Arrinca a Feira do Libro de Foz, epicentro literario da comarca ata o vindeiro domingo

Unha decena de autores, así como catro librerías e unha editorial institucional, participarán no encontro, que arrincou co pregón da poeta local Natalia Alonso

Momento do pregón. AXM

A Feira do Libro de Foz arrincou este xoves para converterse durante a fin de semana, ata o domingo 23 de agosto, no epicentro literario da provincia de Lugo. Unha decena de autores, así como catro librerías e unha editorial institucional, participarán no encontro, que arrincou co pregón da poeta local Natalia Alonso e coa sinatura de libros tanto da pregoeira como de Elba Pedrosa.

A cita de Foz, igual que o resto das que se están a celebrar en Galicia, está adaptada ao contexto da covid-19, ofrecendo unha actividade á altura do sector editorial galego e que, ao tempo, sexa segura grazas ao traballo da Federación de Librarías de Galicia e a disposición da decena autores que estes días asinarán exemplares, entre os que se atopan Manuel Portas, Mª Xosé Porteiro, Antía Yáñez ou o cronista oficial de MondoñedoAntonio Reigosa, entre outros. Podes consultar o programa completo nesta ligazón.

Esta nova edición da Feira do Libro de Foz, que conta co apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Foz e da Deputación de Lugo, estará aberta ata o vindeiro domingo na Praza de Conde Fontao entre as 17.30 e as 22.00 horas.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, agradeceu o esforzo, a dedicación e compromiso que os profesionais do libro de Foz están a desempeñar á hora de reactivar o sector e incentivar o consumo cultural participando un ano máis nesta feira.

Na mesma senda, a vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, valorou o “empeño e interese das librarías en buscar solucións imaxinativas para seguir mantendo estas feiras” e “achegar os libros ás rúas e prazas das vilas e cidades de Galiza”.

CINCO CASETAS

O Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo conta coa súa propia caseta na feira, na que participan as librarías Bahía, Aenea, Padre Feijóo e Cortizas. O posto é un escaparate para as publicacións que edita o servizo, centradas en temas de interese provincial que pasan esencialmente pola historia, a xeografía, a etnografía, a arte, os estudos literarios, a arqueoloxía, o turismo, o patrimonio cultural material e inmaterial e a divulgación das actividades e estudos xerados polos centros culturais da institución como os museos provinciais.

Visita das autoridades á caseta da Deputación. AXM

A memoria mergullada. Fotografías de Portomarín 1952-1963” de José López López; “Cervantes, un concello con historia” de Pilar Carpente e Xabier Moure ou “Aldeas e vales da Serra de Ancares. O territorio desde dentro” de Vanessa Fernández son algúns dos últimos traballos editados polo Servizo de Publicacións da institución provincial.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here