Viveiro impulsa unha mostra de teatro de persoas con diversidade funcional

Super-Arte celebrarase do 24 ao 28 de outubro e inclúe proxeccións de cine, coloquios e talleres

Fabián Ben, de Emarela, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a edil de cultura, Lara Fernández, na presentación da mostra. AXM

O Concello de Viveiro, en colaboración con Emarela e a Xunta de Galicia, impulsará do 24 ao 28 de outubro Super-Arte, a primeira mostra de teatro afeccionado protagonizada por persoas con diversidade funcional.

O certame, que inclúe representacións teatrais, proxeccións de cinema, talleres e concertos, aspira a demostrar as capacidades das persoas con diversidade funcional e a sentar un precedente para que se fagan máis actividades inclusivas.

ADICADA Á CEGUEIRA

A primeira edición estará adicada á cegueira e contará coa actuación dun grupo de teatro afeccionado de persoas cegas. Ademais, a organización editará o cartel do certame, obra de Primitivo Marcos, en braille.

MÉRCORES E XOVES

A mostra comezará o mércores 24, coa inaguración da exposición ‘Enfocando historias‘, da fundación Down Lugo. Será ás 20.30 horas, no consistorio.

O xoves 25 proxectarase a película ‘Wonder‘ nos Multicines de Viveiro, con dúas sesións: a primeira, ás 12.30 horas, será para o público escolar, e a segunda, ás 21.00 horas, aberta a todos cun custo de dous euros por persoa.

VENRES

O venres 26, o grupo de teatro de Eu Son Burela actuará para os escolares. Será no teatro Pastor Díaz, desde as 12.30 horas. No mesmo escenario, desde as 20.30, será a quenda de Pinchacarneiro Teatro, compañía da Fundación Anade lucense con 15 anos de andaina.

As representacións serán de balde con aforo limitado. As persoas que queiran asistir poderán retirar as súas invitacións na taquilla do teatro desde unha hora e media antes de cada función.

SÁBADO

O sábado 27 haberá dous talleres de teatro enfocados especialmente a docentes e voluntarios, un de expresión dramática e outro de clown, a cargo de José Leis.

Desde as 20.30 horas, no Pastor Díaz, o grupo de teatro Muxicas -composto por actores e actrices da ONCE– recreará unha peza.

DOMINGO

Para o domingo queda un obradoiro de danza a cargo da escola Chasé, que se celebrará no conservatorio desde as 11.00 horas.

Ás 12.00 comezará unha mesa redonda sobre os beneficios de socialización do teatro que contará coa presenza da presidenta de Aspanane, Elena Santos. O asociación viveirense non poderá participar na cita co seu grupo de teatro por motivos de axenda, pero encargarase de elaborar os agasallos que recibirán os participantes.

Ao remate do coloquio haberá unha sesión vermú, na praza do Concello, amenizada pola Eu Son Band. A guinda do certame será a proxección doutra película -aínda por determinar- o domingo, ás 17.30 horas no cine.

ORZAMENTO

O orzamento da mostra ascende a 9.700 euros, 6.300 custeados polo Concello e o restante polo Executivo galego. A organización xa traballa na segunda edición do certame e recibiu solicitudes de grupos teatrais de Oviedo ou Murcia.

Presentaron a cita a alcaldesa, María Loureiro, a edil de cultura, Lara Fernández, e Fabián Ben, de Emarela.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here