O Correlingua 2020, desde Xove para Galicia da man de Paco Nogueiras

O concerto do músico para conmemorar a festa do idioma, este venres ao mediodía no Ceip Caselles Rollán, poderase seguir en streaming a través de Youtube

Paco Nogueiras en concerto. PACO NOGUEIRAS/FACEBOOK

Paco Nogueiras será quen guíe a festa do Correlingua en Xove, na edición que celebra os vinte anos de existencia desta celebración da lingua cos centros de ensino galego. Será a partir das 13.00 horas de mañá, venres 20 de novembro, cando alumnado do Ceip Caselles Rollán máis todo o que se sume mediante a retransmisión da actividade a través de YouTube desfrutarán das actividades.

As actividades desta vixésimo edición do Correlingua foron adiadas na pasada primavera por causa da pandemia e recuperadas para celebrar no mes de novembro, orientadas as transmisións en redes e realizadas en espazos seguros e con todas as medidas de prevencións esixidas, incluíndo as limitacións de alumnado nos recitais.

O concerto desenvolverase no polideportivo do centro, coa presenza do alumnado que poderá desfrutar da actuación ao vivo. Tamén será retransmitida en streaming, de forma que todos os centros educativos do país poidan sumarse virtualmente a esta celebración a favor do galego.

Organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, o Correlingua trátase dunha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que nestes 20 anos de traxectoria acumulou diferentes recoñecementos, entre os que destaca o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña.

Cada ano son máis de 20.000 nenos e nenas, mozas e mozos, os que participan nas actividades desenvolvidas arredor da celebración do Correlingua, cuxa entidade organizadora, do mesmo nome e que cumpre 20 anos de traballo a prol do galego, efeméride que conmemora co lema #Vintecoalingua, conta cunha achega de 21.000 euros da área de cultura da Deputación de Lugo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here