InicioEn ProfundidadeMiguel Arce, profesor de lingua galega no Bierzo: “nesta comarca conviven tres...

Miguel Arce, profesor de lingua galega no Bierzo: “nesta comarca conviven tres realidades lingüísticas diferentes”

Miguel Arce foi unha das persoas implicadas na creación do Servizo de Normalización Lingüística de Foz en 2012. A experiencia foi breve, un verán, aínda así, o seu traballo deixou pegada entre os seus colegas na Mariña. Hoxe en día desenvolve as súas tarefas pedagóxicas sobre lingua e cultura galegas no Bierzo, un lugar de onde extrae experiencias que nos poden axudar a comprender moito mellor a realidade dunha das áreas onde o galego oriental está en perigo de desaparecer.

Publicada o

- Advertisement -

-Que recordas da túa experiencia en Foz dentro do Departamento de Normalización Lingüística?

Pois foi un verán na Casa do Concello. Alí coa xente de Radio Foz e da Casa da Cultura deseñamos un programa de normalización lingüística. Isto acabou nun proxecto de recompliar a lingua escrita, pois alí case todo o mundo fala galego, mais como é un lugar moi turístico había moi pouca xente que se animase a escribir galego. Desa maneira démoslle visibilidade á xente que usaba o galego escrito para temas de publicidade ou en publicacións. Ao final o resultado foi bastante ben.

-De Foz pasaches ao Bierzo. Que te levou até aí?

Son profesor de lingua galega e rematado o meu traballo en Foz entrei a traballar nun programa específico deseñado nesta comarca. É un convenio entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León. Aquí hai cinco centros onde se ensina lingua e cultura galega en Vilafranca do Bierzo, Cacabelos e despois Ponferrada.

-Cando chegaches a esa comarca, cal foi a túa reacción ao escoitar falar galego fóra das demarcacións administrativas de Galicia?

Xa coñecía o Bierzo, mais iso si, chama a atención que fóra de Galicia haxa persoas que falan coma ti. A forma de falar é semellante á que hai na Fonsagrada ou en Valdeorras. Teñen algunha expresión propia ou palabras que non se usan en Galicia, mais basicamente é o galego oriental.

coa xente de Radio Foz e da Casa da Cultura deseñamos un programa de normalización lingüística. Isto acabou nun proxecto de recompliar a lingua escrita

-Ás veces dá a impresión de haber un movemento social de cara á defensa do galego no Bierzo. É real ou é unha falsa impresión?

Eu penso que é unha falsa impresión. Tamén en Galicia hai problemas de transmisión da lingua de pais a fillos. Mais queiras que non, o feito de haber unha radio, unha televisión, un Parlamento onde se usa e tamén poder usar a lingua para os trámites nun concello, dálle moito apoio. Aquí non houbo ningunha política de normalización. Pasaron de corenta anos de franquismo a corenta anos coa capital autonómica en Valladolid. No houbo ese paso á cooficialidade, quedou como lingua coloquial no seo das familas. Tamén houbo moito máis corte no paso dos avós aos fillos e dos fillos aos netos. Moitas veces as únicas persoas que falan galego aquí son os avós pois a transmisión cortou totalmente. En Galicia ten problemas a transmisión mais non cortou como aquí. Se durante o franquismo o uso público do galego estaba prohibido, logo cando Galicia pasou a ser autonomía, até certo punto superouse ese complexo. Aquí só se usa o castelán e o galego quedou para o uso familiar. Á parte hai un punto pouco coñecido, que o Bierzo é terra de tres linguas: o asturleonés, o galego e o castelán en áreas onde sempre se falou. E isto nunha comarca. Concellos galegofalantes serían quince concellos desde Ponferrada até Pedrafita. Bembibre está dentro da área onde se falaba asturleonés.

entrei a traballar nun programa específico deseñado nesta comarca. É un convenio entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León

-E esa percepción de concellos do Bierzo que queiran pasar a Galicia?

A desgaleguización é máis forte nas vilas, por seren máis grandes. Dentro da área dos Ancares hai un concello, Balboa, cun grande atractivo turístico aínda sendo un lugar de 700 habitantes. Alí organizan numerosos festivais de música para atraer público interesado na música de aquí e na galega. É dicir, hai unha certa naturalidade con respecto á existencia dunha delimitación administrativa, mais tanto ten estar do lado de Balboa como de Pedrafita, non hai tanto cambio cultural, logo Ponferrada xa é outra cousa. Este ano, por exemplo, na prensa saiu a reivindicación dun lugar do Concello de Balboa, Fonte da Oliva, como están a medio camiño entre Cervantes e Balboa e só teñen acceso por un camiño de terra, fixeron un referendo simbólico para pasar a Cervantes onde se se sentían mellor atendidos que do outro lado. Agora existe un sentimento provincialista, pois esta comarca xa fora provincia no pasado, e encaixou administrativamente en León. No pasado estivo unido a Valdeorras e ten moito contacto con Villablino e Laciana, mais León xa queda a hora e media de Ponferrada.

Moitas veces as únicas persoas que falan galego aquí son os avós pois a transmisión cortou totalmente

-Existe un vídeo sobre o uso escrito do galego na comarca berciana feito por alumnos de ensino secundario. Unhas imaxes apuntan que o Estatuto de Autonomía de Castilla y León fala de “respecto e protección” cara o galego. Até que punto é certo isto?

É unha declaración simbólica. Hai aspectos nos que si se realizan traballos de normalización como o proxecto para o que traballo. Despois, a presenza da lingua é de uso máis familiar ou entre veciños, con moi pouca presenza escrita. Por iso o proxecto do vídeo era para que os rapaces tomasen conciencia de que esa lingua usada na casa, se buscan, ten unha presenza escrita que podería ser maior se se implicasen as autoridades na cooficialidade como piden algunhas asociacións. Tamén sería posible se o Consello Comarcal se movese de cara o recoñecemento do galego, é dicir, de ser algo simbólico no Estatuto de Autonomía que sexa usado na vida real. Así, as persoas galegofalantes poderían facer as compras en galego, abrir unha conta no banco en galego e noutros aspectos. A día de hoxe todo iso non se cumpre.

-Non sería doado para estes mozos e mozas encontrar galego escrito. Comentáronche as dificultades que tiveron para dar con exemplos?

Onde máis encontraron foi nos supermercados da vila. O Eroski-Familia rotula nas catro linguas oficiais, aí encontraron material. Logo na toponimia con lugares como Horta, Outeiro e outras máis. Moita xente non ten conciencia de son palabras galegas, por exemplo, Carracedelo, se fose un topónimo en castelán sería Carrizal. A xente de aquí xa o ve como tan normal que as ven como únicas nesta comarca, cando xa non se empregan fóra da comarca.

-Estes nenos como contactan co galego?

Son adolescentes de primeiro de Bacharelato. Primeiro teñen inmersión lingüística na asignatura de Xeografía e Historia durante a ESO e en primeiro e segundo do Bacharelato teñen unha asignatura optativa que é Lingua e Cultura galega. Os que fixeron o vídeo son de primeiro de Bacharelato.

-Encontraron dificultades para realizar o vídeo, como xente apuntándolles que fixesen algo máis útil ou que estaban a perder o tempo?

O autoodio é moito máis potente aquí que en Galicia. O autoodio parte en negar que se fala galego en parte do Bierzo, negar que teoricamente se fala igual das dúas bandas, de aí chamarlle dialecto berciano. A biblioteca da vila ten un proxecto, ‘O Caldeiro de Palabras’, basicamente é un balde onde os usuarios introducen por escrito palabras oídas no día a día e a maioría son en galego. Mais si existe ese rexeitamento a dicir que aquí se fala o galego como en Galicia. Tampouco é tan diferente do que sentimos os galegos a respecto do portugués.

o proxecto do vídeo era para que os rapaces tomasen conciencia de que esa lingua usada na casa, se buscan, ten unha presenza escrita que podería ser maior se se implicasen as autoridades

-Se a un neno ou adolescente lle dá por falar galego nas vilas grandes, que pode suceder?

Nas vilas grandes cambian. Quen usa o galego na casa en aldeas, na vila mudan. Se insisten, hai certa comprensión. Cando eu cheguei aquí fixen a vida en galego durante cinco anos, mais se da outra parte só escoitas castelán, ao final acabas mudando ti. Se non hai un uso social da lingua é moi difícil.

-Identifícase o feito de falar galego con algún posicionamento político?

Realmente non, tampouco é que haxa un partido posicionado, ou se o hai, Coalición polo Bierzo aínda se molla un pouco. Mais é un partido sen moita representación de non ser a nivel comarcal. Aquí non hai identificación política coa lingua. Tampouco hai partidos que o reivindiquen. É certo que existe certa representación de Unión del Pueblo Leonés, UPL. É un partido de negar que aquí se fale galego para tentar recuperar o leonés. Dicir tamén que o asturleonés está moito peor por perda de falantes e falta de transmisión xeracional.

-Como puido ter sobrevivido o galego no Bierzo?

Sobreviviu como lingua oral. A alfabetización chegou tarde, a xente dedicábase ao campo ou á minaría, que cambiou moito a comarca. O feito de conservarse aquí foi case casualidade, porque cando chegou a democracia non houbo un pulo normalizador como en Galicia.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...