InicioCulturaGrande Amore: "co confinamento pensei en dar unha versión máis extrema de...

Grande Amore: “co confinamento pensei en dar unha versión máis extrema de min, e máis realista”

Nuno Pico, criado entre O Valadouro e Burela, presentará o vindeiro mes o seu primeiro disco en solitario, logo de publicar dous singles que colleitaron o eloxio unánime de crítica e público

Publicada o

- Advertisement -

Criado entre O Valadouro e Burela, Nuno Pico é a persoa detrás de Grande Amore, proxecto musical que vén de colleitar unha entusiasta resposta aos dous singles de adianto -‘Vémonos no Baño‘ e ‘Esta pena que a veces teño‘- do seu primeiro disco, que verá a luz no vindeiro mes de maio. É o álbum de debut en solitario dun mozo que xa deixou mostras do seu talento en grupos como Skholma ou Oh Ayatollah, ou con Ortiga en ‘Los Rastreadores‘.

P. Os videoclips tiveron unha acollida excelente.

R. A verdade é que estou moi contento, sobre todo porque notei que os videoclips lle chegaron a moita xente que non sei se con anterioridade lle chegaba a miña música. Houbo un feedback moi positivo e quizais o houbo tamén con persoas que non me esperaba, non cría que poidesen gustarlles.

Sobre ‘Esta pena que a veces’ teño dixeches nas redes sociais que era a túa mellor canción. Por que estás tan convencido?

É habitual na promoción que os grupos digan que este disco que presentan é o máis persoal, ou cousas polo estilo que se din ás veces máis para quedar ben. Pero neste caso si que o penso sinceramente. Dígoo sobre todo porque sempre hai unha distancia entre o que ti te imaxinas na túa cabeza, que sempre é xenial (risadas), e o que, por outras cousas ou pola propia dificultade do proceso, acaba sendo o resultado. Ás veces pensas, ‘teño esta canción que vai ser a que reivente Europa’ (risadas), e despois non é. Pero creo que neste caso houbo pouca distancia co que eu tiña en mente, desde que acabamos as mesturas dos temas co Hevi xa foi a que máis me gustou.

“gústame o contraste ENTRE A MÚSICA BAILABLE E AS HISTORIAS ESCURAS”

Hai nesa canción un contraste entre unha música bailable e unha letra con substancia e cunha anguria detrás.

Nas cousas que consumo, películas ou cancións, si que me gusta ese contraste, esa combinación. Igual soa revirado, pero cando algo é abertamente xovial, poido desfrutar un momento, pero á media hora xa me cansa. E tamén aquelas cousas que son ultra escuras, depresivas. Ese contraste gústame moito velo nos demais e, como desfruto moito cando pasa, se poido, eu tamén quero reproducilo.

XAIME MIRANDA

Fixeches o videoclip con Xaime Miranda, que tamén é da Mariña. Penso que se pode dicir sen medo que é o director de clips máis solicitado de Galicia.

Si ho, eu creo que si que se pode dicir (risadas). Xa leva moitos anos facéndoos e con todo o mundo, grupos moi distintos ademais. Lembro que cando comezamos a traballar con el con Oh Ayatollah rodamos un videoclip pouco antes do verán de 2016. Desde entón en cinco anos non sei se faría… Que sei eu, 60 videoclips? Non sabería dicirche cantos en concreto, pero ten unha cantidade de produción altísima e a media de calidade é moi elevada. Ten unha visión cinematográfica que é xenial.

“penso que xaime é o director de videoclips máis solicitado de galicia. ten unha visión cinematográfica xenial”

Chamou moito a atención a estética dese videoclip, que hai a quen lle lembrou a ‘Blade Runner’.

Parte da satisfacción que che comentaba antes foi tamén polo videoclip. Sen ser unha superprodución de Hollywood, conseguimos o que buscabamos, esa estética oitenteira que, efectivamente, ten algo de ‘Blade Runner’ ou mesmo tamén de ‘Robocop’, con esa presenza da tecnoloxía. E boa parte do éxito, ou case todo, foi grazas a Kaito Estudos, que é o estudo donde traballa e do que un dos directivos é David Mon, de Burela, que foi o produtor. A diferenza de gravar ti todo no teu piso a poder desfrutar dun estudo así, onde podes gastar o orzamento nunha pantalla LED, en cámaras profesionais… O cambio é enorme. Así que podemos dicir que o vídeo é 100% da Mariña e aínda poderiamos acotar, da Mariña duns poucos quilómetros entre Burela e Cervo (risadas).

Hai xa décadas que soaba unha canción, ‘Video killed the radio star’, que anunciaba o que xa é unha realidade, o videoclip tornouse imprescindible na industria da música. C. Tangana vai publicar clips de todas as súas cancións… Que significa para a vosa xeración de músicos?

A día de hoxe é inseparable, todo o mundo asume que, no disco dun artista mediano ou grande, o single xa vai ter un videoclip. Cada época é filla da súa tecnoloxía e hoxe consúmese música nos móbiles ou no ordenador, dispositivos que se prestan a que tamén vexas algo ao mesmo tempo.

A CASA

Outro dos videoclips, o de ‘Vémonos no baño’, foi gravado na estación de servizo do Valadouro. 

Ese videoclip, ao contrario do feito con Xaime, que foi máis planificado, fíxose de forma moi espontánea, cun director de Santiago, Álvaro Alvite. A min gústame unha cousa que fan os rapeiros; nos vídeos amosan a súa casa, o seu barrio. Eu quería que se vise o campo de fútbol do Árbol, por exemplo, no que pasei moito tempo da miña infancia, ou esa estación de servizo que sempre me gustou tanto, non sei se polo emprazamento ou por que motivo, pero dá unha sensación como de lugar de western. Así que tíñao claro: vídeo rapeiro (risadas). E faime ilusión, porque xente do Valadouro díxolle a miña nai, ‘oe, pois gustoume moito a canción do pícaro’ (risadas).

“CON ‘VÉMONOS NO BAÑO’ QUERÍA AMOSAR O VALADOURO COMO FAN OS RAPEIROS, QUE NOS VÍDEOS GRAVAN NA CASA, NO BARRIO”

Cando te mudaches a Burela?

Eu crieime entre Freixulfe e O Valadouro, e aos doce anos marchei para Burela. A maioría da xente que me coñece relacióname con Burela. É moi gracioso ver como canto máis lonxe te vas, máis te vas ás raíces; cando estou en Santiago, dígome, son de Burela. Cando estou en Burela, dígome, son de Ferreira. Cando estou en Ferreira, dígome que son de Freixulfe.

“cANDO ESTOU EN SANTIAGO, SON DE BURELA. CANDO ESTOU EN BURELA, SON DE FERREIRA. CANDO ESTOU EN FERREIRA, SON DE FREIXULFE”

E sempre che tirou a música?

Sempre, é algo que lle teño que agradecer a miña nai. Apunteime a música sen querer ir, gustábame moito escoitar CDs, pero ir a clase para min era o inferno na terra (risadas). Xogaba ao fútbol, moi mal, pero ‘ir a clase de música’… Iso soaba fatal (risadas). Para as aulas individuais eu tiña pouca paciencia, pero sentir a enerxía de tocar con xente, iso chama moito. E teño que dicir que agora de maiores moitos podemos presumir de punkis ou do que sexa, pero o que me marcou a min de verdade é ir coa banda de Burela dos 13 aos 16 anos a tocar marchas de procesións por aí adiante… (risadas). As que armabamos… Ao director, Roberto, tíñamolo ‘frito’.

“agora podo ir de punki, pero a min marcoume a banda de burela, con 13 anos. a enerxía de tocar con outros chama moito”

A NOITE

Nos dous videoclips falas do ocio nocturno, que coa pandemia parece moi tocado, e non sei se mesmo afundido. 

Eu estiven traballando poñendo discos durante dous anos no que era o Ultramarinos, o bar Flows, e si que penso que ese modelo de saír de noite como o entendiamos nós… Cústame velo. Está claro que a situación sanitaria manda, pero aínda que se poida acabar ou normalizar nun período curto de tempo, case é algo psicolóxico, parece unha animalada ver 80 persoas suando nun espazo duns poucos metros cadrados… Non sei se a xente estará pola labor. E aínda así daba unha perna por volver (risadas), ogallá que volva.

“nas cancións SI QUE HAI un certo fastío. daquela traballaba nun pub de noite e gravaba de día, e acabei desquiciado”

E en cambio na música percíbese un certo fastío coa noite, unha gana de escapar. 

Pode ser, porque algunha desas cancións ten un ano e medio. Agora penso: ‘de que me queixaba eu?’ (risadas), venme a nostalxia. Pero é certo que houbo semanas, durante a gravación do disco, nas que eu curraba de noite, para gañar os cartos cos que paguei a gravación, e de día gravaba. Traballar de noite é sacrificado, había veces que durmía un par de horas e estaba desquiciado. A música que ‘pinchaba’ era súper festiva, Ráfaga, por exemplo, así que había noites nas que no bar a xente estaba a tope, bailando reggaeton do 2000, mentres eu pensaba en pechar e irme para a casa (risadas). Nese momento era o que me pasaba, tal cual.

O DISCO

Falas da enerxía de tocar con outros. Agora que asumes a túa música, sen os compañeiros de Skholma ou Oh Ayatollah, sen Chicho de Ortiga… Dá vertigo?

Dá vertigo, sobre todo no sentido de que cando fas música entre varios, cantos máis filtros pase a música mellor. Eu sempre teño ese medo: ‘a seguinte canción que faga non lle vai molar a ninguén’ (risadas). Iso póidocho dicir, está aí sempre. A parte negativa é que é máis doado que acabes toleando á xente (risadas), pero dáche outra sensación de realización, unha satisfacción maior.

‘Sempre teño o medo de que a seguinte canción que faga non lle vaia molar a ninguén. non dubido do ELOXIO, dubido de min’

A raíz de saír os singles, a resposta foi moi positiva e houbo felicitacións, pero a primeira cousa na que penso é: ‘a este enganeino, pero á próxima vaise dar conta…’ (risadas).

O disco sae o mes que vén. Como o definirías, por onde vai tirar?

Penso que os singles son un bo resumo. Sempre me gustan os discos con certo espazo para a sorpresa; poño por exemplo os Stooges, o seu primeiro álbum ten unha canción de sete minutos, rarísima, que me gusta moito. Diría que é un disco con sons electrónicos, no que se mestura co que máis escoito e me influíu, o rock. É un disco con concepto de grupo de rock, pero que fixen eu só, así que é o normal tirar por sintetizadores, caixas de ritmos, etcétera. Pero sempre haberá quen escoite o disco e diga: ‘que va ho, non é así’ (risadas).

AS LETRAS

As letras que escribes son lixeiras en apariencia, pero están moi traballadas. Que importancia lles dás?

Iso que dis a verdade é que me alegra, porque si que busco iso. Pásame que cando escoito letras moi enrevesadas, coma se fosen de Góngora, non me tiran. E tamén o que é ultra simple, o mesmo. Eu penso que aínda co que lle dedico á parte musical, sempre lle dou máis voltas á letra, igual porque o desfruto moito. Gústame que a xente escriba como fala; igual non é o máis adaptado á normativa, pero gústame iso. Como fai Martiño o de The Homens, que tamén é de Burela. Cantar ‘faigo’, como falo. Que se vexa que es dalgún sitio.

“gústame que as letras digan que onde veño. cantar ‘faigo’ e non fago”

A túa música ten moito humor. Pero nun single dos singles falas dun encontro duns rapaces que esperan de ti que contes un chiste ou algo, din ‘Nuno ti sempre estuveches loco’. Danche ganas ás veces de escapar desa expectativa da xente?

Xusto esta letra foi das que máis rápido fixen, porque doulle normalmente moitas voltas. Sobre ese fragmento, tenme dito a xente, ‘como che saíu?’. Pero foi súper espontáneo. Si é certo o que dis, porque eu disfruto moito do toque de humor nas cancións. Non é que pense que o mellor letrista de España é El Sevilla (risadas). Pero gústame, tamén, o contraste. A raíz do confinamento, no que todos nos volvimos un pouco tolos e lle dimos mil voltas a todo, pensei en amosar unha parte un pouco máis extrema de min mesmo, é máis realista, en verdade. Hai unha canción na que berro como un gato morrando, a letra é bastante ‘canallita’ (‘Papando’, de Los Rastreadores)… E si que noto que canto máis vou afondando nisto, neste toque ácedo, mellor resposta recibo. E a verdade é que me gusta.

“ninguén é intenso ao 100% nin básico ao 100%. A MIÑA MÚSICA penso que reflicte ISO”

A túa música é intimista, non no sentido que se lle soe atribuír a esa palabra. Haberá quen pense en cantautores, en músicos duns poucos arpexios e moitos versos, pero a túa música conta igualmente a túa verdade.

Si, así é. Á fin nin a xente que fai canción de autor, cuns endecasílabos que flipas, está pensando todo o día nesas cousas tan elevadas, e ao revés. Ninguén é intenso ao 100% nin básico ao 100%. A min gústame música de baile con esa agonía detrás. Estou acabando de estudar Comunicación Audiovisual e o meu director favorito é Sam Peckimpah. Facía westerns, películas de tiros, cun existencialismo que flipas.

‘A balada de Cable Hogue’, por exemplo, é lixeira e densa a un mesmo tempo, moi divertida e moi existencialista.

Esa película sacouna despois de ‘Grupo Salvaxe’, e cando a xente esperaba ‘Grupo Salvaxe II’ fai de súpeto ese filme intimista, cun disparo en toda a historia…

UN ANO PROLÍFICO

Produce o Hevi. Que achegou ao disco?

É un xenio. Parece un tópico dicilo, pero é. O que ofrece é incalculable. Sen el, non habería disco ou sería completamente diferente. Non é só que ten talento, se non que saca o mellor de ti. É a apertura de mente que ten, sempre está aberto a probar sempre cousas, nunca di que non a calquera proposta que teña algunha opción de funcionar. Tamén é certo que eu son súper enfermizo coa música e el é igual de paixonal, de botar tres horas para escoller un bombo, así que houbo días nos que me dixo: ‘mira, por favor, vaite’ (risadas). É a única persoa que coñezo coa que sabía que, con el, o disco ía ser moito mellor. Ten unha concepción minimalista que é flipante.

Agora estás en Ernie Producións, e mesmo compartes equipo de comunicación con Morrisey ou con Rick Astley (risadas).

É unha toleada, unha barbaridade. A mediados do ano pasado foi cando falamos Josiño, de Ernie Producións, e máis eu. A sensación que me dá iso resúmocha nunha anécdota: fun tocar a Madrid con Ortiga, e á volta, viña el con nós. Contábame cousas que, se facemos un simil co baloncesto, sería como: ‘si, entón eu respondinlle isto a Kareem Abdul Jabbar’ (risadas). Quenes traballaron con el chegaron a sitios importantes. Ao final, que un tipo coma min, da Mariña, estea facendo temas en galego e chegue a escoitalo peña de Valencia… É incrible, é inexplicable. Xa non só a nivel de distribución e promoción, é saber que hai toda esa xente traballando contigo.

Imaxino que pensaches o mesmo cando Ortiga e dani tocaron unha canción túa nun programa da televisión estatal, ‘Un país para escucharlo’.

Tal cual. A Chicho de Ortiga ese día leveino eu en coche desde Chantada. Estabamos nesta praza, preto da Catedral de Lugo, e cando empezaron a cantala, nun programa que presentaban Víctor Coyote e Ariel Rot, tivenme que ir, non sabía xestionar aquela situación, pensei: ‘volvo cando acabe’ (risadas). O meu hábitat natural é estar en ‘calzoncillos’ na casa (risadas), non esas cousas. E logo ves que unha señora maior de Guadalaxara di en Youtube que a canción é moi bonita… É tan bo que non sabes xestionalo (risadas).

“cando dani e ortiga cantaron un tema meu en ‘un país para escucharlo’ tiven que marchar da praza. non o sabía xestionar”

Como aquel que dicía, ‘vai todo tan ben que teño medo de que pete na porta a Policía’ (risadas).

Tal cual, xúrocho. Non é que non me crea os eloxios, a quen non me creo é a min (risadas). Un día soou ‘Vémonos no baño’ en Radio 3 e pensei inmediatamente: ‘vou ter un accidente’ (risadas). E contáballo a Josiño e ríase. Foi un ano moi prolífico, e a ver se dou estirado a sorte (risadas).

Verémoste en concerto nos próximos meses?

Si, algunha cousa hai, pero a ver como afecta a cuarta onda se a hai. A verdade é que non temos nin idea de como van ser os próximos meses. Esperamos que si se poida facer algo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...