InicioCulturaVanessa Chao, Saíñas de Xove: "Os obxectivos da asociación son transmitir a...

Vanessa Chao, Saíñas de Xove: “Os obxectivos da asociación son transmitir a cultura, a música e o baile tradicional reflectíndoo tamén na maneira de vestir”

A Asociación Cultural Saíñas de Xove cumprirá corenta anos en 2023. É unha das asociacións culturais veteranas da Mariña e o seu labor foise consolidando durante estas catro décadas, algo que os ten levado a participaren en festivais internacionais ou teren representado a Galicia en encontros internacionais. Ademais diso, Saíñas realiza un traballo de consolidación dos bailes e tradicións entre a xente máis nova. A magnitude desta asociación pode verse no número de asociados e asociadas, cen persoas nun concello de 3.400.

Publicada o

- Advertisement -

-Como foron os primeiros pasos desta asociación até chegar aos nosos días?

Saíñas naceu en 1982 como unha Asociación Cultural Deportiva. En 1983 estableceuse como asociación cultural, simplemente, e aí foi cando tomou o rumbo dunha asociación de actividades culturais tradicionais. Os obxectivos da asociación son transmitir a cultura, a música e o baile tradicional reflectíndoo tamén na maneira de vestir.

-Fixestes algún tipo de investigación sobre como vestía a xente da comarca cando asistía ás romarías ou os traxes que levaban para bailar?

Nós directamente non fixemos traballo de campo porque, por dicilo dalgunha maneira, nos veu un pouco dado. A asociación durante os 90 fixo algo de recollida, mais desde o ano 2000 xa non se fixo máis traballo deste tipo, pois cada vez había menos persoas que recordaran aqueles tempos ou basicamente, xa morreran e con eles e elas perdéronse cousas. A xente maior que vive actualmente xa non recorda ou xa non viveu moitas das actividades comunitarias que se facían hai tempo. Por exemplo, as esfolladas do millo, foliadas ou bailar e tocar para divertise. No caso das prendas, aínda poden encontrarse pezas en faiados, mais nós bebemos moito do feito nos 90. Vivimos do traballo xa feito e non só nós, senón outras asociacións coas que se intercambia información. O certo é que tentamos que as vestimentas se baseen en pezas antigas, mais nós non fixemos a investigación aínda que si nos documentamos para reproducir ese vestiario.

-E non foi posible a recollida de pezas musicais de antigo na área da Mariña Occidental?

De todas as pezas que tocamos ningunha é da Mariña, o máis próximo sería a Montaña de Lugo. Aínda así, non descarto que outras asociacións teñan algunha peza recollida. Esta debeu ser unha desas áreas onde primeiro se perderan as tradicións de foliadas, seráns para tocar e bailar entre veciños, non entre músicos profesionais, senón entre veciños e veciñas para que se coñeceran as parellas. Hai moita máis información na área de montaña, ao mellor por quedar illada, tamén na Costa da Morte ou áreas de Pontevedra. Quizais por chegaren máis tarde as orquestras e o xeito de facer as festas actuais.

A asociación durante os 90 fixo algo de recollida, mais desde o ano 2000 xa non se fixo máis traballo deste tipo

-Actualmente cal é o número de persoas que compón Saíñas?

Pois somos uns cen socios e socias e as idades varían desde os cinco anos aos 55 anos.

-Facedes cursos de iniciación ao baile e á música tradicional?

Facemos cursos de iniciación para adultos e para xente noviña. Logo hai un grupo que se chaman Os Galochos, que andan polos doce anos e xa van bailando, outro grupo son os Cacharelas, que digamos están formándose, son os adolescentes de 16 anos e xa por último está o grupo de adultos que é Saíñas. Tamén se ofrecen cursos de gaita e percusión e aí temos os de iniciación e o grupo propio da asociación. Puntualmente podemos organizar outros eventos, como un obradoiro de zanfona, outro de cante con docentes concretos. Desde hai dez anos tamén montamos espectáculos que teñen como un fío argumental baseados en pezas de baile. Un que foi existoso era A Taberna, ambientado nunha taberna de comezos do século XX. Hai pouco fixemos outro chamado A Tradición, que é a evolución do baile, desde os primeiros tempos, a Sección Feminina e os grupos corais. Non somos os únicos con este tipo de repertorio, hai outras asociacións con traballos semellantes. Iso si, facémolo sempre baseándonos na tradición. En 2017 montamos un baseado en tradicións vivas. Recollemos as poucas que quedan vivas como o Entroido de San Adrián de Cobres, a danza de espadas de Redondela ou os Boteiros de Vilariño de Conso.

Desde hai dez anos tamén montamos espectáculos que teñen como un fío argumental baseados en pezas de baile

-En breve celebraredes o corenta aniversario.

Será en 2023, porque foi en 1983 cando comezamos como asociación cultural, co cal intentaremos montar un espectáculo que reflicta toda a historia destes corenta anos. Se a situación sanitaria nolo permite, faremos algo de homenaxe a nós mesmos se a situación sanitaria o permite. No vinte e cinco aniversario convidaramos a persoas que deixaran a asociación por diferentes motivos e volveron para recordar vellos tempos, pois agora esperamos que se poda facer algo semellante para o corenta aniversario.

Desde hai dez anos tamén montamos espectáculos que teñen como un fío argumental baseados en pezas de baile

-Saíñas ten forza logo de catro décadas, polo que se ve.

Si, vemos que hai canteira, cada ano hai socios novos, tamén hai quen non pode seguir por diferentes motivos. Durante a pandemia por momentos tivemos a actividade reducida ou enfocada doutra maneira. Agora xa podemos facer ensaios, temos actuacións previstas para este ano, coas medidas sanitarias, obviamente. En abril realizaremos o festival infantil. Este ano é probable que non fagamos actuacións no estranxeiro, aínda que tivemos asistido á Europeade, non temos claro ir pola situación sanitaria. En 2018 representamos a Galicia no festival intercéltico de Lorient na Bretaña, que foi para nós o punto máis álxido da nosa carreira até o momento.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...