InicioCulturaFoz estreará 'María Solinha' nun autocine e proxectará outras doce películas este...

Foz estreará ‘María Solinha’ nun autocine e proxectará outras doce películas este verán

'Longa noite' abrirá hoxe un ciclo con proxeccións nas parroquias e que protagonizará a oferta cultural no municipio ante a ausencia de grandes eventos por mor do coronavirus

Publicada o

JUAN MAYA. O Concello de Foz proxectará este verán trece películas e contará cun autocine para estrear a longametraxe ‘María Solinha‘. Así o anunciou este xoves nunha rolda de prensa o alcalde, Francisco Cajoto, que estivo acompañado do concelleiro de Cultura, Héctor Moris Fernández, o director do filme mencionado, Xosé Ignacio Vilar Díaz, a produtora de Vía Láctea Filmes, Eva Rivas, e o actor focego Manuel Pumares. Cajoto iniciou o acto calificándoo de “moi especial” porque “estamos saíndo dunha situación moi complicada en todo o Estado e especialmente aquí na Mariña polo brote que afortunadamente se está controlando”. A intención do proxecto presentado é a de levar a cultura a todos os puntos do concello: “sacala á rúa, visualizala e non esquecernos dun sector que tampouco o está a pasar ben”. Debido as limitacións de aforamento impostas este ano polo coronavirus, dende o Concello decidiron “trasladar unha cuestión que perdimos fai uns anos”. O cine Hermanos Pequenete, despois de case tres décadas proxectando filmes, pechaba as súas portas de xeito definitivo o día 4 de setembro de 2006. O rexedor explicou que agora se trata de volver traer o cinema a Foz pero na rúa. Pola súa banda, o concelleiro de Cultura explicou que se trata dun dos proxectos que estaban previstos que se realizaran xa “antes da Covid-19”. “Este tipo de eventos axúdannos a controlar un pouco os aforamentos e quixemos darlle unha volta a este tipo de cine que xa se fixo na rúa no noso concello. Por iso, levámolo ás parroquias, porque cremos que Foz fórmano tanto as fegresías como o casco urbán”, explicou.

ATA O 21 DE AGOSTO

Hoxe proxectarase ás 22.30 horas no Campo da Cabana o primeiro dos treces filmes previstos. Será a longametraxe titulada ‘Longa noite‘ (2019) do director Eloy Enciso. Moris expresou que se trata dun inicio “especial” porque no filme participa o actor nominado aos Mestre Mateo Manuel Pumares, que está enrolado aos “nosos grupos de teatro de aficionados e que é traballador do Concello”. En xullo as espectadoras e espectadores poderán ver filmes para todas as idades como ‘Dumbo’ (Fazouro, día 24), ‘Peter Rabbit’ (Santa Cilla, 29), ‘Mary Poppins’ (Nois, 31) ou, xa no mes de agosto, ‘Pride’ (Vilaronte, día 4), ‘Superlópez’ (Cangas, 7), ‘Jumanji’ (San Martiño, día 11), ‘Lo nunca visto’ (San Acisclo, 14) ou ‘Mascotas 2’ (Cordido, 21). Ademais, o vindeiro día 30 de xullo, proxectarase ‘O que arde’ no Campo da Cabana. É posible consultar o listado completo así como atopar máis información sobre o evento na páxina web cinenarúa.com.

A PELÍCULA DE IGNACIO VILAR PODERÁ VERSE O 13 DE AGOSTO

“O punto culminante vai ser o autocine que por primeira vez imos facer aquí en Foz co filme ‘María Solinha’, que está premiada en Galicia, España, e agora, internacionalmente”, declarou o edil de Cultura. Rivas, produtora do filme, comentou que ‘María Solinha’ ía estrearse orixinalmente en salas, pero debido á irrupción do coronavirus “tivemos que cancelar e decidimos poñer en marcha este proxecto de cine na rúa da man de Mr. Misto Pro & Ser, cos que levamos anos traballando”. As veciñas e veciños de Foz poderán desfrutar da proxección o día 13 de agosto no aparcadoiro Valle Inclán ás 22.30 horas.

SOLINHA, UNHA DAS “GRANDES MULLERES GALEGAS”

A produtora calificou de “honra” poder estar incluidos dentro da programación. “É unha maneira inédita de chegar ao espectador porque é a primeira vez que xente de lugares medianos e pequenos vai ter acceso a unha estrea de cine antes que os espectadores das cidades, onde non chegará a longametraxe ata que os aforos se normalicen totalmente; é o que distingue esta película de todas as nosas e das demais en xeral”, explicou. O director da cinta, Xosé Ignacio Vilar, pensa que é unha “marabilla poder estar en Foz presentando estes filmes e sobre todo ‘María Solinha’. Explicou que a primeira estrea nun autocine “fixémola en Verín o 21 de xuño, e é unha ledicia que o noso cinema, o cinema galego, esté chegando á xente desta maneira”. O cineasta dixo que ‘María Solinha’, a súa sétima longametraxe, xurdiu porque “durante estos tres últimos anos houbo unha violencia e unha agresión no Estado español contra a muller”. “Empecei a investigar quen era Solinha, unha das grandes mulleres galegas moi descoñecida, acusada de bruxa e que foi queimada pola Inquisición”, explicou Vilar.

TEATRO INFANTIL E DÍA DO LIBRO

O ciclo de cinema únese ao de teatro infantil anunciado polo Concello días atrás, e xa en marcha, cada martes. Ademais, mañá todos os pais e nais que se acheguen á biblioteca recibirán un libro infantil, recomendado para idades de tres a oito anos, con motivo do Día do Libro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...