Fotograma da curta. CEDIDA

LOCALIZACIÓNS E EQUIPO DA BISBARRA

A rodaxe foi en outubro de 2018, con localizacións na Mariña Lucense e cun equipo no que sobresaen varias persoas da bisbarra. Vázquez rodou nunha casa indiana situada en Magazos, propiedade de Ramón Balseiro, e tamén gravou planos na ría de Viveiro.

Con respecto ao equipo, Vázquez precisa que “tirei moito de amigos, tanto da comarca como de Madrid. A música, que é moi importante na curtametraxe, é obra do viveirense Javier Fajardo; tamén se implicou a tope outro viveirense, Hugo Aja, que completa o reparto”, enumera. “Están Borja Conde, Diego Aparicio e Fabio Fernández. Na mestura de son axudoume Gabriel Fernández. A directora de arte foi a viguesa Carmen Triñanes e a protagonista é Ede, teclista de Xoel López e que debuta nun papel principal”, explica.

Vázquez vive unha época de amosar o feito. O vindeiro xoves estrearase o seu primeiro documental como director, baseado nun concerto do rapeiro Juancho Marqués. O día 13, proxectarase no Teatro del Soho malacitano a súa ópera prima. ‘Mare’ foi seleccionada xunto a outras 23 pezas dun total de 874 participantes. “Se o pensas, acolloa un pouco”, admite. E tamén é significativo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...