Lara Fernández: “para as crianzas o Nadal é especial e tentamos que o siga sendo aínda coa pandemia”

"Poidan vir 30 ou 100 persoas, hai que manter mentres se poida as programacións, porque senón as empresas pecharán e a cultura é gasolina para as persoas", expón a concelleira de Viveiro

Un neno depositando a súa carta para Papá Noel no Pastor Díaz de Viveiro. AXM

Actividades virtuais e presenciais para facer en pequenos grupos familiares, pasarrúas ou maxia son as propostas da programación de Nadal do Concello de Viveiro, centrada en cumprir os protocolos contra a Covid-19 e en que as crianzas non perdan a ilusión por estas festas, segundo expón a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

É un reto a programación cultural nestes tempos?

É, porque estamos todo o tempo en continuo cambio, case día a día, adaptándonos ás condicións que tocan, e hai que poñer o inxeño a funcionar. Sobre todo tentamos manter na medida do posible a maxia que para as crianzas ten o Nadal. Para os nenos é moi especial e aínda coa pandemia pensamos que debe ser máxico, non pode ser doutra maneira. Houbo que buscar novas formas de facer as cousas, pero tiñamos claro que queriamos facelo con empresas locais. Queremos que, dado que a situación non está ben, darlle traballo á xente de aquí, como ocorreu por exemplo co vídeo de Papá e Mamá Noel.

“HAI QUE BUSCAR NOVAS FORMAS DE FACER AS COUSAS, PERO TIÑAMOS CLARO QUE TIÑA QUE SER COAS EMPRESAS LOCAIS”

Tivo moitas visitas. Cal era a súa idea?

Si, fíxose mesmo eco unha canle de televisión estatal, Telecinco, no informativo da noite. Iso significa que o vídeo chegou lonxe e que superou as expectativas. Fixémolo pensando na posibilidade de que non se poidese facer absolutamente nada no Nadal, de que a situación coa Covid-19 nos recluíse na casa, coa intención de que os pícaros poidesen ver polo menos que Papá Noel si que estivo aquí en Viveiro, que nunca falla. A peza gustou moito e fíxose coa colaboración de empresas locais.

Fernández, á dereita, e Isabel Méndez, xerente do CCHV, á esquerda, no hall do Pastor Díaz co buzón. AXM

GYMCANA

Ese vídeo é unha acción que vai da man da gymcana ‘Tras os pasos do elfo’.

Así é. O que queriamos mesturar, en colaboración co Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), é que a xente andivese pola cidade, que visitase os monumentos, e sobre todo o aspecto cultural, porque as probas están relacionadas con personaxes ilustres do municipio. Nos primeiros días houbo moitos pequenos, con moi boa acollida. Gustou moito. Ademais, facela non exclúe que se poida entregar a carta ao buzón de Papá Noel no hall do Teatro Pastor Díaz. Todas as crianzas que queiran, e que non poden facer a gymcana, poden levar a carta. O buzón lévanos a unha mensaxe directa de Papá Noel para o pequeno, que podemos dicir que é unha segunda parte, a conclusión, da peza audiviosual pendurada nas redes.

A idea era rachar coa idea de tocar a Papá Noel, de sentarse no colo, porque este ano por desgraza non se pode, así como tampouco a Cabalgata de Reis, que é algo que gusta moitísimo, e ser o máis rigorosos posible á hora de cumprir coa normativa pola Covid-19. Aspanane foron os encargados de envolver os paquetes de doces, cunha mensaxe inclusiva.

CARTAS AOS REIS

Ademais de para a gymcana, fixeron unha aplicación para enviar cartas aos Reis Magos.

Para nós é quizais a actividade máis emocionante, ler as cartas dos pequenos e ver a súa ilusión. As contestacións son personalizadas. E tamén, dentro deste tipo de actividades virtuais, convidamos á veciñanza a enviar felicitacións de Aninovo nun vídeo breve, duns poucos segundos, para xuntalas e facer unha peza conxunta.

Programa do Concello de Viveiro. AXM

MÚSICA NA RÚA

Que propón Viveiro para este Nadal?

Continuamos con ‘De Ruada’, que xa houbo no verán e no outono. Serán pasarrúas con charangas e grupos, algúns dos cales tivemos que reprogramar ao cancelar as actividades polo brote de xullo. Non se van parar, van facer un único pase á hora dos viños, para evitar aglomeracións. Pedimos que a veciñanza respecte a distancia interpersoal nestes casos, especialmente nas prazas e preto da hostalería.

Ademais, colocamos unha carpa para que todos os actos da programación sexan alí. A normativa sanitaria dificultaba celebrala no Teatro Pastor Díaz, porque por cuestións de limpeza bastante singulares, relacionadas entre outras cousas co material das butacas, teriamos que esperar entre actuación e actuación e non poderiamos facer actividades a diario, e serán semana a semana. A carpa terá un aforamento de 120 persoas, as mesmas que habería no teatro. Hai programados contacontos ou espectáculos de maxia, como a Gala. Tamén estarán os Reis Magos, aínda que non en Cabalgata, pero haberá sorpresas.

“a gala da maxia, como as alpuxarradas, sempre esgota as localidades. pensamos que tiña que celebrarse”

MAXIA

A Gala da Maxia conta con moita aceptación.

É un dos espectáculos en Viveiro, como as Alpuxarradas de Entroido, que sempre colgan o cartel de “non hai asentos”. Por iso non quixemos cancelala, aínda que é unha magoa que só poidan desfrutar dela 120 persoas. Entendemos que ten que ser así. Tamén se celebrará o concerto da Banda Municipal, que leva moito tempo sen poder tocar publicamente. A pena é que haberá xente que non poderá asistir.

Colas para entregar as cartas. AXM

Tiveron que renunciar a algunha actuación estrela ou cancelala?

Tentamos programar cousas pequeniñas, especialmente de xente de aquí, galega, para non perder o pulso da cultura. Programar actuacións meirandes é complicado e suporía un prexuízo para moita xente que non pode velas, polo aforamento tan escaso. Centrámonos nos pequenos, a quenes cremos que debemos dedicar principalmente a programación de Nadal.

“a arte pode emocionar, inspirar. temos que defender as nosas salas de cinema”

O FUTURO

Como se prevén os vindeiros meses no tocante á cultura?

A nosa aposta é total pola cultura e só cancelamos cando foi necesario. Seguimos coa programación do noso teatro como todos os anos. Se os Concellos deixamos de programar as empresas culturais e compañías van comezar a morrer, e a cultura é como a gasolina para o interior das persoas, é parte da nosa personalidade e identidade. Poidan vir 30 ou cen persoas ás actuacións, esas persoas méreceno e a arte pode cambiar vidas, emocionar, inspirar. Aí temos as nosas salas de cinema, que resisten, volveron abrir e eu convidaría á veciñanza a apoiar os Cines de Viveiro para non perdelos. Ogallá que haxa axiña unha vacina e poidamos volver a unha situación máis semellante á anterior, aínda que temos claro que o mundo cambia e que probablemente nada será igual.

“convidaría ás familias a que pidan aos reis e a papá noel pensando no comercio local. necesita axuda”

ASOCIACIÓNS E EMPRESAS LOCAIS

Tamén está a ser un momento complicado para as empresas locais do ocio e a cultura e as asociacións culturais.

Si, somos conscientes de situacións preocupantes, como a das ludotecas, moi danadas polo contexto. Tamén sabemos que hai grupos e asociacións que non están podendo ensaiar nin participar, e que seguramente lles gustaría: penso na Banda Naval, na Banda Misericordia, en Tempos Fugit, por poñer só tres exemplos… Sempre estiveron aí e témolas presentes, botaremos man delas en canto se poida. Por agora estamos a tentar manter a programación das compañías e empresas profesionais, xente que vén coas PCR feitas e con todas as garantías: só tivemos que cancelar unha ocasión por un positivo entre o elenco detectado días antes da actuación. Agora temos que manter a seguridade de xeito prioritario.

Falando do concello, quixera animar a que a xente merque no comercio local, que lles escriban as cartas aos Reis e a Papá Noel pensando nas nosas tendas, en apoiar os nosos pobos para que non morran. Temos que conseguir que os comerciantes e hostaleiros teñan esa axuda nestes tempos tan complicados.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here