Xabier Pardiñas, SEVA: “realizamos traballos sobre todo de investigación e dos que publicamos cadernos”

Xabier Pardiñas preside o Seminario de Estudos do Valadouro (SEVA), unha institución que busca proxectar tanto a historia como a etnografía do Val do Ouro (O Valadouro e Alfoz). Neste sentido, leva adiante a publicación de cadernos relacionados coas diferentes investigacións dos seus socios e socias. Entre os traballos destacan os de recollida e recompilación de ditos e refráns, investigación histórica e pescudas sobre a toponimia de todo o val.


-Cando e por que nace o Seminario de Estudos do Valadouro?

O SEVA nace a finais de 2011, aínda que a asemblea onde se establece a primeira xunta directiva é en abril de 2012. A idea era xuntar persoas con inquedanzas en común e unha persoa interesada en que isto se materializase foi Pepe Peinó, daquela concelleiro de Cultura de Alfoz. Decidiu reunirnos nunha xuntanza no Concello do Valadouro, e creo que eramos dezaseis socios fundadores. A partir de aí démoslle forma, constituímonos como institución e que logo deu paso á xunta directiva da que fun presidente. Pepe Peinó foi presidente entre 2016 e 2020 que coincide cando eu era concelleiro de Cultura en Alfoz e considerei non compatible un cargo co outro.

-Os obxectivos que marcaron o nacemento do SEVA cales foron?

Basicamente o estudo e promoción dos valores do noso val, tanto históricos, arqueolóxicos, artísticos e mesmo económicos. Queriamos conservalos para que as novas xeracións tivense acceso a eles, non directamente mais si a través dos estudos, dos eventos e das publicacións que quedarán para eles grazas ao traballo de investigación do SEVA.

A idea era xuntar persoas con inquedanzas en común e unha persoa interesada en que isto se materializase foi Pepe Peinó, daquela concelleiro de Cultura de Alfoz

-Até o nacemento do SEVA como se trataban eses aspectos distintivos do Val do Ouro?

Creo que non había ningún outro colectivo que realizase as tarefas que realiza agora o SEVA, nin desde a Administración nin doutros colectivos que xa existían e levaban adiante outro tipo de traballos diferentes aos que realiza o Seminario. Para min realizamos traballos que non realiza ningún outro colectivo, sobre todo de investigación e dos que publicamos cadernos sobre esas investigacións. Ese era un dos principais obxectivos.

-Recolléronse por parte do Seminario traballos que se fixeran de maneira “voluntarista” sobre o Val do Ouro por persoas interesadas na idiosincrasia da zona?

Si que existían traballos mais moitos estaban en mans de coleccionistas ou persoas interesadas en diferentes temas. Isto dificultaba o acceso a eles. Un exemplo é o caderno que imos publicar O Valadouro: apuntamentos históricos. Este é un libro de Xosé Martínez Cobo, párroco de Bacoi en Alfoz, e que foi publicado en 1912. El fixo un traballo sobre o val sen ter en conta as divisións admnistrativas. Estamos pendentes de publicalo pois houbo que facerlle unha tradución ao galego de Isaac Ferreira, e que pretendemos poñer a disposición de todo o mundo. Así poderá verse como a comezos do século XX xa había obras que falaban do noso val.

Os obxectivos on basicamente o estudo e promoción dos valores do noso val, tanto históricos, arqueolóxicos, artísticos e mesmo económicos

-Á parte do patrimonio do Val do Ouro, cales son os traballos que lle gustaría realizar ao SEVA para a recuperación de elementos etnográficos e culturais?

Creo que un dos traballos máis importantes é a catalogación. Nese sentido hai unha obra que, se ben foi iniciado polo SEVA na súa orixe, unha obra de Isaac Ferreira, Xesús Pisón e Manuel Lourenzo, que era O inventario do Valadouro. Acabou publicandose hai tres ou catro anos grazas aos concellos de Alfoz e do Valadouro ademais da Deputación de Lugo. A vocación do libro era recuperar a memoria de que patrimonio temos. Todo para catalogalas desde diversos puntos de vista e mesmo recollemos a toponimia dos diferentes lugares que conforman o Val do Ouro. Os cadernos que publicamos tamén son ás veces traballos de investigación sobre patrimonio inmaterial, ditos e refráns e mitoloxía. Traballo de catalogación e recuperación.

-Un exemplo diso foi Ditos e refráns do Valadouro de Lionel Rexes.

Foi o segundo caderno do SEVA. Os cadernos son un dos primeiros obxectivos do Seminario para sintetizar todo o traballo que facía a xente do colectivo. Están divididos en tres grandes áreas: Arte Sociedade e Natureza. Dentro da áera de Sociedade apareceu o caderno de Lionel Rexes, que é parte dese patrimonio inmaterial que pretendemos recuperar. De feito o caderno número 12 levará o título de Ditos e Refráns do Valadouro Ilustrados. É unha colección de 50 ditos e refráns que no seu día recolleu Lionel Rexes e que Xosé Blanco, que foi deseñador da fábrica de Sargadelos e é veciño de Alfoz, encargouse de ilustralos para esa colección de ditos e refráns. Este caderno será presentado a comezo de ano. Temos outros tres en carteira para publicar o ano que vén, un deles o de Xosé Martínez Cobo, que non deixa de ser unha traducción e unha recuperación dunha publicación de 1912. Hai outro de Prudencio Vivero Mogo, Textos e contextos da emigración do Valadouro en Cuba. Prudencio presentou un libro sobre a emigración en Cuba e encargouse de resumilo e temos a intención de presentalo de cara a primavera deste ano. O terceiro é A Casa Grande que é unha colección de relatos de Isaac Ferreira e que pretendemos publicar en 2022.

-Dentro dos traballos de investigación do SEVA, cales son os elementos encontrados inesperados?

Cada caderno ofrece novidades que cada veciño de a pé nos pode achegar. Todos eles teñen datos novos. Hai algún traballo como os traballos de mitoloxía que nos dan unha imaxe máis difícil de pasar de pais a fillos pois vaise perdendo a orixe desa historia. A nivel de patrimonio artístico si se fixeron outros traballos de catalogación como o dos cruceiros. Son traballos agradecidos porque encontran xoias sen catalogar e descoñecidas para a maioría.

Os cadernos que publicamos tamén son ás veces traballos de investigación sobre patrimonio inmaterial, ditos e refráns e mitoloxía

-Houbo algún caso curioso sobre o patrimonio histórico-artístico do Valadouro?

Hai casos de expolio. Un caso é o retablo da igrexa do Castro Douro, unha peza que falta, o retablo enteiro. Supostamente a comezos do século XX cando se fixo un arranxo da igrexa levárono para arranxar. Cando o retiraron viron que detrás había unhas pinturas moi antigas, da época medieval. Agora mesmo esas pinturas forman o fondo do altar da igrexa do Castro Douro. Debido á importancia das pinturas o retablo quedou no esquecemento. Só quedan dúas pezas laterais e ninguén sabe onde está. Dise que pode estar en Viveiro mais non está catalogado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here