Iniciosociedade"Vemos como nas cantigas as mulleres sofren a violencia desde que nacen...

“Vemos como nas cantigas as mulleres sofren a violencia desde que nacen ata que morren”

Branca Villares, mestra de música e baile tradicional, decidiu botar a andar un proxecto colectivo de reflexión ao redor do cancioneiro popular dos Ancares dende unha perspectiva de xénero. Faino, dende hai xa catro anos, xunto co alumnado de 15 aulas de música espalladas por Lugo, Rábade, Begonte ou Becerreá, onde todo comezou.

Publicada o

- Advertisement -
Delgadiña da cintura
dices que che cae a saia
Durme comigo unha noite
xa verás como che para
Tiruliro matou á muller,
púxoa en cachos, levouna a vender
Todos pensabamos que era touciño
e era a muller do Chiviruchiño

A incomodidade que xeraba cantar coplas coma estas levaron a Branca Villares e ao seu alumnado a comezar un proceso de reflexión en torno á presenza da violencia contra as mulleres na tradición herdada que hoxe cantamos fóra do contexto onde naceu. Ela é intérprete e mestra de música tradicional en varias entidades da cidade de Lugo e da súa contorna, coñece coma a palma da súa man o cancioneiro da zona dos Ancares, e nestes lares foi onde prendeu a chama deste “proceso colectivo”. Ao facérense conscientes desa incomodidade que sentían ao interpretar cantigas que normalizaban a violencia, as alumnas destas 15 escolas de música, guiadas por Branca, abriron paso á discusión e botáronse a explorar novas posibilidades para os tempos de hoxe.

A chave, explica a mestra, non está na censura nin no silenciamento, senón en entender o contexto no que naceron estes cantos, e así, darlles o pouso necesario na súa interpretación ou mesmo improvisar letras acordes á actualidade. A tradición, como proceso vivo que evoluciona canda nós, deixa múltiples portas abertas. 

O PROXECTO

Hai catro anos que iniciades este proceso de revisión do cancioneiro tradicional. Cal foi a chispa que prendeu este labor colectivo?

Foi algo progresivo. Había cantigas que levabamos tempo cantando e que tiñan estrofas que non nos facían sentir cómodas, e esta era unha idea que se viña repetindo dende había tempo tanto a nivel individual coma colectivo. Hai cousa de catro anos propuxéronnos ao grupo de música que temos en Becerreá facer algo polo 25 de novembro. Xusto había pouco que mataran unha muller na zona… E a nosa cabeza fixo click. Dixemos: “Temos que falar disto, temos que ver que podemos facer desde o noso ámbito”. Entón decidimos seleccionar unha serie de coplas que considerabamos que facían apoloxía da violencia machista e redactamos un argumentario ao redor de por que non estabamos dispostas a seguilas cantando. Montamos unha performance súper empoderante para nós, rompímolas en directo!

A día de hoxe non teriamos esa necesidade, porque a nosa visión sobre o tema tamén foi evolucionando, mais tratábase dun primeiro paso importante, supuxo revisar o noso cancioneiro. E pouco a pouco, decidín trasladar ese proceso de reflexión a outras aulas. É complexo pero moi bonito, porque esperta en nós moitos sentimentos e reaccións contraditorias. Logo envalentoneime e comecei a falar disto tamén noutros dous grupos nos que había homes. empatizaron moito e foron moi respectuosos con todo o proceso. Hoxe incluso son eles quen chaman a atención sobre algunhas pezas!

De que falan estas cantigas da montaña de Lugo que xeraban incomodidade en vós? Como aparecen representadas as mulleres?

As mulleres sofren a violencia desde que nacen ata que morren, e iso vémolo moi ben reflectido nas cantigas. Falan de abusos contra meniñas, contra mozas adolescentes, contra mulleres casadas, contra as vellas… O feito de ter determinados oficios como panadeiras, costureiras ou muiñeiras, ou o feito de andar moito fóra da casa, tamén facía que as mulleres se tiveran que enfrontar a murmurios e a críticas da aldea.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...