InicioCulturaA Mariña agradece a implicación de Sabela cunha campaña para que fique...

A Mariña agradece a implicación de Sabela cunha campaña para que fique en OT

Viveiro e Ourol, de onde procede a súa familia, piden o voto para a vocalista pontesa

Publicada o

- Advertisement -

A finais do pasado mes de agosto, Sabela Ramil perdeuse de mala gana unha das súas festas favoritas: o Naseiro.

É festeira e sociable, pero tenlle unha cruz no calendario. Se vai polo menos un día xa queda contenta”, sinala Mary Rivera, a súa nai. A moza cambiou a romería do bo xantar por un cásting pero o sacrificio tivo recompensa: acadou un sitio na academia de Operación Triunfo, un posto que defenderá o vindeiro mércores (22.30, TVE 1).

CANTARÁ EN GALEGO

A moza, nominada na Gala 1 do programa, competirá con Alfonso por permanecer no concurso. A vocalista pontesa cantará en galego ‘Benditas feridas‘, un tema da súa profesora de canto Rosa CedrónNo duelo por unha praza entre os dous rapaces, o apoio do público será vital.

CAMPAÑA EN BRAVOS

A Sabela non lle vai faltar. As Pontes, onde se criou, e A Coruña, onde vive, iniciaron campañas para salvar á unica concursante galega de OT 2018. A Mariña, de onde procede a súa familia, non queda atrás: o atrio de Bravos xuntou na tarde deste luns a unha multitude que chamou ao voto pola rapaza.

Teléfono para salvar a Sabela. AXM

Non é para menos: a moza non perdeu nunca o vínculo coa terra na que naceron seus pais. Con familia en Bravos e Viveiro, Ramil “é das Pontes, é coruñesa, é da Mariña. Ten o corazón neses tres sitios e non ten por que elixir”, expón Rivera, que asimila como pode o lío marabilloso no que se meteu súa filla.

POPULARIDADE

Non me comentou nada ata o segundo cásting. É resolta”, expón a nai, que vive “con moita ilusión estes días, pero tamén cun pouquiño de tensión, porque queremos que se quede”. Rivera alucina co balbordo que supón o concurso e enumera os clubs de fans da moza xurdidos nas últimas semanas: “hainos en Verín, en Pontevedra, en Valencia…”.

VOCACIÓN

Pero Sabela non marchou á academia de OT á procura da popularidade: adora a música desde pícara. “Non sabía dicir papá ou mamá pero xa cantaba. Balbuciaba, pero tiña un nome para cando lle puñamos folk e outro para cando escoitaba clásica. E cando foi medrando converteuse na súa vía de escape, na súa forma de relaxarse e de expresarse”, explica.

Cun grao en Terapia Ocupacional e un máster en Musicoterapia, que aplica a música na curación de enfermidades, Sabela ten experiencia en formacións como Muxarega ou Bahut. “Ela é moi perfeccionista e sempre quixo aprender. E que mellor sitio para aprender que nesa academia, así que esperamos que poda quedarse”, sostén súa nai.

HABITUAL DA SEMANA SANTA

Sabela é habitual da Semana Santa viveirensena que toca coa confraría de mulleres de Santa Cruz. “Desde cativa quixo poñer un capuchón“, asegura Rivera.

Presentación do festival Aturuxo, con Sabela á dereita do cartel. AXM

DIRECTIVA DE ATURUXEIROS

A concursante de OT demostrou con feitos a súa implicación coa súa terra de orixe. Mesmo cando reside fóra da bisbarra, é directiva do colectivo Aturuxeiros de Bravos, un puntal do tecido asociativo do concello de Ourol, co que organiza o festival Aturuxo.

Ducias de persoas en Bravos mostraron o seu agradecemento á rapaza e pediron o voto para manter no concurso a unha pontesa que vive na Coruña, a unha mariñá máis. O Concello de Viveiro, a través dun comunicado, tamén mostrou o seu apoio a Sabela para que poda continuar no certame. Postos a perder o Naseiro, que sexa para soñar ao grande.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...