InicioCulturaEnrique Penabad: "Só no interior do concello encontramos un gaiteiro e un...

Enrique Penabad: “Só no interior do concello encontramos un gaiteiro e un par de señoras que tocaban a pandeireta e que cantaban”

San Miguel de Reinante é unha parroquia do Concello de Barreiros recoñecida dentro do mundo da danza tradicional polo seu Festival do Emigrante. Esta celebración naceu por iniciativa de parte da xente nova do lugar que buscaban homenaxear aos pais e nais emigrados que, a finais do verán, volvían aos países onde traballaban mentres os fillos quedaban cos avós. Enrique Penabad formaba parte daquel grupo de xente nova que se atreveu a facer esta e outras iniciativas que hoxe marcan o calendario de festivais na comarca.

Publicada o

- Advertisement -

-Cales foron os eixos fundacionais da Asociación “Arco da Vella”?

Algúns de nós xa tiñamos feito algo semellante no instituto de Ribadeo, que daquela se chamaba tuna de instituto, mais non deixaba de ser un grupo folclórico. Por outra parte, o plantel do antigo Teleclub de San Miguel desaparecera case de todo e quen quedaba eramos os do grupo basicamente. Daquela organizamos unha semana cultural e había só un grupo para bailar, casualmente todas eran rapazas e trouxeran a música nun radiocasete. A partir de aí, naceu a idea de organizarmos algo pois uns sabían tocar, outros sabían bailar e aquela mesma tarde ensaiamos, vestimos pantalóns vaqueiros e xerseis azuis, a única uniformidade que tiñamos. Así fixemos e á xente gustoulle porque había gaita e baile. E esa foi a semente. Logo no Nadal do 79-80 puidemos preparar a cabalgata con tempo e actuamos o 5 de xaneiro de 1980 sen ser aínda “Arco da Vella”. Axudáranos o cura da parroquia quen sabía de traxes no colexio das monxas de Ferreira e os homes cortamos pola metade pantalóns de tergal e vestimos camisas brancas ou azul claro. A partir desa cabalgata xa falamos de facer algo serio e en febreiro de 1980 constituiuse a acta fundacional de “Arco da Vella”. Comezamos dezasete, fixemos ensaios e a primeira actuación foi o 15 de maio dese ano en San Miguel de Reinante na Praza do Souto.

-A partir de aí, iniciastes tamén a recollida de pezas e cancións na zona?

Cando organizamos os estatutos e cando xa estaba todo listo, pensamos: cal é a finalidade primordial deste grupo? Así puxemos como finalidade defender o folclore desta zona, porque realmente non había. Non sabiamos de nada que tivera existido antes. Estaba Ribadeo co seu grupo de baile e gaitas e tamén Viveiro, mais aquí non sabiamos nada. Así foi como comezamos a investigar e o primeiro que buscamos foi roupa. Preguntamos aos nosos avós, mais en San Miguel de Reinante non sabían moito. Iso si, había moito teatro e formación musical non tradicional. Entón comezamos a buscar polo resto do concello e así encontramos un gaiteiro en Vilamartín e logo fomos mirando outras zonas e pouco a pouco encontramos algunhas pezas. Caemos na conta que non era un lugar cunha grande riqueza nese sentido, mais si había xogos e tradicións relacionadas co folclore, bailaban agarrados e logo xogaban. O baile agarrado foi a partir da Guerra Civil, aínda así seguimos buscando e apareceron cousas. Ese foi o nacemento, defender o pouco que encontramos. Tamén fomos aprendendo doutros sitios e evolucionando.

Logo no Nadal do 79-80 puidemos preparar a cabalgata con tempo e actuamos o 5 de xaneiro de 1980 sen ser aínda “Arco da Vella”

-Cal cres que é o motivo de non terse gardado folclore da zona?

Un sitio tan pequeno como San Miguel tiña tres bailes e dous cinemas. A xente ía moito ao cinema tamén para ver teatro. Recordo de neno ver grupos de teatro facendo tournés. Había unha tradición cultural moi ampla. Sobre folclore encontramos máis no interior do concello que na costa. Aquí falábanche de que viñan as grandes orquestras como Os Satélites con Pucho Boedo, mais se preguntabamos sobre pandereteiras, que é un instrumento que se podía facer nas casas, pois non encontramos. Mais no interior do concello si encontramos un gaiteiro e un par de señoras que tocaban a pandeireta e que cantaban, mesmo as cancións eran en castelán, cousa que pasou en toda a tradición galega. Penso que esa tradición de cinema, teatro e música era o máis estendido e cando falaban do traxe tradicional, falaban de carnaval, dicíancho así, vestir o traxe tradicional era “vestir de carnaval”.

-Co paso do tempo naceron agrupacións iguais ou similares á vosa. Comezastes a facer intercambios entre vós?

O primeiro ano non, mais si fixeramos o Primeiro Festival do Emigrante pois do grupo que comezamos, moitos tiñan os pais emigrados en Suíza e Francia. Entón pensamos en facer algo especial para eles e por iso lle puxemos o nome de Festival do Emigrante e quedou até o día de hoxe. Logo pasaron dous anos máis en que actuabamos moito até que en 1982 comezamos a facer intercambios, os primeiros foron con “Ledicia” de Burela e “Airiños do Xunco” de Cervo. Logo apareceron máis grupos e así ampliamos cara Asturias, cara á Coruña e outras comunidades e todo iso tamén o metemos no Festival do Emigrante.

Caemos na conta que non era un lugar cunha grande riqueza nese sentido, mais si había xogos e tradicións relacionadas co folclore

-En relación a ese festival, fostes actuar aos lugares onde residían eses emigrantes?

Non, mais si que houbo un ano que viñeron un grupo de emigrantes bailar ao Festival. Hoxe en día hai circuítos creados pola Xunta. Daquela os pais estaban emigrados traballando e os fillos quedaban aquí vivindo cos avós. Co paso do tempo, algúns deses pais dicían que estaban dentro da Casa de Galicia de tal ou cal lugar. Non había maneira económica de viaxar fóra. Cos intercambios si, pois así eles viñan e nós podiamos ir ao lugar de procedencia.

-Como transcorreu aquel primeiro Festival do Emigrante?

Case foi a petición deles, pois en San Miguel a final de agosto non había festa. Así nunha semana fixemos unha invitación casa por casa dos emigrantes que viñan e algún cartel. Foi un día na Praza do Souto e tiña que ser aquela semana porque para a outra semana xa comezaba a irse a xente. Fíxose o mércores, unha actuación do “Arco da Vella”. Houbo dous anos en que non houbo e logo foron 38 edicións, quitando os anos da COVID. Isto trouxo unha historia xa de tradición até que chegou a posibilidade de intercambios, mesmo con grupos doutros países. O gran paso para o festival foi o cambio de ubicación, pois o primeiro na Praza do Souto estaba a estrada xeral ao pé, e nun domingo pola tarde no mes de agosto era impresionante a cola de coches na estrada. Cando foramos bailar ao Festival Internacional de Gijón, actuamos no estadio do Molinón. Actuamos sobre unhas tarimas postas no campo e a xente nas gradas. Aí foi cando pensamos: “así é como se debe ver unha actuación”. Así podes ver todos os movementos de todos e todas as danzantes. Tomamos a idea de ir para o campo de fútbol, non sen polémica, pois houbo quen quería continuar na Praza do Souto. O certo é que foi un éxito porque quen vai é para ver un festival folclórico.

-Como se reflicte o traballo feito todos estes anos nas novas xeracións?

Penso que facer escolas logo dun tempo estanos dando canteira pensando no futuro. Por exemplo, temos o festival infantil que foi a fin de semana pasada e conta con dez edicións menos que o Festival do Emigrante. Agora que vai habendo menos xente pois queremos que os pequenos se interesen no folclore. Así creamos as canteiras para continuar para adiante.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...