InicioDeportesPaso de xigante do Burela FS para cumprir o soño do ascenso

Paso de xigante do Burela FS para cumprir o soño do ascenso

O equipo burelao derrota ao Betis (5-4) e quita seis puntos ao cadro andaluz e cinco ao Manzanares a falta de nove xornadas para o final

Publicada o

- Advertisement -

O Pescados Rubén Burela FS deu un paso de xigante para cumprir o soño de estar a vindeira tempada na Primeira División ao derrotar (5-4) ao Betis nun ateigado Vista Alegre, con 1.200 seareiros.

O cadro mariñao aclarou o seu liderado ao deixar ao cadro andaluz, que chegou a Burela no segundo posto, a seis puntos de diferenza. O Manzanares cedeu un empate (3-3) na casa ante o colista, o Tenerife, e queda a cinco tantos dos burelaos, a falta de nove xornadas para o desenlace.

Pleno de intensidade, o equipo local fíxose forte en comuñón coa afección burelá e pareceu encarrilar no encontro nun inicio demoledor, con dous goles en oito minutos, obra de Almagro en propia porta e de Matamoros.

O Betis chegou con vida ao descanso despois de que o veterano á-pivote internacional Borja Blanco recurtara distancias no marcador.

A posta en escena do Pescados Rubén á volta dos vestiarios foi de novo desequilibrante. Nun abrir e pechar de ollos, entre o minuto 23 e o 24, Joselito, Vargas e Iago Míguez outorgaron aos locais un 5-1 que parecía definitivo.

Con todo, o Betis demostrou que ten mil vidas e conseguiu chegar ao treito final con opcións de puntuar. Elías deu a réplica aos poucos segundos do 5-1 e o tanto deu alas ao coxunto sevillano, máis se cabe trala expulsión por dobre amarela de Renato.

Así, o equipo verdibranco púxose a un gol de diferenza no minuto 35 tralas dianas de Víctor Arévalo e do peche ex do Pescados Rubén Víctor López. A defensa local e máis Edu agrandáronse para conservar a renda e amarrar tres puntos de ouro.

VINDEIRA XORNADA

Na vixésimo segunda xornada da Segunda División, o cadro burelao xogará de novo en Vista Alegre. Recibirá (sábado, 18.30 horas) ao Santiago Futsal no derbi galego.

O cadro compostelán, oitavo clasificado con 30 puntos, é un dos equipos máis en forma da competición.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...