“No campo de concentración de Arnao apresaron familias enteiras, de pais a primos; unha delas de Viveiro”

Fernando García Rodríguez presentará este sábado en Figueras unha investigación sobre o centro de reclusión de Castropol, onde o franquismo illaba os parentes dos guerrilleiros

Monólito conmemorativo en Arnao. FLORES PARA LA MEMORIA

Fernando García Rodríguez presentará este sábado -18.00 horas, casa da cultura de Figueras– ‘Memoria de Arnao‘, un libro que afonda na historia do campo de concentración franquista ubicado no municipio de Castropol, onde foron recluídas milleiros de persoas e familias enteiras nun período que vai desde 1937 a 1943. En plena polémica sobre a Guerra Civil e a dictadura franquista, o volume tenta arroxar luz sobre o centro de reclusión no que se illaba os parentes dos guerrilleiros.

O acto celebrarase ás 18.00 horas, coa presenza da concelleira de cultura, Miriam Moya, e do moderador, Eduardo Lagar, ademais das intervencións de Ramón García PiñeiroJosé Antonio Landera e o propio autor do libro, veciño de Figueras e amante da Historia local, que quixo investigar o pasado dun centro de reclusión que se levantou a dous quilómetros do seu lugar de nacemento.

P. Por que se decidiu a facer este libro?

R. Foise perdendo totalmente o recordo desta instalación, dunha forma progresiva, de xeito que agora preguntas a calquera persoa daquí que non sexa moi maior e a contestación é que non sabía que houbese nada diso. Era unha cuestión de historia local, pero traballando no tema daste conta de que trascende este ámbito. Dada a época, a clase de instalación, o tipo e o número de persoas que pasaron polo campo, iso implica unha expansión territorial tremenda. A maior parte da orixe de prisioneiros localízase en Asturias, Galicia e León, polo que acabou por ter un interese moito máis amplo.

TRES PERÍODOS

O campo estivo operativo durante a Guerra Civil, pero especialmente despois dela. Cal era a súa función?

No campo hai basicamente tres períodos xerais. Un previo, coa entrada do bando nacional nesta zona, aparecen prisioneiros de guerra de todo tipo, non necesariamente soldados, opositores, xente civil, armada ou non, que se opuxo ás tropas franquistas. Aí improvísanse lugares de prisión, porque as cárceres locais non daban abasto: ante o desbordamento das municipais de Castropol, A Veiga, Ribadeo, búscase algún edificio con certa capacidade. Aquí foi unha casona ás aforas do pobo, mentres se levantaban os barracóns.

“ao principio había prisioneiros de guerra de todo tipo. desde o 39 serve de cárcere para os familiares vinculados a fugados”

Logo comeza un período claro no que podemos falar claramente dun campo de concentración das Figueiras, en Arnao. Neste período habería outra división; un período de prisioneiros de guerra, que abrangue ata 1939, e a partir desa data, transformarase no que se chamou pola prensa e a normativa oficial do rexime, o campo de prisioneiros gubernativos. Aí comeza o maior período de Arnao. Iso constitúe unha característica peculiar entre os campos posiblemente de toda España, porque dura ata o 1943.

Serve de prisión para de familiares vinculados aos fugados, os guerrilleiros, fuxidos, makis, toda esa nomenclatura que se utilizou para designar as persoas escapadas no monte e que combatían o franquismo. Nese período atopamos claramente documentada xente de orixe leonesa, de Galicia e por suposto de Asturias.

PRISIONEIROS

Canta xente foi recluída en Arnao?

O campo de Arnao vén clasificado para 1.200 persoas, tres barracóns de 400 persoas. Durante o período de Guerra posiblemente se superase ese aforamento, hai testemuñas que falan de 1.400 persoas. Marcaban o número de xente os acontecementos na fronte. A partir de setembro do 1939 que aparece esoutro tipo de poboación, aí xa comezamos a ter censos e o número máximo ao que se chegou de aforamento foi de 600 persoas simultáneas. Temos documentado un total de 2.140 persoas que pasaron polo campo, esa é a certeza absoluta. Están nunha relación no libro. Pero non hai maneira de asegurar canta xente estivo recluída alí, dada a documentación que temos.

“temos documentadas 2.140 persoas que pasaron polo campo de concentración, a maioría de león, galicia e asturias”

OBXECTIVO

Como era o seu día a día, a que se vían sometidas esas persoas?

A estratexia fundamental era separar esas persoas da contorna onde realizaban ese apoio. Había actividades diversas, de traballo efectivo, como por exemplo a reparación da estrada de Figueiras ao campo, realizada polos presos xa no 1937. Tamén traballaron na vía de Vilayón a Barres, e axudaban aos veciños nas labores agrícolas da zona. Tratábase de sacar rendemento laboral á xente que había alí presa, con obras realizadas máis ou menos penosamente.

Cantas persoas faleceron en Arnao? Houbo mortes violentas?

Dentro do que podemos asegurar, que temos ben censados, houbo dez persoas falecidas entre os presos e dúas persoas entre os soldados de reemprazamento. A partir de aí hai comentarios e sospeitas, testemuñas que non temos modo de contrastar. É posible que no período de guerra, entre 1937 e finais do 1938, haxa unha dúbida máis. Hai vecindario que fala de enterramentos na zona perimetral do campo, pero para confirmar iso fai falta unha cata. Aquí non temos contrastados fusilamentos como noutros campos.

“a estratexia era separar esas persoas da contorna onde prestaban o seu apoio aos guerrilleiros”

SUPERVIVENTES

Quedan superviventes entre os prisioneiros do campo?

A maior parte da xente, por lóxica natural, faleceu, pero nós estamos en contacto con alomenos tres persoas que son superviventes do campo. Hai que ter en conta que ademais de homes e mulleres había nenos, que son os que quedan: un señor que tiña daquela 14/15 anos, e dúas mulleres, unha de seis anos e outra de catro. Elas están en perfecto estado de saúde. Calculamos que pode haber máis, pero non temos contactos.

E eses nenos do campo, que contan daquela experiencia, que lembranzas teñen?

O problema fundamental é que estabamos en guerra; porque despois da guerra seguía habendo guerra. Eran familias que estaban nunha situación de guerra, con parentes escondidos polo monte, e eles mesmos foron represaliados, dentro dese ambiente, por ser o seu apoio.

“hai tres superviventes. non teñen un recordo penoso, porque viñan dunha represión brutal nas zonas de orixe”

Aquí hai que ter en conta que a represión nas localidades de orixe era tremenda, a máis dura de todas, dino os propios superviventes. A Garda Civil, os falanxistas, día si e outro tamén, machacábanos para que delatasen ao guerrilleiro. Algún comenta que a entrada no campo deulle un certa orde á vida; non eran habituais malos tratos ou a ese nivel non se producían. A lembranza xenérica non é dunha experiencia especialmente penosa.

Eles vían que os pais saían traballar e estaban presos, cousa que non é un medio ideal para vivir unha nenez, pero chegaban de situacións moito máis duras; o feito de que tivesen familiares máis directos preto daba unha relativa tranquilidade. Unha vez separados da contorna, as autoridades franquistas xa non contaban con que maltratándoos delatasen aos fugados.

Non era, obviamente, un lugar onde fosen respectados, pero tiñan máis medo na propia casa. Nunha Guerra Civil, o factor de proximidade é dramático; os inimigos non están lonxe e son os que máis se ensañan ás veces neste tipo de situacións.

19 FAMILIAS ENTEIRAS

Fala de que recluían familias enteiras. 

Temos aínda moitas dúbidas, e esperamos que xustamente cando a xente vexa a relación dos 2.140, poidamos chegar a xente sobre a que non temos moita información. Un apartado do libro chámase ‘Asuntos de familia’, porque a represión implicaba a núcleos enteiros, e no momento do peche do libre documentabamos 19, agora temos máis. Perseguíase ao núcleo enteiro; pais, nais, irmáns, primos… Para que o guerrilleiro se entregase. É dramático de contar.

A VECIÑANZA

E a veciñanza da zona? Como viviu a presenza do campo e cal era a súa relación con el e cos presos?

Aí hai diversidade de situacións. No caso de Figueiras, a parroquia onde estaba ubicado, houbo unha relación relativamente intensa malia os dous quilómetros de distancia ao propio pobo. Nel hai multitude de recordos dos presos ou de descendentes dos mesmos, lémbranse as tentativas de axuda por proporcionarlles comida ou mesmo de acollelos nas súas casas. Había unha relación de protección e de axuda ata o punto no que podían.

“os veciños tentaban axudar no que podían. ás veces eran castigados por iso”

Non sempre se lles permitía, houbo xente foi castigada e metida no campo uns días por axudar a presos. Tamén existiu unha certa relación comercial, hai que darse conta de que o campo supuña a presenza de centos de persoas, con necesidades a cubrir, de alimentación e roupa, e había xente que tiña unha determinada dispoñibilidade económica.

A MARIÑA

Cal foi a relación entre o campo e A Mariña Lucense?

Respecto á Mariña houbo unha relación intensa noutro sentido; parte da poboación presa procedía da costa de Lugo. Concretamente temos rexistrada unha familia enteira de Viveiro, que antes estivera presa no cárcere da cidade viveirense, porque había un integrante guerrilleiro. Eran seis ou sete persoas presas da mesma rama familiar, co apelido Escourido.

“hai 73 códigos qr que levan a documentos para que a xente poida atopar os seus parentes”

Tamén había unha relación forte con Ribadeo. Era o centro de control da zona e nos inicios o campo foi probablemente controlados pola autoridade militar ribadense; coa cárcere local houbo tamén un intercambio intenso, un número significativo de persoas pasaron días en prisión, non sabemos exactamente por que razóns. O campo máis próximo era Cedeira, e incluso cando pechou parte dos presos viñeron para Arnao, de xeito que para toda a zona da Mariña, e a poboación reprimida desta área, a referencia era Castropol.

APRENDIZAXE

Canto tempo lle dedicou a este libro e que aprendeu no camiño?

Foi unha necesidade para unha persoa que naceu a dous quilómetros do campo. Se un non coñece o seu pasado, xurde unha frustración tremenda. Son aproximadamente cinco anos de ir atando cabos e fixando criterios. Tentando facer unha base de datos e un manual de estudo sobre o campo, para que calquera persoa poida resolver calquera dúbida sobre se un familiar figura e en que período. Hai 73 códigos QR que ligan a un documento orixinal. Está deseñado para interactuar co lector, porque é un camiño que nada máis comezou.

“se triunfan as medias verdades e non a historia, os demagogos móvense como peixe na auga”

Por outra parte, é unha tentativa de facer un libro de Historia, con consistencia e veracidade, que sexa válido para os que queren saber. Aprendín facéndoo que unha cousa é o que se fala e outra son os feitos, e que non hai nada peor ca ignorancia, as medias verdades, porque nese contexto os demagogos móvense como peixe na auga. E daquela estamos perdidos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here