IniciosociedadeFalece Luz Pozo Garza, poeta querida en Ribadeo e Viveiro e voz...

Falece Luz Pozo Garza, poeta querida en Ribadeo e Viveiro e voz esencial das letras galegas

A escritora ribadense, Filla Predilecta do municipio, viviu boa parte da súa vida na Cidade do Landro, onde se lle recoñeceu como Filla Adoptiva

Publicada o

- Advertisement -

A poeta Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo no 1922, finou este luns na Coruña, a cidade na que residía desde finais dos anos 80. A súa é unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX, segundo remarcou a Real Academia Galega (RAG) nun comunicado. A escritora foi recoñecida como Filla Predilecta do municipio ribadense e Filla Adoptiva de Viveiro, onde a Escola Oficial de Idiomas (EOI) leva o seu nome.

“O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir”, explica a RAG na nota de prensa. En 2019 publicou o seu último libro, ‘Pazo de Tor,’, homenaxe ao edificio de Monforte de Lemos e ás raíces familiares, pola vía materna.

A MARIÑA, PRIMEIRO ESCENARIO VITAL

Pozo Garza pertence á chamada Promoción de Enlace, a situada entre a xeración do 36 e a da primeira posguerra. O primeiro escenario vital da autora, que tanto marcaría tamén a súa literatura, foi o da Mariña de Lugo, entre Ribadeo, a vila onde naceu, e Viveiro, onde viviu entre 1929 e 1936 e que a acolleu de novo en 1940, ata 1963. Pasou a Guerra Civil entre Lugo (instalada no mesmo edificio ca Luís Pimentel) e Marrocos, seguindo canda a súa nai o pai, que fora encadeado pola súa condición de militante republicano. Aqueles anos deixaron unha fonda pegada na escritora, que perdeu na fronte o único irmán que tantas veces lembraría.

MESTRA EN VIVEIRO

Durante a súa estadía en Viveiro, Pozo Garza exerceu como mestra e formou a numerosas xeracións de viveirenses, participou activamente na vida cultural e social da cidade e, sobre todo, estableceu unha relación especial coa nosa vila e as súas xentes, un vínculo que se mantivo ao longo da súa vida.

PRIMEIRAS CREACIÓNS

Tras publicar as súas primeiras creacións en Las Riberas del Eo, en 1949 veu a lume o seu primeiro libro, ‘Ánfora, unha obra vitalista, escrita en castelán, que foi recibida con entusiasmo tanto no mundo literario español –foi loada na prensa polo poeta da xeración do 27 Gerardo Diego– coma no galego, onde foi axiña nomeada membro correspondente da RAG.

‘O PAXARO NA BOCA’, OBRA PIONEIRA NA RECUPERACIÓN DA LINGUA

Tres anos despois, en 1952, sairía do prelo o seu primeiro volume en galego, ‘O paxaro na boca‘, de novo un canto á vida a través do amor con versos inzados dun erotismo feminino inédito na escena literaria do momento, cando a edición de libros en lingua galega se retomaba en medio dunha forte censura. A obra inaugurou a colección Xistral, o proxecto editorial creado polo pintor Ánxel Johán e o poeta Manuel María dende Lugo.

Luz Pozo Garza instalaríase definitivamente no galego nos anos 70, cando publicou ‘Últimas palabras / Verbas derradeiras‘, obra autotraducida na que poetiza o desamor, a soidade, a dor, a angustia e a morte.

 

MADUREZA POÉTICA

A súa produción intensificaríase xa na madureza, a partir dos anos 80, ata sumar máis dunha ducia de poemarios que coñeceron traducións ao portugués, catalán, francés, inglés, alemán, xaponés, ruso e húngaro. Nesta nova etapa, primeiro chegarían ‘Concerto de outono’ (1981) e ‘Códice Calixtino’ (1986), nos que emerxe de novo unha sensualidade forte e o canto á liberdade radical que caracteriza o fondo de toda a poesía da autora.

Luz Pozo iniciou nestes dous volumes unha liña poética de estética clásica e filosofía platónica que culminaría en 1992 en ‘Prometo a flor de loto‘, edicado á memoria do seu compañeiro na vida e na literatura, Eduardo Moreiras (1914-1991), e merecedor do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Nos anos seguintes verían a luz títulos como ‘As vodas palatinas (2005), ‘Deter o día cunha flor’ (2009), ‘Sol de medianoche’ (elexía á súa neta Natalia) ou ‘Rosa tántrica’ (2016).

HOMENAXE A ROSALÍA

A poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en obras como ‘Vida secreta de Rosalía‘ (1996), e tamén no seu discurso de ingreso na RAG como académica de número, Diálogos con Rosalía, a primeira intervención deste tipo escrita no código da poesía. A pegada rosaliana volveu evidenciarse en ‘Medea en Corinto’ (2002), poema polifónico no que galeguizou este mito clásico. O comezo do século XXI foi tamén para a escritora un momento de exploración da inspiración gaélica, unha conexión literaria á que chegou por motivos familiares e reflectida en As arpas de Iwerddon’ (2005).

EDITORA, CRÍTICA LITERARIA E DOCENTE

Alén da súa propia escrita, a actividade literaria da académica abrangueu a edición e a crítica literaria. En 1975 cofundou e codirixiu canda Tomás Barros a revista Nordés (aínda que tivo que figurar como subdirectora pola forte discriminación de xénero do réxime franquista) e máis adiante dirixiría, dende a súa fundación en 1995, Clave Orión. A literatura foi ademais o seu medio de vida. Aínda que a súa formación inicial foi como pianista, nos anos 60 licenciouse en Filoloxía Románica e exerceu como docente de secundaria entre 1964 e 1987. Dende as aulas, deixou un recordo indeleble en moitas xeracións de alumnas e alumnos que tiveron a fortuna de aprender dela nos institutos de Corcubión, A Coruña e Vigo onde impartiu docencia.

ACADÉMICA PIONEIRA DA RAG

Como académica de número, Luz Pozo foi a segunda muller, tras Olga Gallego, en ocupar unha cadeira no seu pleno e a primeira en ocupar un posto de dirección na institución, ao asumir a vicesecretaría entre 1997 e 2001.

A traxectoria da poeta foi recoñecida en distintas ocasións con galardóns como a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013), o Premio Trasalba (2019). A Real Academia Galega rendeulle homenaxe, co gallo do seu 95 aniversario, en xullo de 2017. No acto recitaron versos da súa autoría dez poetas de distintas xeracións. A escolma foi recollida no opúsculo Un pozo de luzdispoñible nesta ligazón.

“GRAN DEFENSORA” DO SEU VÍNCULO CON RIBADEO

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, en nome de toda a corporación municipal, manifestou o seu pesar polo pasamento de Luz Pozo Garza.

Un sentimento que lle quere trasladar á familia da que foi “unha grande poeta e unha grande defensora do seu vínculo con Ribadeo”. As bandeiras do Concello ondean a media asta.

Pozo Garza ten ademais na vila unha rúa ao seu nome desde o 2001. Na esquina deste vieiro con Virxe do Camiño está instalado tamén un monólito cun poema seu, formando parte da iniciativa anual que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega fai para homenaxear cada ano un autor o autora: A escritora/O escritor na súa terra.

POEMA

A peza di o seguinte:

Ribadeo, Ribadeo.
Eu era aquela nena
que medraba na Mariña lucense
ó leste dun edén,
no espacio extremo das fisterras.
Ti eras o xardín aberto xusto na nordesía
na seducción da luz.

E serías no exilio, a través das estrelas,
a imaxe dunha patria
naquela soidade adolescente
confundida na guerra.

AGRADECEMENTO DE VIVEIRO

“Nos seus inicios, nun mundo predominantemente masculino, soubo crear o seu propio espazo, proxectar o seu mundo literario e conseguir o respecto dos seus compañeiros. Persoas como Luz Pozo Garza son as que, no seu momento, abriron camiño para facer que, hoxe en día, sexa máis fácil a presenza das mulleres en todos os eidos”, destaca a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

O Concello de Viveiro traslada as súas condolencias á súa familia e “sempre lembrará a Luz Pozo Garza, mantendo vivo o seu legado. A súa obra e a súa vida son tamén parte da historia da nosa vila”, remarcou a rexedora.

O MUNDO DA CULTURA REIVINDICA A SÚA FIGURA

Referentes da cultura e literatura galegas expresaron a través das redes sociais o seu pesar polo pasamento da poeta, aos 97 anos. Nunha entrevista con María do Cebreiro que podes ver no vídeo debaixo destas liñas, a escritora falaba da súa infancia en Viveiro.

COMUNICADOS DENDE AS ADMINISTRACIÓNS

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou as súas condolencias polo falecemento da poetisa, “unha muller que sempre foi varios pasos por diante do seu tempo e unha autora memorable”.

“Foi precursora das nosas letras contemporáneas con máis de 70 anos de traxectoria literaria. Descanse en paz”, recolle no seu perfil de Twitter.

Desde a vicepresidencia da Deputación de LugoMaite Ferreiro, mostrou o seu pesar pola perda da autora, “unha das voces esenciais da literatura galega e unha pioneira, que se impuxo aos prexuízos cos que as mulleres tiveron que loitar para abrirse camiño no mundo literario nos difíciles tempos da posguerra e da ditadura”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...