Pesar polo pasamento do viveirense Gustavo Pernas, “figura fundamental” do teatro galego

Actor, director e escritor, faleceu aos 59 anos logo dunha dilatada e premiada traxectoria

Gustavo Pernas Cora. XERAIS

Traballadores do teatro e distintos persoeiros da cultura galega, así como entidades e administracións, lamentaron na noite do pasado luns a morte, aos 59 anos, do actor, profesor e dramaturgo Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959-A Coruña, 2018).

Pernas, neto de José Antonio Pernas Peón, criouse en Viveiro e marchou para A Coruña na adolescencia. No número 32 da revista Luzes repasaba momentos da súa infancia e madurez na Mariña Lucense.

MÁIS DE TRES DÉCADAS NO TEATRO

O viveirense, “unha figura fundamental do teatro galego das últimas décadas”, segundo a revista especializada Erregueté, comezou a adicarse de xeito profesional ás táboas no 1985. No 1989 fundou con Ánxela G. Abalo a compañía Áncora Producións.

Ao longo da súa dilatada traxectoria, Pernas recibiu numerosos galardóns. No 1991 gañou o premio Compostela ao mellor texto dramático por ‘O galego, a mulata e o negro‘.

No 1996, a súa peza ‘Ladraremos‘ obtivo o María Casares ao mellor texto dramático orixinal

No 2007, recibiu o Max como mellor autor en galego. Ao ano seguinte, Áncora Producións foi recoñecida co premio Vidal Bolaño.

VISIÓN DA ARTE

O dramaturgo viveirense entendía o teatro “como un exercicio de responsabilidade”, de “xogar coa mentira para alumear a verdade“. Así o explicou á xornalista pontenovesa Montse Dopico:

“Para min, responde á miña necesidade de contestar, de expresarme criticamente, de amosar o meu malestar diante do sistema e responde tamén a un exercicio de responsabilidade como creador ou dramaturgo.

Creo que agora máis que nunca o teatro debe confrontar esta realidade co público senón caeremos na inconsistencia e frivolidade que reclama o poder, como aconteceu noutras épocas, coma no século XIX, mentres a pintura e a novela se volvían contemporáneas e modernas, o teatro divertía aos burgueses ata a chegada tardía do naturalismo”.

Pernas tamén traballou como actor e guionista de televisión, escribiu curtametraxes e foi pioneiro na consolidación dunha dobraxe galega.

MOSTRAS DE RECOÑECEMENTO

A actriz barreirense Estíbaliz Veiga mostrou a través de Twitter o seu pesar pola morte de Pernas Cora. 

Tamén expresou o seu lamento o xornalista Xosé Manuel Pereiro, que asegurou que con el “morreu a dramaturxia”. 

 

O Concello de Viveiro emitiu un comunicado no que subliñou que “desde a súa cidade natal queremos facer chegar o noso máis sentido pésame aos seus familiares e amigos”.

Para as 20.30 horas deste martes está previsto un acto de despedida na capela do Tanatorio Albia, na Coruña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here