Landrove prepara a súa cuarta Festa Labrega, do 21 ao 23 de setembro

O programa inclúe degustacións gastronómicas, música e a terceira edición das olimpiadas rurais

Presentación da Festa Labrega. AXM

A parroquia viveirense de Landrove reivindicará de novo o rural coa cuarta edición da súa Festa Labrega, que se celebrará no atrio da igrexa do 21 ao 23 de setembro.

VENRES

O programa comezará o venres 21, ás 19.30 horas, co pasarrúas da charanga Andarivel. Ás 21.30 acenderase a chama olímpica, que prenderá a alcaldesa, María Loureiro. A continuación actuará o grupo Os do 21 do Vicedo, e haberá bolos preñados de balde.

SÁBADO

A actuación de Arume, desde as 12.30 horas, abrirá a xornada do sábado. O trío La Noche encargarase da sesión vermú, e desde as tres haberá un pincho labrego de tortilla. Ás 16.00 horas comezará a terceira edición das olimpiadas rurais, nas que volverán disputarse probas habituais -como o tiro de caiado ou de galleta– e nas que tamén haberá novidades.

Polo de agora hai tres equipos inscritos nos xogos, que durarán ata as nove da noite. A organización puxo un máximo de cinco grupos participantes, cun mínimo de catro integrantes e un máximo de oito. Ás 21.30 haberá cea labrega -caldo, cocido, pan e postre, coa cunca incluída- a un prezo de oito euros para os non asociados. A continuación haberá verbena con La Noche e Verónica Cambón, e farase entrega do premio ao mellor traxe labrego.

DOMINGO

Para o domingo queda a entrega de premios, desde as 13.00 horas, e a sesión vermú, ás 14.00. Rematará os festexos unha comida labrega de empanada e viño.

INSCRICIÓN

Informan e fan reservas no 677.282.979. A Asociación Cultural e Deportiva Pequenos Pasos de Landrove, entidade organizadora, agradece o apoio do Concello de Viveiro para a celebración da festa.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here