Primeiro revés do curso para o Pescados Rubén FS, que perde o liderado

O cadro burelés topouse cun sólido Castellón que marcou en momentos chave do partido

Vargas supera a Genís. AXM

A imbatibilidade laranxa ata a décimo novena xornada. O Pescados Rubén Burela FS perdeu o seu primeiro partido do curso ben entrada a segunda volta. Fíxoo contra un Bisontes Castellón que deixou unha imaxe de solidez (0-4) en Vista Alegre.

O cadro valenciano marcou tanto ao inicio da primeira metade -no minuto 7-, obra de Txema, como do segundo acto -no 22-, por mediación de Genís. Este último, o futbolista máis perigoso dos visitantes, obrigou a Edu a sacar un pé prodixioso para evitar o 0-2 xusto antes do descanso.

Os dous goles marcaron un encontro no que o Burela tivo boas oportunidades para limar diferenzas nas botas de Vargas, que perdoou nun man a man ante Nacho Serra, ou de Renato, que disparou ao poste. Foi pouco antes de que Rangel anotase o 0-3, outro xarro de auga fría para os locais.

O cadro laranxa buscou achegarse no marcador co xogo de cinco e Juanito sentenciou o encontro no minuto 31. Non baixou os brazos o conxunto burelao, que gozou dun dobre penalti para marcar o primeiro tanto. Pero non era o día: Salah detivo o disparo de Matamoros.

EMPATE NA CABEZA

A derrota encaixada non penalizou en exceso a nivel clasificatorio ao cadro que adestra Juanma Marrube, xa que un dos seus inmediatos perseguidores, o Manzanares, tampouco puido puntuar. O equipo de Ciudad Real perdeu na casa (0-3) con El Pozo Ciudad de Murcia.

Si gañou o Betis, que goleou (10-2) ao Tenerife e alcanza o liderado. 42 puntos teñen andaluces e mariñaos, por 39 do Manzanares.

VISITA AO TENERIFE

Na vindeira xornada, o Burela FS visitará o sábado (19.00 horas, Pabellón Quinquirá) ao pechacancelas, o Tenerife, que só sumou un punto até o de agora.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here