Viveiro rexeita ceder as instalacións municipais para celebrar o formato reducido do Resurrection

O Concello teme aglomeracións e "risco" de contaxios non nos concertos senón "nas prazas e nas rúas" da localidade, onde non pode "garantir a seguridade"

Cartel anunciador do Resu nun dos accesos ao recinto. JUAN MAYA

O Concello de Viveiro tomou esta mañá, segundo anunciou a través dun comunicado de prensa, a decisión de non outorgar a cesión das instalacións municipais para a celebración do Resurrection Fest XS, “co único obxectivo de preservar a seguridade e saúde da veciñanza”.
O goberno local sinala que apoia “desde a súa fundación” este festival de música e “traballará desde mañá mesmo para poder celebrar a edición de 2021 nas mellores condicións posibles”, pero “nesta ocasión, e tendo e conta a situación actual da crise do coronavirus e a opinión maioritaria da veciñanza, decidiu non autorizar a cesión do espazo para a súa celebración”.
O festival presentou a finais de xullo o novo formato reducido do festival, con aforamento reducido a un máximo de 800 anos. “Aínda que nun primeiro momento o Concello considerou acertadas as medidas de seguridade a aplicar dentro do recinto, despois de darlle moitas voltas, tal e como require a situación actual, tendo en conta os riscos que poderían darse no exterior do recinto e ante a evolución da situación sanitaria decidiu non outorgar a autorización, aínda en tramitación xa que se solicitou o luns, día 10 de agosto“, expuxo o goberno local.
O grupo de goberno argumenta que “o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro, durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival -do 21 ao 30 de agosto-, nos que non sería posible garantir a seguridade”.

DECISIÓN “COMPLICADA”

“É unha decisión complicada e difícil que lamentamos ter que tomar, pero fixémolo despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións. Para o concello o primeiro é a seguridade da veciñanza, vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
Ademáis de non dar autorización para a cesión das instalacións ao Resurrection Fest, o Concello “manterá o control e o respecto das normas e recomendacións por parte da cidadanía e os establecementos comerciais e de hostalería, facendo un chamamento á responsabilidade de todos”.

OS PROMOTORES ASEGURAN QUE QUEREN “REVITALIZAR O MUNICIPIO E A MARIÑA”

A media mañá, a organización do Resu emitiu un comunicado no que, “ante as dúbidas e queixas dalgúns veciños que queren que se cancele o evento”, defendeu que se trata dun festival “de moi pequenas dimensións, moi reducido en tempo e espazo, de carácter seguro e con todas as medidas preventivas recomendadas polo Ministerio de Sanidade. Por que se tomou a decisión de realizar o evento? A razón principal é revitalizar Viveiro e a Mariña Lucense tras unha época na que se cancelaron o Resurrection Fest ou a Semana Santa, e a comarca está a sufrir coa problemática dun dos seus motores principais, Alcoa; queremos apoiar a hostalería local e demostrar que a bisbarra é un destino seguro”.

OS ORGANIZADORES ASEGURAN TER O APOIO “DA HOSTALERÍA LOCAL”

Os promotores destacaban que haberá un distanciamento entre asentos de 1,5 metros, e que só se poderá acceder aos concertos con máscara obrigatoria, con entradas nominativas e gardando os contactos dos asistentes. “Gustaríanos afirmar que a cultura é segura”, sostén a organización, que afirma que “co apoio da hostalería local, cremos (e sabemos) que se pode realizar un evento destas características con todas as medidas de prevención posibles e que será beneficioso para todo o mundo”.

O TSUNAMI XA FORA CANCELADO EN ASTURIAS

A versión reducida do Tsunami Xixón, festival que organizan en Asturias os promotores do Resurrection Fest, xa foi cancelado a finais do pasado mes de xullo, ao considerar o Goberno do Principado que se trataba dun evento “de alto risco“.

13 DENUNCIAS POR CONSUMO DE ALCOL EN PERNAS PEÓN E NA PRAIA DE COVAS NA PASADA FIN DE SEMANA

A Policía Local de Viveiro levantou a pasado fin de semana un total de 13 actas de denuncia por consumo de alcol nas vías, parques ou espazos públicos, outra por non usar a máscara estando obrigado a iso, e outra contra un establecemento por exercer a actividade de terraza unha hora máis tarde do horario de peche permitido. As infraccións localizáronse en zonas como o Parque Pernas Peón, lugar no que os axentes desaloxaron a varios grupos de mozos facendo ‘botellón’, así como na praia de Covas, “co cal esta función faise máis dificil debido a que ao decatarse da presenza da policía, os mozos dispérsanse pola praia”, expón o goberno municipal.
Desde a Policía Local e a Alcaldía faise “un recordatorio aos mozos, nestas datas, de que actúen con responsabilidade, sobre todo en obrigacións como o uso da máscara, o distanciamento social e en prohibicións como o consumo de alcol na vía ou lugares públicos”, conclúe a nota.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here