InicioCulturaO cervense Xaime Miranda gaña o Mestre Mateo polo videoclip 'Esquimales', de...

O cervense Xaime Miranda gaña o Mestre Mateo polo videoclip ‘Esquimales’, de Heredeiros da Crus

O realizador resultou premiado por unha peza na que contou co seu equipo habitual, con mariñaos como Iago Vilariño ou Sabela Blanco

Publicada o

- Advertisement -

O cervense Xaime Miranda gañou o galardón ao mellor videoclip da décimo oitava edición dos Premios Mestre Mateo. O realizador mariñao acadou este recoñecemento por ‘Esquimales‘, peza audiovisual realizada para o grupo de rock Heredeiros da Crus.

A dirección, produción e montaxe correu a cargo de Miranda, que contou cun equipo plagado de xente da Mariña Lucense, como Iago Vilariño (director de fotografía) ou Sabela Blanco (axudante de produción), e tamén utilizou localizacións da bisbarra, como é habitual nas súas premiadas pezas.

‘O QUE ARDE’, TRIUNFADORA

A película ‘O que arde‘ foi a gran triunfadora da gala do audiovisual galego ao gañar seis galardóns dos doce aos que optaba, entre os que recibiu o recoñecemento á mellor longametraxe e á mellor dirección para Óliver Laxe.

‘O que arde’, producida por Miramemira, 4A4, Kowalski Films e Tarántula, foi a máis recoñecida nunha gala celebrada no coruñés Palacio da Ópera, onde o seu director, Óliver Laxe, evocou o bo clima da rodaxe agradecendo aos productores e aos actores “esta aventura”: “¡Crecemos tanto facendo isto!”.

Para esta cinta que reflexiona sobre os incendios forestais súmanse os galardóns de mellor dirección de arte de Samuel Lema e Curru Garabal, dirección de fotografía de Mauro Herce, montaxe de Cristóbal Fernández, e son de David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Silva e Xavi Souto.

A segunda triunfadora da noite foi a serie ‘Ferro‘, de Portocabo, Movistar, Arte France e Atlantique Productions, con catro galardóns, o de mellor serie de televisión, mellor dirección de produción para Ana Míguez, mellor guión para Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela, e mellor música orixinal para as composicións de Elba Fernández e Xavi Font.

MAIORÍA DE IDADE

Organizados pola Academia Galega do Audiovisual, os Mestre Mateo, que cumpren a maioría de idade recoñecendo o traballo de profesionais do sector, celebraron unha cerimonia marcada por discursos en defensa da igualdade e amenizada con actuacións de acróbatas e bailaríns.

As mellores interpretacións protagonistas, tanto feminina como masculina, foron para os principais actores da película ‘Eroski-Paraíso‘, Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, que non puideron acudir á gala pero entraron en vídeo desde Madrid para agradecer con humor os galardóns.

A cinta de Paco Praza, ‘Quen a ferro mata‘, que optaba a quince candidaturas, fíxose con tres premios, o de mellor actor de reparto para o recordado Xan Cejudo, o de mellor actriz de reparto para María Vázquez e a mellor maquillaxe e barbaría para Susana Veira e Beatriz Antelo.

PREMIOS DE HONRA

O Premio de Honra “Fernando Rei” recaeu no proyeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia, José María Rodríguez Armada “Chema”, que enxalzou “un traballo que parece que non se ve, pero aí está”, e o Premio especial “José Sellier” levouno o Festival de cine escolar Olloboi.

Os demais premios Mestre Mateo recaeron no documental ‘Manoliño Nguema‘; o programa de televisión ‘Segredos. Desmontando Galicia‘; a serie web de RTVE e Cósmica ProduciónsAntes de perder‘; a curtametraxe de imaxe real ‘16 de decembro‘; a curta de animación ‘Homomaquia‘ ou no anuncio ‘Santiago, Cidade de Cinema‘.

Ademais, Lucía Regueiro conseguiu o premio á mellor comunicadora de televisión por ‘Bamboleo‘; Marcos Barrios, gañou o recoñecemento á súa realización en ‘Segredos. Desmontando Galicia’ e María Fandiño logrou o galardón de vestuario por ‘Lobos e Cordeiros‘. EFE

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...