Cami comanda en Zaragoza ao Burela FSF, que resolve en tres minutos máxicos

A peche brasileira anota tres goles para o cadro burelao, que sentenciou o duelo á volta do descanso tras unha primeira metade na que pasou apuros

As xogadoras do Burela FSF celebran un gol no encontro da primeira volta contra o Zaragoza. AXM

O Pescados Rubén Burela FSF segue firme no liderado da Liga Foro 16 Feminismo tras derrotar a domicilio na mañá deste domingo ao Sala Zaragoza, o penúltimo clasificado (2-8).

O cadro aragonés demostrou que nunca hai que fiarse do que di a clasificación, pois na primeira metade puxo en atrancos ao cadro que adestran Julio Delgado e máis Lucas.

Jenifer adiantou ás locais no minuto 8 e o equipo zaragozano tivo oportunidades para ampliar a renda ante un Burela FSF que pouco a pouco foise asentando no encontro e que conseguiu darlle a volta ao resultado antes do descanso, con tantos de Cami e Dany.

O conxunto burelao non deu opción ao cadro maño na segunda metade. Á volta dos vestiarios, entre o minuto 23 e o 25, Cami, Cris e Luci sentenciaron o encontro. Cami de novo, Cilene e Alves completaron a goleada e Sarah marcou o 2-9 definitivo.

O FUTSI TAMÉN GAÑOU

A vantaxe do Pescados Rubén Burela FSF sobre o segundo clasificado segue en tres puntos trala vitoria do Atlético Futsi Navalcarnero na pista do UCAM Murcia (2-3).

PARÓN

Na vindeira fin de semana disputarase a Eurocopa de Portugal, coa presenza de Peque Luci coa selección española e coa de Jenny co combinado anfitrión-.

Tralo descanso, o Burela FSF recibirá ao Móstoles, noveno na táboa, mentres que o cadro madrileño esperará a un rival de entidade, o Universidad de Alicante.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here