A conexión lucense de Mafalda

A principios dos 80, o focego Ramón Reimunde e Xoán Ramón Díaz, de Lugo, traduciron ao galego para a editorial Souto as célebres viñetas de Quino, falecido hoxe

Fragmento de 'Mafalda' en galego. TWITTER

Mafalda avanza polo corredor, leva unha pistola de xoguete: “bang, bang, e bang!”. Daquela Felipe replica: “que é iso de ‘e bang’? Cando viches ti un revólver que diga ‘e’?”. A nena, molesta, devolve a arma: “a quen pode interesar-lle xogar aos vaqueiros con Ricardo Carballo Calero!”.

O debuxante arxentino Quino, falecido este mércores aos 88 anos, referíase na viñeta a outra autoridade académica, José María Pemán, pero no 1984, a un focego, Ramón Reimunde, e a un lucense, Xoán Ramón Díaz, pareceulles acaído facer unha chiscadela-homenaxe ao intelectual ao que este ano se lle dedican as Letras.

A LIBRARÍA SOUTO, REFERENCIA CULTURAL LUCENSE

Baixo o impulso da editorial Souto, xurdida da libraría lucense do mesmo nome, hoxe pechada, Reimunde e Díaz encargáronse da primeira tradución ao galego da célebre serie de banda deseñada, un referente cultural a nivel internacional malia que o autor publicou pouco máis dunha década, desde 1962 -primeiro para publicidade, a partir do 1964 con entidade propia- ata 1973.

“Se non me equivoco a idea xurde de Luís del Valle, que andivera comigo na mariña mercante”, explica Reimunde, daquela profesor de lingua galega en Lugo, hoxe afincado en Alfoz. O docente e literato focego encargouse da parte lingüística e Xoán Ramón Díaz, xornalista, tamén escritor e debuxante cómico, de trasladar o fío narrativo e o humor das viñetas, “desde ese punto Quino, que non é de facer rir, senón sorrir”, engade.

“APROVEITABAMOS CALQUERA COUSA PARA PUBLICAR EN GALEGO”

Citando a Alonso Montero, Reimunde explica que “tiñamos aquela idea de que o galego tiña que saír nos xornais, nos contos, mesmo nas revistas do corazón, e a iso estabamos, aplicando iso ao pé da letra”. Souto S. A. publicou en galego varios contos infantís troquelados con historias de Andersen, Carapuchiña Vermella ou Pinocho. O mindoniense e máis Díaz publicaron catro cadernos de ‘Mafalda’, continuando a tarefa o segundo.

“Era un experimento daquela libraría, moi vangardista, cunha sección de libros en galego completa, en todos os temas, e tamén cunha visión de márketing, con presentacións importantes. Respecto a ‘Mafalda’, algunha xente lía os nosos cadernos, tiveron a súa tirada na zona de Lugo, pero pero era unha cousa local, non se pode dicir que fosen as máis famosas do mundo”, ri. “Pero aproveitabamos calquera ocasión para publicar calquera cousa en galego“, lembra.

OS PRIMEIROS ANOS DE OFICIALIDADE DE IDIOMA

A ‘Mafalda’ galega exprésase nun galego normativo de mínimos. Na primeira metade dos anos 80, coa normativa de 1983 saída do forno, o docente tentou “por todos os medios” que a banda deseñada fose publicada en galego-portugués, pero na editorial negáronlle a petición e optou por facer “unha pequena trampa e tirar da regulamentación de 1980”.

 Lembrar a publicación daquela historia de banda deseñada en galego é tamén repasar a historia das primeiras aulas no idioma, a dunha xeración de docentes que tiraba de inxenio. “E sobre todo corazón, puñamos moito corazón. Non había moitas cousas en galego para rapaces e cando comezamos non había nin libros de texto; no Lucus Augusti tiraba de Astérix e Obelix en portugués, cando ía a Portugal viña cargado de cousas”, recorda.

SUTILEZA E FONDURA

A tarefa de traducir a un autor de enorme sutileza, “non vulgar e corrente, senón cunha apariencia infantil que escondía unha carga de profundidade e eludía unha situación moi dura que había na Arxentina“, non foi sinxela. “Xoán Ramón e máis eu, sempre con cordialidade, discutiamos horas por unha viñeta, e ás veces eu botaba outra hora só cunha soa palabra. Pero el é moi divertido, escarallábame de risa”, remarca Reimunde. Nin que o diga: foi o responsable da tradución ao galego de ‘Granxeiro último modelo‘ (TVG).

UN TOQUE GALEGO

Os tradutores estaban “adestrados en burlar a censura”, tal e como facía Quino, e daban “un toque galego” -a parte do célebre personaxe de extracción galega, Manolito– ás historias de Mafalda, como a chiscadela a Carballo Calero, “o literato ao que máis admirabamos. Pero non cambiabamos nunca o fondo, eramos fieis á obra de Quino”, remarca Reimunde.

Di o profesor que narrador e lingüista recibiron o aprobado: Quino chegou a ler a tradución feita ao galego da súa obra e deulles a súa felicitación. E aí queda a alfaia de ‘Mafalda’, tamén no noso idioma, para quen a procure.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here