Ribadeo ofrecerá un mostrario da arte inclusiva galega e asturiana

Inclusiones 18 levará o venres ao Hernán Naval seis propostas artísticas de persoas e colectivos que superan barreiras

Inclusiones 18 ofrecerá seis propostas artísticas. AXM

O auditorio Hernán Naval de Ribadeo acollerá o vindeiro venres, desde as 19.00 horas, o resultado de Inclusiones 18.

O proxecto, que impulsa a Fundación Edes en colaboración coa Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento, aspira a celebrar a arte na súa diversidade e ofrecerá varias propostas de Galicia e Asturias.

Persoas e colectivos demostrarán o seu talento e as súas capacidades para superar retos.

Adrián Vigo, con problemas motores provocados por complicacións ao nacer, foi quen de desenvolver as súas inquedanzas musicais e as súas habilidades artísticas.

Cunha discapacidade física do 80% que non lle permite andar, é quen de actuar, de memorizar harmonía e de compor pezas musicais. No acto interpretará alalás xunto ao seu profesor e compañeiro David.

Familia María Fumaça xurdiu para facer feliz a Rui. A súa madriña Uxía Domínguez Senlle impulsou o tren e hoxe converteuse nun proxecto de arte e diversidade que rompe barreiras, cunha traxectoria de sete anos e cinco libro-discos.

Rui, Chus e Manuel compoñen cancións compartindo a creación con diversos artistas.

Inclusiones 18 tamén mostrará o traballo de doce escolares do colexio Jesús Álvarez Valdés, de La Caridad.

O alumnado de quinto de primaria interpretará tres pezas musicais con instrumentos de pequena percusión e frauta.

A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental da Mariña, pola súa banda, recreará unha peza teatral con música en directo.

A proposta da Fundación Eu Son de Burela volve a esta edición de Inclusiones. Nesta ocasión, interpretarán escenas teatrais surrealistas.

A Compañía Ilusiones de Tapia presentará ‘Las estrellas de la compañía ilusiones‘. O espectáculo xoga cos textos e as luces nun ambiente onírico que procura equiparar os actos de soñar e vivir.

ENSAIOS-OBRADOIROS

Os artistas ensaian para o evento no auditorio de Ribadeo e na finca El Cabillón da Fundación Edes. Ugia Pedreira encárgase da música e Marina Oural dos textos. O traballo diario dos profesores e profesionais de Edes potencia o proxecto.

EXPOSICIÓN

Os asistentes ao evento poderán ver, á entrada do auditorio, unha exposición ambiental. Esta benvida responde á colaboración de Adinora e do Centro de Apoio á Integración Canero-Valdés.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here