Angelus Apatrida, Lendakaris Muertos ou Crisix actuarán en Viveiro no formato “XS” do Resu

Os promotores do festival organizarán, do 21 ao 30 de agosto, un ciclo de actuacións con aforamento reducido e todas as medidas de seguridade

Angelus Apatrida. DESFASH/ANGELUS APATRIDA/FACEBOOK

A organización do Resurrection Fest anunciou este martes que do 21 ao 30 de agosto Viveiro será de novo cita ineludible para os amantes do rock e o metal, coa celebración do Resu en formato “XS“. Angelus Apatrida, Lendakaris Muertos ou Crisix formarán parte dun ciclo de concertos en aforamento reducido, con concertos de pago e gratuítos, e seguindo as medidas de seguridade para eventos musicais -distancia de seguridade ou uso obrigatorio de máscaras-. Haberá un só escenario e poderán desfrutar das actuacións un máximo de 800 persoas. Seguindo a normativa, haberá un período de acceso ao recinto e acomodación graduada de ata hora e media.

PROGRAMA

Entre os artistas principais, ademais dos citados, están Onza, True Mountains, Brothers Till We Die, Strikeback ou Wasted Wiltons. Haberá tamén concertos para todos os públicos, como Gansos Rosas (tributo aos Guns N’ Roses) ou sesións vermú gratuítas con artistas locais como Karras Martínez e DJ Llonas, ou Joni Ramos &  Sunday Monday Club.

RETRANSMISIÓN EN DIRECTO DA EDICIÓN ONLINE

Ademais, retransmitirase en directo a edición online do Resurrection Fest Estrella Galicia que terá lugar os días 28 e 29 de agosto, festival en streaming que contén un documental especial sobre o Resu, actuacións inéditas e entrevistas exclusivas.

AS ENTRADAS, Á VENDA O XOVES

As entradas para os concertos de pago poñeranse á venda este xoves ás 12.00 horas na páxina web do festival e serán entradas nominativas con asentos previamente asignados, polo que serán persoais e intransferibles.

O FESTIVAL DE GRAN FORMATO VOLVERÁ NO 2021

O Resu volverá do 2 ao 5 de xuño do 2021 e farao con dous dos principais cabezas de cartel anunciados para a edición deste 2020, cancelada por mor do coronavirus. Trátase de System Of a Down e KoRn, aos que se suman Chino Moreno e os Deftones, que volven a España tras dez anos sen actuacións no Estado.

Presentación do Resu XS. XOÁN CRESPO

Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, que colabora co Resurrection Fest XS, cualificou esta edición como “a máis valente e necesaria para A Mariña”; avogou por atopar solucións “imaxinativas, responsables e atractivas” para o público e subliñou a importancia da responsabilidade no ocio. “No actual contexto, no que os eventos multitudinarios se ven especialmente afectados continuaremos ao lado do sector cultural tratando de apoiar e dar respostas que permitan manter o tecido empresarial neste eido, para que entre todos poidamos repoñernos canto antes”, destacou o titular de Cultura.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here