A cultura pide aire con #NonNosCanceles: “a primavera é tempada alta para un contacontos”

Narradores orais como o cervense Caxoto ou xestores culturais como o ribadense Abel Pérez reclaman que busque data alternativa para os eventos programados

Felipe Díaz "Caxoto", cos nenos atentos. AXM

#NonNosCanceles é o cancelo elixido nas redes sociais para reclamar a suspensión, coa concreción dunha data alternativa, dos eventos culturais paralizados por mor do estado de alarma decretado para conter o coronavirus. O freo que supón a pandemia, cuxa fin esta aínda lonxe de albiscarse, pon no aramio a quenes viven da narración oral, os espectáculos teatrais ou os concertos.

O narrador oral Felipe Díaz “Caxoto”, natural de Cervo, expón que a primavera é a “tempada alta” dos contacontos. “Está o Día do Libro, en maio as Letras Galegas, o 8 de marzo tamén conleva varias actividades culturais… Probablemente son os meses máis fortes do ano, porque para moitos de nós o verán é máis tranquilo, a xente prefire actividades ao aire libre”, salienta, para concretar que perderá “unhas 30 ou 40 funcións“.

A campaña #NonNosCanceles aspira a concienciar sobre que “nós esperamos sen traballar o que faga falta, pero sempre e cando nos poidan trasladar as datas, porque este é un sector que dificilmente garante riqueza, que habitualmente está en precario, e se aínda por riba perdemos catro ou cinco meses nos que gañamos o pan, vai ser moi complicado saír adiante”, resume.

Ao parón únese a incerteza sobre o que ocorrerá despois. “Ninguén che di se as actuacións se poderán facer máis adiante, poden pasar moitas cousas, que os Concellos requisen o diñeiro para outras cousas, ou que se levante o estado de alarma pero con restriccións, sen permitir acumular un aforo determinado en espectáculos. O mesmo co curso, pois moitos contamos tamén para nenos”, sinala, para apuntar unha posibilidade que poida ofrecer un alivio; “quizais as actuacións ao aire libre sexan unha opción”.

BUSCAR O LADO POSITIVO: “É MOMENTO PARA A CREACIÓN”

O narrador oral cervense, que tenta facerse un oco na escena da narración oral para adultos despois de darse a coñecer contando para nenos, expón que o parón non lle fai “replantexar” a súa carreira nin “pensar en deixalo”, aínda que por agora debeu darse de baixa como autónomo, pero si que “vai ralentizar todo. En xuño tiña unha función en Cataluña, nun festival que podería ser un escaparate para min, e pinta mal”, recoñece.

“Caxoto” cuantifica “en arredor de 50 persoas” o número de contacontos que reúne o colectivo na Narración Oral Galega (NOGA).

Tenta mirar o lado positivo dun parón “que non depende de nós” e reivindica que é un momento “para a creación”, para darlle unha volta ao repertorio. “É o tempo de preparar material novo, para formarse online, ler…”, matiza. Tamén resalta que narradores orais ou músicos están a ofrecer contidos gratuitamente na rede.

INCERTEZA SOBRE CANDO SE PODERÁ VOLVER COMEZAR

Abel Pérez, da empresa Mialma Producióis, radicada en Ribadeo, fai fincapé na incerteza de “como e cando” se vai volver á normalidade, pois remarca que ten “todo cancelado ata o mes de agosto“. A firma, que xestiona eventos culturais, leva a representación de artistas e tamén edita e publica produtos propios como discos ou libro-discos, como é o caso de ‘A comuna del barruzo‘, tiña nestas datas “alomenos dous espectáculos por fin de semana”.

Ciclos de música itinerante, festivais ou a xira dun grupo sueco son algúns dos eventos organizados e cancelados. “Son cousas nas que levas traballando durante meses e agora iso non se pode recuperar”, lamenta.

Por outra banda, entende que “vai ser insostible” ubicar en tres meses a actividade cultural parada ao longo dos últimos e vindeiros meses. “Nesas cancelacións, na maioría das veces os artistas non teñen un contrato”, indica. Hai alternativas? “Temos que buscar fórmulas. Quizais os espectáculos desde a casa poidan ser unha opción mentres siga o confinamento, obviamente con custos máis reducidos -e menor calidade- ao novo haber desprazamento, equipo de son, palco, etcétera”, concreta.

FALTA DE REGULACIÓN

“Dentro deste sector cultural hai moitas problemáticas que non se afrontaron previamente, e iso fai que estea debilitado de por si. Falta regulación, pois o nivel cotización dun traballador cultural en Francia non parte dun baremo como aquí, fixo mes a mes, ou a partir dun número de actuacións tes dereito a unha especie de paro creativo, para que ti poidas traballar na creación dun espectáculo. Aquí hai unha dependencia absoluta para os músicos da época estival, e non ten pinta de que se vaian facer demasiadas cousas. As empresas privadas non arriscarán sen ter garantías de que non haxa contaxios”, prevé.

O xestor cultural considera “excluínte” que un traballador por conta allea poida “acollerse a un Erte e poder cobrar quedando na casa e “que un autónomo non o faga; non se pode tratar ás persoas polo seu rexime de cotización”, conclúe.

Pérez cre que o sector “non está tratado coma unha industria“, un hándicap que “fai moi difícil que a cultura poida repuntar”, remarca o xestor cultural, que cre que “é o momento de que as administracións locais encarguen produtos culturais que sexan viables en confinamento”.

VIVEIRO COMPROMÉTESE A BUSCAR DATAS

A concelleira de cultura de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, á que a crise tamén afecta non só como xestora senón tamén como actriz, prognostica que “vai vir unha época moi complexa” e resalta que “na medida do posible, as institucións temos que estar á altura. Os artistas están aí para nós sempre, vémolo estes días pois están axudándonos a pasar a corentena, e tamén temos que saber estar aí nós. Debemos consumir arte porque sen público non vai ser posible recuperarse, é un traballo de todos”, indica.

“QUE A CULTURA SE RECUPERE É COUSA DE TODOS”

Fernández-Noriega remarca que o Concello de Viveiro apoia a campaña iniciada nas redes e que “vai tentar recolocar todos os eventos que tiveron que caer por mor do decreto do estado de alarma. Tivemos que parar todo o que tiñamos programado para o Teatro Pastor Díaz e buscamos datas en setembro e outubro, porque en verán a xente prefire actividades ao aire libre, e nunca pensando en anular, porque a cultura tamén é unha fonte de ingresos para o comercio e a hostalería, tamén nos nutre no vital e no económico”, subliña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here