O “imperio industrial” do focego Damián López, a debate este venres

A presentación do volume 12 da revista Ardentía servirá para achegarse á figura do empresario de Vilaronte, perfilado nun artigo por Xosé María Leal Bóveda e Xoán Ramón Fernández Pacios

Imaxe cedida por A Pomba do Arco. A POMBA DO ARCO

Este venres, día 4, na Casa da Cultura Manuel María de Foz, farase a presentación do volume 12 da revista Nova Ardentía. Nela vai un artigo que estuda o imperio industrial de Damián López Ferrería (DALO), autoría dos investigadores Xosé María Leal Bóveda e Xoán Ramón Fernández Pacios. Esta presentación, organizada pola Delegación de Cultura do Concello, terá lugar ás 20.00 horas.

O acto contará coa presenza do alcalde focense, Fran Cajoto, que presentará e moderará o evento, no que participarán dous dos coordinadores da revista, Emilio Ínsua e Francisco Fernández Rei, que darán a coñecer a historia da revista e resumirán os artigos cos que conta este número. A continuación os autores falarán do papel que o imperio industrial de Damián López xogou no mundo conserveiro, tanto a nivel galego como español, da vida e personalidade deste industrial e dos problemas que existen para achegarse a unha investigación rigorosa sobre este tema.

Ao final da presentación pasaranse unha serie de fotografías das industrias de Damián López, reunións deste con amigos, retazos da súa vida íntima e dos barcos da súa propiedade, moitas delas xa coñecidas pero outras non tanto xa que forman parte da colección fotográfica da familia Telenti, que cedeu altruistamente para este evento.

TOCOU O SECTOR PESQUEIRO E CONSERVEIRO E TAMÉN O DA MADEIRA

Neste acto quérese poñer o foco sobre a figura do gran industrial focego do século XX, natural da parroquia de Vilaronte, con fábricas de conservas en Foz, serradoiros en Vilaronte, armador de buques de cabotaxe e barcos de pesca, ademais da súa presenza comercial en Asturias. Antes de rematar a presentación haberá un tempo para preguntas por parte do público e para falar dos seus recordos sobre as industrias de Damián López. O acto é de acceso libre e gratuíto ata cubrir aforamento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here